/XORNADA 19, 20 DE ABRIL

XORNADA 19, 20 DE ABRIL

      Dous encontros na casa, ante o Bestla Finance Alzira e o CV Sant Cugat para finalizar a tempada 2012-2013.
   Este fin de semana finaliza a Liga de SF2, que xa ten decididos os ascensos de Vall d´Hebrón e Feel Voley Alcobendas, e que o FisiomásZalaeta  pechará con dous encontros ante a súa afección no Barrio das Flores.
   O primeiro deles, o venres ás 20:00, o partido aprazado ante o equipo alzireño, ao que lle restan tamén dous partidos para este fin de semana. No partido de ida en Alzira, as locais impuxéronse ás coruñesas nun partido tenso e moi igualado, no que as pupilas de Jorge Barrero non tiveron unha boa actuación, e ante as que nesta ocasión sería factible facerse cos puntos en xogo.
   O partido do sábado, ante o CV Sant Cugat, pecha a tempada, e será un partido difícil, no que haberá que render ao máximo para obter un resultado positivo. No partido de ida o Sant Cugat venceu claramente ao FisiomásZalaeta, e nesta ocasión vén a xogarse unha opción de ascenso, na súa loita co Extremadura Arroyo que se enfronta ao líder Vall D´Hebrón, e co que está empatado a puntos na cuarta posición.

   “Preséntasenos unha dobre xornada para finalizar a Liga, comenta J. Barrero, coa parte positiva de que xogamos en casa. O Bestla Finance creo que é un equipo asequible, do que se pode destacar a experiencia dalgunha das súas xogadoras como Esther Sanz, pero rendendo a bo nivel podemos gañarlles. O partido do sábado ante o Sant Cugat será diferente, preséntase con dúas xogadoras no Sete Ideal da xornada pasada, delas, Carlota Santamaría, MVP, e ademais pode xogarse o ascenso, pois necesita gañar na nosa cancha e estar pendente do que faga o Arroyo. Será polo tanto un partido complicado, atractivo para os espectadores, no que teremos que empregarnos a fondo para tratar de aguarlles a festa e finalizar cunha vitoria ante a nosa afección”.