Esta semana arrincamos cun proxecto novo e especial que nos fai moita ilusión: Mércores con ‘M’ de MADRIÑA.
As MADRIÑAS actuarán como nexo de unión canteira 🤜🤛 Superliga-2: cada xogadora da plantilla senior amadriñará un equipo da canteira durante esta temparda 24/25, exercendo de mentora e acompañante. O obxectivo principal é achegar a unha beira coa outra, coñecerse e entender que formamos parte todas do mesmo: dun Clube, o Zalaeta; e dun deporte, o voleibol 💙🏐
O primeiro Mércores con “M” de Madriña inaugúrao Andrea e as súas afilladas, o equipo cadete de 2º ano que competirá este curso na 2ª División Galega Xuvenil, baixo a dirección de Esteban.
👉 A central, dorsal #7, contoulles a súa traxectoria: canteirana do Zalaeta e ex-alumna do Instituto, chegou ao equipo de Superliga-2 Feminina con 16 anos, e dende aí, agás un ano en Italia, sempre defendeu as cores e o escudo do Clube. Ademais de xogadora, exerceu de adestradora de base nos últimos anos, implicándose na formación e desenvolvemento das seguintes xeracións.
📚 Máis aló do deportivo tamén falaron do académico e do persoal, sobre todo da importancia de organizarse, ser consecuentes e responsables cos estudos e cos adestramentos. E fala por experiencia propia, pois Andrea está a rematar a súa tese de doutorameno na Universidade de Santiago de Compostela ao tempo que compaxina cos adestramentos e as viaxes co primeiro equipo.
📝 A parte final desta primeira visita consistía fixar unha serie de obxectivos/retos para as xogadoras, para traballar esta primeira volta ligueira. En decembro tocará sesión de revisión, a ver se conseguiron sacalos adiante. Ademais, chegaron a un acordo: como mínimo, Andrea iría a un partido delas, e elas irían a un partido de Andrea, para animarse mutuamente 🤝