/SF2: XUVENIL TEIS 3 FISIOMÁSZALAETA 1

SF2: XUVENIL TEIS 3 FISIOMÁSZALAETA 1

 Derrota por 3-1 do FisiomásZalaeta ante Xuvenil Teis no derby autonómico xogado onte no Municipal de Teis.
  Ás 18:15 comezaba o encontro dirixido polo colexiado F. Barrallo que finalizou cun resultado de 3-1 con parciais 25-19; 20-25; 26-24 e 25-16.

XUVENIL TEIS:  Lucía Currás, Noemí Araujo, Alma Vázquez, Alicia González, Federica Farabegoli, Rosana Conde, Sara Urrea, Carla Figueroa, Ana Fariza, Ania González, Xulia Larrán, Olalla Liz e Aida Pérez.
Adestrador Celso Veloso.

FISIOMÁSZALAETA: Patri Santos, Lidia Gudge, Alba Quirós, Emma Ordoñez, Paula Lema, Laura Vázquez, Sara Díaz, Tere A. Oria, Elisa Álvarez, Inés Rivas, Susana Suárez e Noa Sánchez.
Adestradores Jorge Barrero e Fernando Cueto.

  Nova derrota do Zalaeta, esta vez ante un rival directo nunha xornada crave desta primeira volta na que unha vitoria permitiría escalar algunha posición e deixar a cola da clasificación.
  Repítese o mesmo esquema de partidos anteriores, cun primeiro set no que as locais comezan adiantándose, as de Barrero logran empatar no punto 8, para a partir de aí disputarlles o marcador ás de Teis ata un novo empate a 19 puntos no que llo Zalaeta bloquéase e deixa o set en mans do rival que pon o 1-0.
  O segundo set cambia o panorama, son as do Instituto as que dominan desde o principio, sempre por encima no marcador, mellorando en todas as facetas do xogo e cometendo moi poucos erros logran o empate no partido para chegar ao terceiro no que de novo o Zalaeta marca o rimo a seguir, domina o marcador e o xogo claramente, unicamente o Teis logra achegarse cun 18-19, pero continúa o dominio visitante, cun ataque das coruñesas ponse o 20-24 no marcador e xa todo parecía decidido , pero inexplicablemente a partir deste punto as locais logran unha magnífica serie de 6-0, 4 ataques e 2 aces que tomban ás visitantes e gañan o set.
  A partir deste momento o Zalaeta desaparece da cancha e no cuarto realiza o peor set do partido, cedendo a vitoria ao Xuvenil que queda cos tres puntos que lle permiten escalar dous postos na clasificación deixando ao Zalaeta na última praza.
 A xoven xogadora do Xuvenil Sara Urrea convértese na máxima anotadora do encontro con 16 puntos, 9 ataques, un bloqueo e nada menos que 6 ACES, seguida de Carla Figueroa con 15. É positiva de novo a participación de Sara Díaz, cada vez máis en forma, que con 15 puntos convértese na máxima realizadora do Zalaeta, 12 ataques e tres ACES seguida de Alba Quirós con 14 puntos.
  Realizouse un bo encontro nos dous primeiros sets, e ata a parte final do terceiro, no que de novo a incapacidade para resolver púxose de manifesto e unha vez máis as boas accións non se materializan en puntos. Boas estatísticas, no terceiro set a pesar de perdelo, superouse ao rival en ataque cun 48% de eficacia e 15 puntos. Vanse controlando os erros, no segundo set soamente 6, pero un mal cuarto set tirou por terra todos os números, con tan só 2 puntos de ataque, un 8% de eficacia.
  A próxima xornada voleibol no Barrio da Flores onde recibiremos a visita do CV Madrid Camberí, segundo na clasificación empatado a puntos co líder, o UVA
                                                    ………
Dura derrota na décima xornada desta tempada ante o Xuvenil Teis, un rival para evitar o descenso, co que estabamos empatados, e que despois deste partido avantáxanos en 3 puntos e xa supera a Torrexón.
Partido complicado, como sempre no municipal de Teis, onde o equipo local vólvese moi correúdo, non dan nada por perdido e esta vez non foi unha excepción. Entramos no partido con moito respecto ante un rival que quería gañar custe o que custe nun pavillón cheo para a ocasión, empezamos cunha mala serie sobre todo en recepción o que permitía ás locais escaparse e poñer rapidamente terra polo medio, despois dun tempo técnico temperán, reaccionamos e o set iguálase con alternancia no marcador ata o punto 19, cando unha serie de erros consecutivos pola nosa banda, fan decantarse un set igualado a favor das locais. No segundo empezamos ben sobre todo en K1, cambiando con moita rapidez e recuperando o saque, que era o punto onde máis lles custaba saír, co que a pequena vantaxe que tiñamos estabamos a amortizala con moita eficacia, a pesar diso non é ata final de set cando logramos dar o último empuxón e lograr o empate.
O terceiro set foi o que mellor representou o que é xogar sempre neste pavillón, 9-15 chegamos a ter a vantaxe ao noso favor, Teis non lograba puntuar pero rendibilizaba ao máximo os nosos erros, un set que case xa dabamos por conseguido, e cun 20-24 ao noso favor no marcador, unha serie de malas recepcións e unha rotación na que nos custou saír, fixeron que a balanza se decantase a favor das locais cun parcial de 6-0 ao seu favor. No cuarto non entramos ben, despois do mazazo do set anterior, a xogadoras estaban descentradas, a partir do punto 10 escápansenos e xa non somos capaces de retomar o ritmo.
 Despois disto quédanos afrontar a última xornada da primeira volta contra un dos equipos destacados deste ano, o Madrid Chamberí que apurará as súas últimas opcións de entrar en Copa, polo que teremos que estar ao 100% para sacar un resultado positivo ante un rival que virá moi motivado. 

Fernando Cueto.