/AUTOS CANCELA ZALAETA 3 CV SAYRE DÉCIMAS 2

AUTOS CANCELA ZALAETA 3 CV SAYRE DÉCIMAS 2

  O Zalaeta derrota ao líder do Grupo A nun tenso e vibrante partido, e continúa invicto no seu feudo do Barrio das Flores.

  O encontro comezaba puntualmente á 19:00 dirixido polo colexiado Carlos A. Cordeiro e finalizaba cun resultado de 3-2 con parciais 25-15; 20-25; 35-33; 20-25 e 15-10 (115-108).

AUTOS CANCELA ZALAETA: Patri Santos, Cristina G. Bermejo, Caludia Gómez, Emma Ordoñez, Paula Lema, Andrea Rivas, Eleonora Guzzi, Laura Méndez, Carla Figueroa, Alba Quirós, Susana Suarez, Noa Sánchez e Carlota Vilariñó. Adestradores Jorge Barrero e Fernando Cueto.

CV SAYRE DÉCIMAS: María Sevillano, Laura Brun, Leire Puerto, Paula García, Iris Álvarez, Leticia Rodríguez, Desiree G. Glod John, Laura Juan, Vitoria Muñoz e Nerea Pérez. Adestrador Alberto Rodríguez.

  Comeza o partido cun gran set do Zalaeta, que non se deixa dominar en ningún momento polas canarias, adiántase desde o primeiro punto no marcador e aos poucos vai cobrando vantaxe ata alcanzar a maior diferenza do set no último punto: 25-15. Mellores que o rival, as pupilas de Barrero superan en todas as facetas do xogo ao Sayre con 6 bloqueos, 4 ACES, 10 puntos de ataque e o 57% en recepción. Poucos erros cometidos por ambos os equipos, 5 para cada un no set.

  Un bo comezo para as do Instituto, pero non ía ser fácil, o líder trataría de explicar o porqué da súa clasificación e non se fai esperar, no segundo set dálle a volta ao xogo e supera ás coruñesas que logran un empate: 5-5 e a partir de aí o marcador é do Sayre que empata o partido.

  Ambos os conxuntos puxeran as cartas sobre a mesa e chegamos ao terceiro set. É importante lograr impoñerse, significa 1 punto diante o líder e meterlle a presión ao rival. Vibra o público no Barrio nun set que resume o partido, igualdade e loita polo marcador, bo xogo e moita emoción. Adiántase no primeiro punto o conxunto de Alberto Rodríguez, empate a 4 puntos e alternancia no marcador, a maiores diferenza chegan no 22-16 para as locais, pero as canarias recupéranse cun parcial de 5-0, 22-21. Lóitase por todos os balóns e o marcador avanza de punto en punto alternativamente, ata chegar ao 35-33 definitivo, sendo o set máis longo e disputado ata o momento de liga. Cuns números moi parecidos ambos os equipos, o Zalaeta tivo loitar contra si mesmo para poder superar o maior número de erros que cometeu nun set, 13.

  Lonxe de decidirse o resultado no terceiro, o Sayre volve á carga, e nun cuarto set que comeza igualado vai logrando pequenas vantaxes, e esta vez si lle saca rendemento aos erros do adversario, que lle serven para sumar 10 puntos que cos 13 de ataque, 1 bolqueo e 1 ACE danlle o empate no partido, 1 punto e a posibilidade do quinto set.

  Chegamos ao 5ª e de novo é a quenda do Autos Cancela Zalaeta, que cunha entrada no set de 3-0, insiste en conservar a súa imbatibilidade na súa cancha. Cambio de campo cun marcador de 8-3 e cada vez menos posibilidades para o Sayre Décimas de gañar, non logra ningunha igualada e finamente o 15-10 do marcador deixa os dous puntos en casa e o equipo local continúa invicto no seu feudo.

  Encontro de longa duración, que ao público resultoulle breve pola súa calidade e emoción. En ataque, números parecidos, o Zalaeta con 177 ataques, 58 puntos e un 33% de acerto, o Sayre, 175 ataques 56 puntos 32% de acerto. 12 puntos de bloqueo para as locais, (6 no 1º set, o mellor do partido para o Zalaeta), a metade, 6, para as visitantes. En recepción un 50 % para Zalaeta, 38% as canarias. En saque houbo de todo, 12 ACES contra 10, pero numerosos erros de saque ambos os equipos, 17 e 15.

  O bo comportamento colectivo do Autos Cancela Zalaeta vese reflectido en que 5 das súas xogadoras superaron os 10 puntos: Carla 18, Emma 17, Eleonora 16, Alba 15 e Laura 11. Polo CV Sayre Décimas, a colombiana Glod John con 26 puntos, 20 ataques, 4 bloqueos e 2 ACES, máxima anotadora do partido, Laura Forcadell 17 puntos.

  Un partido emocionante e de gran nivel o que disputaron onte ambos os conxuntos, que unha vez máis nos mostra a igualdade na categoría e un cada vez maior nivel de xogo. As canarias ceden o liderado a EMEVE, que se impuxo no seu partido ao VP Madrid, outro rival directo, pero por un só punto. Terceiro e cuarto son REDPISO Torrejón e VP Madrid con 19 puntos, ao alcance do Zalaeta, que con 17 puntos ocupa a 5ª praza.