/ENTREVISTA CON ANDREA RIVAS

ENTREVISTA CON ANDREA RIVAS

 

 
 

 Andrea Rivas,
segunda tempada en SF2, capitá do equipo xuvenil no que realizou a súa
última campaña, compaxina ambas as dúas categorías cos seus estudo na USC. 
 Forma o tandem de centrais con Lydia Alonso que tan bo resultado obtivo esta tempada, ofrécenos a súa visión da campaña 2014-2015.

 Balance da tempada. O mellor e o peor.

  Sen
dúbida, o mellor desta tempada foi conseguir superarnos a nós mesmas,
unha e outra vez. Conseguimos seguir adiante porque o fixemos xuntas, en
equipo, achegando cada unha o mellor de si, o noso 110%… Antes do
último partido deste ano, a RFEVB dicía que a nosa mellor arma, a nosa mellor ofensiva, era a dun grupo unido.
O
peor, quizais, é que en momentos moi puntuais, os altibaixos que tanto
nos habían caracterizada a tempada pasada, volveron saír á luz cando non
debía; e quedar fóra pola mínima da Copa Princesa ou da Fase de Ascenso
foi unha pequena decepción.
A pesar de todo, na miña opinión, o
balance é máis que positivo, tanto a nivel de resultados como de
sensacións. Este ano, sen dúbida ningunha, fomos máis que un equipo,
fomos unha pequena familia.
 Esperabas este rendemento tanto teu coma do equipo?

 Cando empezas a traballar na pretempada é difícil saber ata onde vas poder chegar, aínda que si ata onde queres chegar.
A
nivel colectivo non nos fixamos ningún obxectivo clasificatorio, había
que ver como se desenvolvía a Liga e intentar mellorar aspectos técnicos
respecto ao ano anterior. E de súpeto encontrámonos con que estabamos
aí arriba, pelexando polos primeiros postos. E iso é só froito de ter
conseguido subir o nivel de traballo nos adestramentos, e tamén as
ganas. Motivación non faltou.
A nivel individual, o meu obxectivo
cada ano é o de superarme a min mesma, e creo que este ano o conseguín.
Agora só queda seguir traballando de cara ao ano que vén.
  En Coruña caeron todos os equipos, Cual é o plus que ten o Zalaeta xogando na casa?

  Empezamos
a primeira volta xogando máis partidos como visitantes, pero o primeiro
na casa foi contra o equipo de Tenerife, onde se fora a xogar Patricia Suárez, a
nosa oposta da campaña pasada. E había ganas. E gañamos 3-0. A partir
de aí, seguimos unha liña ascendente de vitorias consecutivas na casa,
era noso feudo, ninguén nos conseguía gañar no Barrio. E de pronto
vímonos coa posibilidade de cumprir un novo obxectivo, o dos 27 puntos
de 27, gañar todo e os máximos puntos posibles na casa. E conseguímolo.
O
fundamental: o apoio cada vez maior da xente nas bancadas, os ánimos e a
motivación do equipo. Sen dúbida, unha das razóns polas que dicir que
esta foi unha gran tempada.
 Son de fiar as estatísticas, ata que punto se unha xogadora aparece moitas veces é realmente boa?

  As
estatísticas son o reflexo numérico das accións dunha xogadora e un
equipo. Os puntos gañados, os fallados, a porcentaxe de acerto e error,…
pero ao final é tan só un reconto, simplemente números.
Saír entre
as mellores da xornada sempre supón un aliciente para seguir traballando
e unha satisfacción, pero moitas veces ves, sobre todo en funcións
defensivas ou de recepción, como se inflan porcentaxes para que
xogadoras de determinados equipos saian nas estatísticas como
destacadas. Aí atrás, un técnico da selección española que traballa cun
equipo estranxeiro, dicía en Twitter que
como era posible que en España se alcanzasen cifras de entre o 85 e 100%
en recepción cando alí non conseguían chegar nin ao 70. Se son de fiar?
Seríano se a realización fose obxectiva.
  Que porcentaxe de culpa ten o adestrador nos éxitos do equipo? E as xogadoras?

  O
adestrador ten que ser capaz de sacar o máximo rendemento de cada unha
de nós e, á súa vez, do equipo; de prepararnos para a liga nos aspectos
técnicos e tácticos, pero tamén o de darnos o empuxón inicial cara á
motivación. O resto é cousa nosa. De nós depende a intensidade do
adestramento, as ganas de encarar cada partido, o esforzo de querer
gañar cada punto.

  Que che pon dos nervios durante un partido?

  Aos
partidos sempre intento ir calmada, tranquila e concentrada. O mesmo
xogo imprime intensidade e supón estrés. Realmente non hai algo “que me
poña dos nervios”, que me desequilibre. Adoito, quizais, enfurruñarme un
pouquiño cando fallo un saque, porque é a acción que me leva ao banco e
entón teño tempo de “comer a cabeza” jajaja
 
 Que fai unha xuvenil como ti xogando en SF2?

 Casualidades
da vida. Nun equipo como o noso, a fichaxe non é unha opción, polo que
toca tirar de canteira. No meu caso, subín ao equipo de SF2 cando se
lesionou Nancy, a ata entón central
titular. Este foi o meu segundo ano na categoría, pero o primeiro sendo
titular polas necesidades de equipo. Resulta unha oportunidade única que
non vale outra cousa que aproveitala ao máximo. Grazas a ela puiden
mellorar para poder achegar máis ao equipo xuvenil, que é a miña
categoría.
 
 Como se compaxinan os estudos cos adestramentos e a participación en dúas categorías?

  É
todo cuestión de saber organizarse. Este ano, por circunstancias, ata
final de tempada non empezamos a adestrar e xogar co equipo xuvenil, xa
que o equipo de SF2 nos necesitaba, así que realmente non se pode dicir
que “dobrásemos” adestramentos todas as semanas. Pero aínda así
adestrabamos practicamente todos os días, o que non quere dicir que non
teñas tempo de facer nada máis, de estudar ou relaxarte. A universidade,
por exemplo, poncho máis doado: só te sufocas un pouco cando estás en
“época de exames”, dúas veces ao ano! Pola miña banda, tiven que
compaxinar o ir e vir de Santiago polas
mañás, adestrar un equipo de pequenas e adestrarse a min, e saín viva!
Así que, como dixen ao principio, é todo cuestión dunha boa
organización.
 Un día de descanso, sen nada que facer a que o dedicarías? que te distrae, que te relaxa…

  Un día de descanso? Iso non existe. Nin aínda que se remate a Liga paramos!

 Que importancia lle dás ao deporte?

  Creo
que facer deporte, sexa de forma constante e diaria, ou de cando en
vez, é algo fundamental. O teu corpo pídete moverte, facer algo,
quedarse quieto non é unha opción. Eu descubrín o que era isto con trece
anos, e dende entón non puiden vivir sen iso, e xa non é que se trate
de voleibol, senón do feito de manterte activa. Practicar un deporte
achega dende todos os puntos de vista, por suposto, fisicamente, pero
tamén a nivel mental: te axuda a ter unha
mellor organización para poder compaxinalo co resto da túa vida,
ensínache valores como a disciplina ou a responsabilidade, o traballo en
equipo, aprender a competir, a levar hábitos de vida saudables… pero
tamén che permite coñecer todo un mundo novo, a persoas que comparten a
túa paixón, coñecer distintos lugares (aínda que ao final só acabes
visitando pavillóns e hoteis jajaja) e moitas cousas máis. Iso de que “che quita tempo para outras cousas” non é verdade, ti decidiches investir ese tempo nisto.