/ENTREVISTA CON JORGE BARRERO

ENTREVISTA CON JORGE BARRERO

Finaliza a pretemporada dando paso á liga de SF2 2018-2019, que tivo a súa xornada inaugural o pasado fin de semana nunha xornada na que os equipos de casa impuxéronse claramente aos visitantes, dando xa o primeiro líder da competición, o VP Madrid, que por diferenza de puntuación sitúase na primeira posición.

Unha primeira xornada na que ao CV Sestao tocoulle descansar e o CAEP Soria e o Autos Cancela Zalaeta aprazaron o seu primeiro encontro, por tanto as pupilas de Jorge Barrero iniciarán a competición o próximo fin de semana con desprazamento a Extremadura para xogar co Extremadura Arroyo.

E co primeiro adestrador do Autos Cancela Zalaeta, Jorge Barrero, falamos para que nos conte o momento do equipo de fronte ao comezo da competición.

P.  Como foi a pretemporada, a toma de contacto das xogadoras cos adestramentos?

Este ano tivemos unha pretemporada algo máis corta que en tempadas anteriores, ao adiantarse o comezo de liga por ser 13 equipos no grupo. A pesar diso custounos menos que outras veces arrincar, debido a que a maior parte das xogadoras chegaron mellor fisicamente que outros anos.

P.  Cumpríronse os obxectivos dos adestramentos nos partidos disputados ata agora?

A nivel físico vexo ao equipo bastante ben para estas alturas, e onde máis nos queda avanzar é no apartado técnico e competitivo, xa que só xogamos 5 partidos de preparación, e os sistemas aínda non están asentados, sobre todo tendo en conta que a nivel táctico pretendemos avanzar un pouco con respecto ao ano pasado. Ademais coa fichaxe de Alba Quirós polo Socuéllamos e a retirada de Marta Fraga, a estrutura do equipo cambia e estamos a tentar mellorar en aspectos como a velocidade e variabilidade do ataque, para compensar a perda de dúas das nosas principais atacantes a tempada pasada.

P.  As baixas e a incapacidade de reter a algunhas xogadoras modifican o esquema de xogo cada ano?

Sí, o sistema pode variar, este ano teremos que suplir o ataque de Alba e Marta dalgunha maneira, e nese sentido a incorporación de Eleonora Guzzi, nos partidos nos que poida participar, dános máis posibilidades, xa que nos permite abrir o xogo nas rotacións coa colocadora dianteira, que era unha das nosas principais carencias En resumo creo que gañamos nalgúns aspectos e perdemos noutros, e haberá que ver se a longo prazo somos capaces de que ese balance sexa positivo.

P.  Cales serían os obxectivos para esta Liga?

Nunha liga como a nosa non é fácil establecer un obxectivo concreto, debido á igualdade dos equipos, e a que este ano temos no grupo a 4 equipos novos, os descendidos VP Madrid e Aguere, o ascendido Sestao e o Leganés que nos últimos anos estivo no outro grupo. En canto a outras competicións, non podemos esquecer a Copa Galicia, da que somos gañadoras as dúas últimas edicións, e veremos como se desenvolve a primeira volta da liga e se podemos xogar as nosas opcións para disputar Cópa Princesa.

P.  O nivel de SF2 vai subindo cada ano, os equipos teñen que render e mellorar dunha a outra tempada?

Si, efectivamente, cada tempada nótase unha diferenza de nivel, e ademais algúns equipos reforzáronse con respecto á tempada pasada, polo que é posible que o nivel medio da liga suba aínda máis. En todo caso a nosa formulación é, como todos os anos, dar un paso máis e mellorar a actuación da pasada tempada, e por tanto tentar estar na loita polos postos altos que dan dereito a xogar a Fase de Ascenso. Ao final o nivel que podamos alcanzar cos cambios no equipo, e loxicamente o dos rivais, poñeranos como sempre no sitio que merezamos.

P.  Comezamos a tempada cun partido aprazado en casa, será complicada esta primeira saída a Extremadura?

Si, iniciabamos a competición en casa, que era un dato importante, pero tivemos que aprazar este partido ante o CAEP e iremos xogar o primeiro encontro a unha cancha complicada. O partido do fin de semana é posiblemente o máis complicado co que podiamos empezar, xa o ano pasado fomos tamén ao comezo de tempada a Arroyo e non conseguimos entrar en xogo en ningún momento, sendo dos peores partidos da tempada. Arroyo a pesar de perder a semana pasada en Leganés, é para min un dos principais favoritos do grupo, e esa derrota e o seu debut en casa faio aínda máis complicado.