/DERRADEIRA XORNADA DE SF2 NO BARRIO DAS FLORES

DERRADEIRA XORNADA DE SF2 NO BARRIO DAS FLORES

   Último partido da tempada no Barrio para o FisiomásZalaeta, nun fin de liga irregular en canto á orde de celebración dos encontros, o Zalaeta despídese da súa afección en competición oficial o vindeiro sábado ante o RGC Covadonga.

  O Grupo atópase en terceira posición na táboa e achégase ao final de liga nun bo momento de forma, gañoulle ao líder a xornada pasada nun gran partido, con remontada incluída, e a súa xogadora Cecilia González foi elixida MVP da xornada, e encadea un refacho de catro vitorias seguidas.
  Equipo veterano na categoría, é un rival coñecido na Coruña, non é un inimigo fácil de bater, equipo con recursos que conta con individualidades como Cristina Chamoso ou Miriam Dieguez, virá ao Barrio coa intención de sumar os puntos en xogo con afán de aproximarse ao segundo clasificado, o Cuesta Piedra que  xoga na non menos complicada cancha do EMEVE de Lugo.
  As coruñesas poden descartar a presión e cederlla toda ao rival, nada do que suceda nesta ou outra cancha alterará a súa situación, e será unha boa ocasión para ofrecernos un partido entretido e que sen dúbida será do agrado do público que se dea cita  no Barrio sabedor de que haberá loita e bo xogo entre dous equipos nun bo momento de forma.
  As de Barrero opoñerán o seu xogo de conxunto, un bloque compacto, para reter a vitoria na súa cancha facendo gala das dificultades que esta representa para calquera tipo de rival que a visita. Non hai novidades na plantilla local, o adestrador dispón de todas as súas xogadoras para este encontro despois dunha boa semana de adestramento, un grupo afeito a xogar ao límite que o sábado irá a por todas.

SÁBADO 6, ÁS 19:00, BARRIO DAS FLORES:

                                        FISIOMÁSZALAETA   Vs   RGC COVADONGA 


 Como despedida da competición oficial no Barrio da Flores, o CV Zalaeta ofrecerá a retransmisión en directo do encontro via streaming en colaboración coa empresa no seguinte enlace:
                         
http://www.novamediastream.com/fisiomas-zalaeta-rgc-covadonga/