/COMENZA A SEGUNDA VOLTA EN SF2

COMENZA A SEGUNDA VOLTA EN SF2

   Regresa a competición ao Polideportivo do Barrio das Flores despois do parón do Nadal cun importante encontro ante a AD La Curtidora de Avilés.
As asturianas, que ocupan a quinta posición na táboa desprazaranse coa
intención de facerse cuns puntos que lles permitan continuar con opcións
de meterse en postos de cabeza, cun equipo xa acoplado e coas súas
xogadoras Vanessa Murray, MVP na 4ª xornada, e Sundae Weston xa integradas no seu equipo e na competición española.
    Pola súa banda o FisiomásZalaeta tratará de sumar na casa uns puntos vitais para seguir coa cabeza da clasificación, para o que o adestrador Jorge Barrero, poderá contar por primeira vez na tempada con todo o equipo á súa disposición despois da incorporación das xogadoras Lydia Alonso, Patricia Suarez e Olalla G. Taibo que apuran a súa posta a punto para a competición.
 

“É un partido importante, di Jorge Barrero,
é o noso inmediato seguidor e unha vitoria abriría oco e expectativas á
vez de cara á clasificación. O rival non é doado, gañámoslle na
primeira volta na súa casa, pero agora conta coas xogadoras incorporadas
esta tempada xa integradas no equipo e a pleno rendemento, o que
aumenta o seu potencial. Pola nosa parte, a recuperación das lesionadas
Patricia e Lydia é importante, agora necesitan partidos. “
 
   A xornada de SF2, que se presenta interesante, depáranos un derby entre o EMEVE de Lugo, brillante vencedor da Copa Princesa na final ante o CV Torrelavega, que se enfronta na casa ao Xuvenil de Teis. Non debemos perder de vista o partido que enfrontará ao Volley is Life Grupo 2008 co RGC Covadonga, cuarto e terceiro clasificado respectivamente, mentres o Torrelavega se despraza a Madrid para xogar ante o Voley Playa.
  
  
    Mentres, as ligas galegas
continúan o campionato coa segunda volta xa iniciada. Na primeira
xornada desta segunda rolda, en partidos xogados o sábado en Ames, os resultados foron favorables ás herculinas.
   En Segunda A, o Autos Cancela Zalaeta impúxose claramente ao CV Bruxas cun resultado de 0-3, con parciais 17-25, 20-25 e 19-25 nun partido que dominaron as pupilas de D. Hermida
resolvendo e finalizando ben os tres sets con autoridade. Súmanse tres
puntos que permiten ao equipo afianzarse na cuarta posición e continuar a
liña ascendente de xogo. A próxima xornada do sábado 18, ante o Xuvenil Teis B no Barrio das Flores, xornada que poderá botar uns interesantes resultados na parte alta da clasificación.
   Ao mesmo tempo, o equipo de Liga Galega Xuvenil FisiomásZalaeta superou ao IES Ames no municipal de Ames
cun resultado de 1-3, con parciais 14-25, 15-25, 25-18 e 12-25, as
coruñesas realizaron un bo partido superando o rival aínda que cederon
un set ante o pulo das do instituto. Esta nova vitoria permite manter a
terceira posición na táboa a un só punto do líder, Xuvenil de Teis, que visitará a cancha do Instituto o sábado nun partido crucial para os intereses de ambos os dous equipos.
         FISIOMÁSZALAETA – XUVENIL TEIS  SÁBADO 18, 11:30  P. INSTITUTO ZALAETA