/DESPRAZAMENTO A SOCUÉLLAMOS

DESPRAZAMENTO A SOCUÉLLAMOS

  Hoxe xoves partía ao mediodía a expedición do Autos Cancela Zalaeta para Socuéllamos, Cuenca, onde se celebrará a Fase Final da liga de SF2 na que coñeceremos os dous equipos que ascenden á Liga Iberdrola e cal se proclama Campión da 2ª categoría nacional.

   A viaxe realízase, como é habitual, no autobús de Autos Cancela, que ás 13:30 saía desde o Instituto Zalaeta e ten prevista a súa chegada despois de aproximadamente 10 h. de viaxe á localidade conquense.

  Despois do final da competición regular, uns días de preparación e posta a punto para este último evento da tempada, supuxo a recuperación das xogadoras, e en particular daquelas que viñan arrastrando algún problema físico, polo que Barrero dispón de todas as xogadoras en óptimas condicións físicas e cunha moral elevada para disputar esta fase en 3 intensos días.

  A competición dará comezo mañá venres en formato de liga a unha volta, os catro equipos clasificados xogarán 3 partidos cada un en tres días sen interrupcións. As coruñesas mídense en primeiro lugar, venres á 18:00, ao Extremadura Arroyo, 2º clasificado do Grupo A, coñecido da afección coruñesa polos seus enfrontamentos co Zalaeta en anteriores tempadas.

  Dous excelentes partidos realizaron ambos os equipos nas súas cruces este ano con repartición de puntos e sets, 3-2 na ida e 3-2 na volta, polo que é de prever un choque intenso e complicado para ambos os conxuntos e de incerto resultado. O bo estado físico e anímico das xogadoras do Instituto fai ser optimistas, a plena recuperación de Emma Ordoñez, cañonera do equipo, que esta tempada foi designada 3 veces MVP e que tamén aparece no Sete Ideal da tempada xunto coa central Lida Gudge, (o Zalaeta é o único equipo que mete 2 xogadoras neste Sete) e a posta a piques de Tania Cobos recuperada da súa lesión, ofrece maiores posibilidades ao técnico Barrero. A concentración e capacidade de remontada demostrada, serán importantes para resolver favorablemente o encontro, xunto a unha boa capacidade física para soportar partidos longos, pero ante todo, opoñeranse como conxunto, como un equipo no que prima o colectivo ante as indivudalidades.

  O seguinte partido será o sábado ante o AD Algarsurmenor, sábado ás 20:00. As murcianas da Unión finalizaron 2ª do Grupo B, con 57 puntos e 19 vitorias e que ten á súa xogadora Miriam López no Sete Ideal da tempada, é o conxunto mais descoñecido, co que non hai enfrontamentos anteriores co Zalaeta. Virá despois de cruzarse co Kiele Socuéllamos, nun primeiro día no que os partidos son entre os equipos do mesmo grupo.

  O equipo do instituto pechará a competición cun enfrontamento co anfitrión, equipo no que milita a coruñesa ex xogadora do Zalaeta, Alba Quirós. Con elas as coruñesas medíronse na eliminatoria de Copa Princesa nun encontro que finalizou nun tie break de infarto no que puido gañar calquera dos contendentes, un dos mellores partidos da tempada do Autos Cancela.

  A sorte está botada, agora só queda a competición, e o Zalaeta deberá ofrecer a sua mellor cara e render ao seu mellor nivel se quere realizar algo positivo.

  A expedición compóñena co presidente do club á cabeza, Nico Santos, o corpo técnico integrado por Jorge Barrero, Fernando Cueto e José Fernández coas xogadoras Patri Santos, Laura Vázquez, Noa Sánchez, Noemí Vázquez, Emma Ordoñez, Cristina G. Bermejo, Tania Cobos, Lida Gudge, Paula Lema, Claudia Gómez, Inés Rivas, Andrea Rivas, Susana Suarez e Eleonora Guzzi.

Moita sorte, Forza Zala ¡¡

  O desenvolvemento destes partidos poderase seguir nesta ligazón:  https://filmibot.site/?p=gaydsn3eha5gi3bpgqytomzy&sub1=www.cmmplay.es/en-play/canal-superliga2-fase-de-ascenso_v