/VITORIA POR 3-2 DO FISIOMÁSZALAETA NO BARRIO ANTE O LIDER CV TORRELAVEGA.

VITORIA POR 3-2 DO FISIOMÁSZALAETA NO BARRIO ANTE O LIDER CV TORRELAVEGA.


  Ás 19:00 comezaba no Barrio das Flores o encontro correspondente á 12ª xornada de SF2, que dirixido polo colexiado Pedro Puy e cunha duración de 01h 48m finalizou cun resultado de 3-2 con parciais 16-25; 25-17; 11-25; 25-16 e 15-12.

FISIOMÁSZALAETA: Patricia Santos, Cristina G. Bermejo, Sofía Hidalgo, Alba Quirós, Paula Castro, Irene Vázquez, Andrea Rivas, Olalla G. Taibo, Sheila Árias, Teresa Álvarez, Susana Suarez e Noa Sánchez.
Adestradores, J. Barrero, F. Cueto e JM Sánchez Abruñedo.

CV TORRELAVEGA: María Segovia, Ana González, Alba Salazar, Aida Illerías, Ángela Becerril, Cristina Sanz, Noelia Neila, Lida Dacuiña, Susana García, Isabel Egusquiza e Cristina Fermosa.
Adestradores, A. Río e R. Piquet.

  Ambiente serio onte no Barrio coa visita do Torrelavega para un  partido que se presentaba difícil e coa necesidade de puntuar para tratar de manter ou acurtar  as diferenzas na clasificación.
  Comeza o partido e o Zalaeta despréndese dos complexos e adiántase no marcador cun primeiro parcial de 8-6, pero o rival mantén a calma, recupérase e a partir do segundo parcial domina o set e pon o 1-0. Parecía que o líder encarrilaba o partido, que coa súa solvencia habitual ía resolver ao seu favor, pero de novo as locais saen decididas e adiántanse no marcador esta vez sen deixarse superar, marcan diferenzas en todos os parciais ao seu favor, e empatan o partido cun xogo que aos poucos vai cobrando seguridade e non converte nunha quimera a posibilidade de puntuar.
  O terceiro set volve mostrar a igualdade do encontro entre ambos os contendentes, nesta ocasión as cántabras remontan no marcador, un set igual que o anterior pero de cor visitante no que as de Barrero comenten o maior nº de erros do partido e levan a maior diferenza do encontro nun set: 11-25.
  Chegamos ao cuarto, non se pode deixar pasar a oportunidade, as coruñesas non perden a calma nin a concentración e neste set non dan opción ao rival, supérano en todos os parciais: é o set no que máis erros cometen as de Torrelavega, a tensión pódese ver a primeira ollada e ímonos ao quinto, ao desempate cos equipos entregados ao espectáculo e o público como protagonista sen deixar de animar levando ao seu equipo en volandas.
  Comeza o quinto, tensión en aumento, nervios, adiántase o FisiomásZalaeta, domina a primeira parte antes do cambio de campo cun 8-6.  A situación sáese do guión, as campioas de copa van perdendo, afloran os nervios, unha xogada mal entendida como un invasión provoca as airadas protestas do adestrador visitante que lle carrexan o cartón vermello e punto para as locais, máis protestas da capitá de Torrelavega enrarecen o ambiente e causan un final de partido confuso. 
  Continúa o xogo, domina o Zalaeta co final ao alcance da man, 14-9 e erro arbitral, nun balón que sae por fóra da varilla pítase punto que significa o fin do encontro, para anulalo a continuación, parón, protestas, confusión e un novo cartón vermello, nesta ocasión para o adestrador local e punto para as visitantes. Saque para CV Torrelavega que apura as súas oportunidades, parece que remonta 14-12, pero nunha loita na rede, o balón cae ao lado local e é salvado in extremis polo Zalaeta que o devolve ao campo contrario, e cando as de Torrelavega xa estaban a celebrar o tanto, perden a bóla, o punto e o partido.
  Bo partido de ambos os equipos, moi igualado no que a superioridade das locais no quinto set deixou os puntos no Barrio das Flores. A xogadora Ana González do Torrelavega con 18 puntos foi a máxima anotadora do encontro, seguida de Ángela Becerril con 15.
  Por parte do Zalaeta, a súa máxima anotadora foi a oposta xuvenil Paula Castro con 14, seguida da receptora Susana Suarez con 12. Mencionar as ausencias de última hora por motivos persoais das xogadoras Rocío Durán e Tania Cobos.
  Poucos erros cometidos por ambos os equipos: 29-31, ben no saque, moi poucos fallos 9-5 e baixas porcentaxes de ataque: 27% e 33%.

Gran vitoria a desta 12ª xornada da SF2, ante nin máis nin menos que o líder da categoría, que ven de proclamarse campión da Cópa Princesa a semana pasada en Guadalaxara.
Un partido no que a repartición do xogo colectivo pola nosa banda foi unha das pezas fundamentais na vitoria contra Torrelavega, unido a que fomos capaces de diminuír moito os nosos erros non forzados, algo que nos estaba lastrando nas últimas xornadas, e que nos privou de poder puntuar en Avilés.
Como viña dicindo, a repartición do xogo pódese ver no que reflicte a estatística, 5 xogadoras do noso equipo por encima dos 10 puntos, e con 2 xogadoras, Susana Suarez e Paula Castro que era a primeira vez que completaban un partido nesta categoría. Ambas saíron airosas desta “proba”, a Susana comezárona buscando en saque, sendo a xogadora que máis veces recibiu, con 38 accións, cunha porcentaxe que se mantivo na liña do equipo, e por parte da “benxamin” do equipo, Paula, sinalar o seu excelente quinto set, sobre todo cando entrou ao saque con 10-9 que apertou ás cántabras ata deixar o marcador en 14-10 nun final de set moi polémico.
Se seguimos observando a estatística, poderemos ver que gañamos sendo inferiores en ataque e en bloqueo, sobre todo en ataque, xa que estando por baixo do 32% cústanos moito e neste partido estivemos nun 27%.
Desde o meu punto de vista, o máis importante foi ver un grupo que quixo gañar, que mostrou vontade e ganas de vencer, e esperemos que siga así neste sprint final da liga.”
 

  Fernando Cueto,

TAGS: