/ENTREVISTA CON JORGE BARRERO

ENTREVISTA CON JORGE BARRERO

 “OS PARTIDOS GÁÑANSE XOGANDO,
NON FALANDO”. 
 Esta frase pode perfectamente definir a
Jorge Barrero, o seu pragmatismo como adestrador é dabondo coñecido entre as
súas xogadoras e a xente do Volei que lle rodea. Dificilmente influenciable,
ten as ideas claras e é difícil que se deixe levar ata polo ambiente do partido
aínda que dunha final importante se tráte. Decidido, coherente, ten claro que o
seu é un camiño cara a adiante, e non se corta nin ante un reto como dirixir un
equipo coruñés de Voleibol feminino cara á élite.
  
Con él cruzamos unhas palabras.
   Na tempada 2008-2009 o CV Zalaeta ascende a
Liga FEV, iniciando así a senda do Voleibol de alto nivel, na que se une aos
equipos locais Millenium Cermel e Ageco Marineda,
 
  Eu diría que cando chegamos ao alto nivel é
esta tempada en Superliga 2, e que intentamos ser a continuación dos proxectos
que na nosa cidade rozaron a máxima categoría (Liceo Autos Rico, Volei Coruña,
Torruf Calasancias e Millenium Cermel) xa que a liga FEV que disputamos nós ata
agora, e o Marineda era a terceira categoría e non a segunda e non creo que se
poida considerar alto nivel.
¿Eran outros tempos para o noso deporte?
    Son
momentos distintos, pero creo que non hai gran diferenza entre os distintos
proxectos, salvo o do Millenium, que creo que sen dúbida é o proxecto máis
serio, profesional e sobre todo con máis traballo e estrutura detrás no que
estiven, e neste sentido si que para min supuxo sen dúbida a mellor época,
malia non conseguir por pouco o obxectivo deportivo que tiñamos.
Actualmente na nosa cidade, o Millenium
desapareceu e pervive o Calasancias Marineda con equipos de base, un en 2ª
División A. A raíz da desaparición da Liga FEV, a inclusión do Zalaeta en SF2,
¿Supón un reto representar á Coruña na
élite do Voleibol nacional?
  
 Sen dúbida que o é, sobre
todo cun equipo con case todas as xogadoras coruñesas, pero o principal reto
para min é conseguir que o equipo chegue no menor tempo posible ao nivel que
estou convencido que pode alcanzar, que é bastante alto.
¿Como se mete un nunha aventura como esta
con os tempos que corren e a escaseza de recursos que hai?
   Realmente a estas alturas  só  cun
reto ou aventura a nivel deportivo como esta encontro a enerxía para seguir, xa
que analizándoo obxetivamente cada vez os recursos son menores, comparándonos
ata con equipos do noso nivel e categoría.
O certo é que Jorge Barrero, é un técnico
experimentado, e que presenta un currículum que parece que non garda relación
coa idade que ten,
¿Foi un adestrador precoz?
    A
verdade é que si, con 16 anos adestrei o meu primeiro equipo benjamín  masculino no colexio Calvo Sotelo, pero
sempre considero que como “adestrador” empecei aos 18 anos no Colexio
Calasancias, cun equipo infantil feminino.
  
Logo de dirixir ao  Torruf
Calasancias e ao Millenium en Liga Fev, e haber protagonizado os ascensos do
CVI  Zalaeta, e dirixilo en FEV,
actualmente é Director Técnico de FGVB e Seleccionador  xunto a José Miguel Serrato do combinado
cadete español,
¿É un paso máis na túa traxectoria a SF2?
    Máis que
un paso considéroo un novo reto. Como che dixen antes a nivel de club e responsabilidade
 as  mellores  tempadas  foron co Millenium, pero é verdade que esta
tempada me ilusiona especialmente, non só pola categoría senón porque este
ano  xúntamos  no equipo xogadoras coas que levo traballando
bastantes anos, algunhas xuvenís con moita proxección e algúns reforzos de
xogadoras que xa adestrei fai varias tempadas e entre todas estou convencido de
que conseguiremos un bo nivel de xogo.
Inevitable resulta valorar o deporte dentro
do contexto social, e imaxínome que nestas circunstancias cobra especial valor
o traballo de canteira,
¿Goza de boa saúde a base de Voleibol na
nosa comunidade?
   A nivel masculino hai un claro problema de
número de practicantes, cada día menor con algúns núcleos como Lugo, Vigo, San
Sadurniño que nos permiten manter o nivel. En canto ao volei feminino, hai unha
aceptable participación, e segundo os resultados dos últimos Campionatos de
España de seleccións o noso nivel é bo en comparación con outras comunidades.
No entanto, na miña opinión, na maioría dos colexios-clubs falta maior volume de
adestramento nas categorías infantil e cadete.
  
Aparentemente, o Fisiomás Zalaeta ten un plantel equilibrado que
combina veteranía con xogadoras novas procedentes da canteira galega
Como se complementa un equipo destas
características?
   Primeiro como en calquera equipo hai que
conseguir que todas teñan un obxectivo común malia súas  diferentes  idades,  experiencias  previas 
e circunstancias  persoais.
Respecto de a diferenza de idade é obvio que o futuro pasa polas xogadoras mais
novas e ténselles que dar a oportunidade de xogar incluso equivocándose, pero o
ter xogadoras veteranas vén moi ben, sobre todo si son un exemplo en traballo e
seriedade para as máis novas, danlle estabilidade ao equipo, e son moi
necesarias para compensar a irregularidade no rendemento que as mozas sempre
teñen ao longo da tempada.
O equipo parece realizar unha pretemporada
moi completa, xogando unha serie de partidos contra equipos de SF2, dos cinco
últimos partidos gañáronse catro, a participación no Torneo Villa de Avilés
saldouse cun segundo posto e gañouse a Copa Galicia
¿Como se pode traducir esta racha de cara
ao comezo da Liga?
  
 A experiencia dime que os
resultados en pretemporada (sexan bos ou malos) deixan de ter importancia no
momento en que se inicia o primeiro punto da liga, aínda que é verdade que o
triunfo na Copa Galicia é un bo soporte moral de cara ao comezo. O que si é
importante é realizar un bo traballo, e neste sentido estou razonablemente
satisfeito, tendo en conta que as nosas xogadoras non son profesionais e
obviamente non poden dedicar aos adestramentos todo o tempo que a min me
gustaría.
Na final da Copa contra EMEVE, vimos un Zalaeta gañador cun
ataque potente, pero tamén con algunhas dúbidas ante un equipo como o lucense
que non dá un balón por perdido,
¿Foi esta unha final clásica das que non
mostran o mellor xogo e si os nervios?
   Máis que os nervios eu creo que se
enfrontaron dous equipos con dificultades para manter un nivel alto durante
todo o partido, pola excesiva mocidade no caso do Emeve e porque a nós fáltanos
aínda algún tempo de acoplamento e que algunhas xogadoras que veñen dunha
inactividad prolongada alcancen un mellor estado de forma.
Este fin de semana comeza a Liga, en casa
contra o Xuvenil Teis, rival coñecido, podes aventurarnos un prognóstico?
 
 Non son moi amigo de
prognosticar, porqué ademais son malo como adiviño. Por plantilla e os
antecedentes da pretempada é bastante claro que podemos parecer favoritos,
pero Xuvenil Teis é un equipo que comete moi poucos erros, correoso en defensa,
que aproveita moi ben os seus recursos  e
que obriga ao rival a fallar  pouco e
xogar ben para gañarlle. Neste sentido penso que si facemos un bo partido
teremos moitas posibilidades de gañar, pero todo isto son palabras e os
partidos gáñanse xogando e non falando.