/AUTOS CANCELA ZALAETA CAMPIÓN DE COPA GALICIA FEMININA

AUTOS CANCELA ZALAETA CAMPIÓN DE COPA GALICIA FEMININA

  O Autos Cancela Zalaeta proclamouse Campión de Copa Galicia Feminina na súa XXXVII edición celebrada no pavillón municipal O Restollal de Santiago de Compostela.

  O torneo en colaboración co Concello de Santiago e o CV Santiago, celebraba onte sábado a fase final da Copa Galicia en xornada de mañá e tarde, coa disputa das semifinais e as finais respectivamente.

  Na xornada matutina catro equipos buscaban un posto na final, Arenal EMEVE de Lugo e KORBIS Desguaces Manolo de Monforte de Lemos, enfrontábanse no primeiro partido da xornada, que daba paso ás da capital do Miño á final despois de superar por 3-0 (25-12; 25-13 e 25-19) ás rivais. A continuación entraban en liza o Autos Cancela Zalaeta e o CV Bruxas, vencían as coruñesas por 3-1 (25-18; 25-17; 23-25 e 25-23) e compoñían unha final, previsible, entre os dous equipos galegos de SF2.

  Pola tarde, o primeiro partido, enfrontaba ao KORBIS Desguaces Manolo con CV Bruxas na loita polo terceiro e cuarto posto, vencía CV Bruxas por 0-3 (9-25; 20-25 e 22-25).

  A final disputábase a partir das 19:00, dirixida polos colexiados Juan Carlos Pimentel e José Francisco Bouza, e o Autos Cancela Zalaeta impoñíase ao Arenal EMEVE por 3-0, con parciais 25-16; 25-23 e 25-15.

  Cumpríronse os prognósticos, Zalaeta e EMEVE, equipos de SF2, diputaban a final da Copa Galicia, o que non estaba tan claro é quen sería o Campión. Non era un derbi mais, tamén era unha final do primeiro torneo do ano, e ambos os conxuntos querían o título.

  O último encontro xogado entre ambos os equipos foi o primeiro correspondente á segunda volta de liga regular, e as lucenses lograron unha vitoria que de paso as clasificou para xogar Copa Princesa. O Zalaeta buscaba resarcirse desa derrota, e despois dun primeiro set no que se impuxo claramente, marcou o ritmo do partido, e aínda que no segundo o EMEVE tentouno, aproximouse, pero as de Fernando Cueto dosificaron ben finalizaron nos últimos puntos logrando superar ás lucenses que perdían a súa oportunidade e no terceiro cederon a maior diferenza, 25-15.

  Unha vez máis Campión de Copa Galicia Feminina o Autos Cancela Zalaeta, que releva ao EMEVE, Campión vixente do exercicio pasado.

  Ambos os conxuntos viñan con baixas sensibles, as lesións, as datas e o calendario de competición, marcan a axenda e a dispoñibilidade do persoal, de modo que os dous clubs tiveron que mover o banco das categoría inferiores para cubrir as baixas. Participaron as seguintes xogadoras:

AUTOS CANCELA ZALAETA: Patri Santos, Noa Sánchez, Paula Lema, Andrea Rivas, Carla Figueroa, Emma Ordoñez, Claudia Mariño, e as xuvenís, Carlota Vilariño, Lucía Ferreiro, Sandra Castro, Iria González e Lucía Alvedro. Adestrador, Fernando Cueto.

ARENAL EMEVE: Sara Fernández, Iria Sánchez, Paula Reija, Paula Lorenzo, Ainara Burgo, Lidia Figueira, Aitana Fernández, Sara Urrea, Julia Paradela, Lucía Pego, Inés Rivas y Uxía Lòpez. Adestrador Manu Blanco.