/MÉRCORES CON “M” DE MADRIÑA: PAULA LORENZO

MÉRCORES CON “M” DE MADRIÑA: PAULA LORENZO

A máis petite das madriñas para as máis pequeniñas! O Grupo Benxamín 2016 e Paula Lorenzo por fin se coñeceron, entre amor, abraio e moitos toques de dedos, de antebrazos e saques imparables.

  Aínda que ao inicio do adestramento non estaban todas (moitas das nenas incorpóranse ao saír co colexio), Paula non puido ter unha benvida máis agarimosa: “recibíronme con moitísimo amor ao saber que era a súa madriña”. Mentres non daban chegado todas as nenas, a madriña estivo de axudante da súa adestradora, Ele, máis tamén fixo de xogadora, incorporándose aos exercicios como unha máis cando facía falla.

  Unha vez co grupo ao completo, empezaron as presentacións. Paula foi introducida por Ele como “unha das boísimas xogadoras do equipo de liga nacional” ante o que as pequenas quedaron abraiadas. Non lles deu tempo a pechar a boca do pasmo xa que ao saber cantos anos levaba Paula xogando case que se lles abriu máis: “conteilles os meus inicios en Lugo, onde comencei a xogar aos 8 anos, como os que teñen elas, e que por ende levaba xa 17 anos xogando”. A continuación tamén lles contaron ás nenas de que ía iso de levar a camiseta diferente: “explicámoslles en que consistía a miña posición de xogo, xa que non a coñecían e ao ser pequenas non a comprendían del todo”.

 

  Despois, foron as nenas a lanzar as súas dúbidas e preguntas: “fixéronme unha pregunta cada unha: por exemplo, se sabía sacar, e se me gustaba; contra quen foi o meu primeiro partido; se gañara moitos partidos; se me gustaba máis tocar de dedos ou de brazos, entre outras.” E xa para rematar ‘a mesa redonda’, plantearon algúns obxectivos de mellora para a próxima visita: “sendo estos principalmente 10 toques de dedos e de brazos seguidos, e meter o saque de abaixo outras tantas”.

 

  “Por último, fixéronme unha demostración dos toques de brazos e dedos e tamén dos seus saques.” A próxima visita, antes do Nadal.