/RESULTADOS 1ª XORNADA DO ANO

RESULTADOS 1ª XORNADA DO ANO


  Ao longo do día de onte sábado xogáronse os primeiros partidos oficiais do ano das distintas Ligas Galegas.
  Xornada nº 12 para todas as categorías autonómicas, os equipos do Instituto xogaron os seus respectivos encontros en casa, con diferentes resultados.
  Ás 10:30 comezaba no Pavillón de Zalaeta en encontro de 1ª Div Xuvenil que enfrontaba ao Autos Cancela Zalaeta co CVP Alianza Española de Seguros, 5º e 6º clasificado respectivamente, e que finalizou cun resultado de 3-0 con parciais: 25-22; 25-16 e 25-22.

   Bo resultado para o equipo do Instituto, nun encontro no que as pupilas de Tania comezaron moi baixas e foron mellorando o seu xogo aos poucos sen deixarse dominar polas de Pontevedra, para finalmente conseguir os puntos que lles permiten manter a posición e continuar o ritmo do grupo de cabeza.
Por parte do Autos Cancela Zalaeta foron convocadas: Raquel Rey, Nerea Tabeayo, Paula Lema, Paula Rey, Elisa Álvarez, Inés Rivas, Ana Verao, Ana Calvo, Paula Castro, Claudia Carreja e Laura Vázquez. Adestradora, Tania Cobos.

……………………………………….

   A continuación na mesma cancha, enfrontábanse os equipos de Cadetes CV Zalaeta e CV Pontevedra B de 2ª División, que se resolveu cun resultado de 3-1 favorable ao equipo local, o que lle permite continuar ao mando da clasificación de maneira provisional e referendar a boa tempada que están a realizar anotando unha vitoria máis no seu marcador.
  Por CV Zalaeta xogaron: Andrea, Salam, Cata, Inés, Lucía, Ainoa, Mariña,  María, Noelia, Íria e Brenda. Adestrador, Pepe Díaz.

………………………………………

 De forma simultánea xogábanse a partir das 16:00, dous partidos, o de 1ª Div Senior que enfrontaba ao Autos Cancela Zalaeta co CVP Alianza Española Seguros SA e que finalizou cun resultado de 1-3 con parciais 23-25; 11-25; 25-23 e 19-25.
  Encontro que comeza con igualdade no primeiro set, tal como reflicte o marcador, no que lle Pontevedra fai valer a súa experiencia e pon o 0-1. No segundo set o equipo local vén abaixo, desaparece no medio dos erros que comete, fai os seus puntos e os do rival, e cede a maior diferenza do partido. O terceiro é diferente, movementos no banco parece que lle fan reaccionar ás locais que endereitan o rumbo, cometen menos erros e impóñense no set facendo posible a remontada. O cuarto set é a parcial clave, cun Pontevedra que parece acusar o cansazo, as do Instituto adiántanse e dominan con escasa marxe e parece que lograrán o seu obxectivo, o empate para facer valer a súa condición física no 5º, pero a partir do punto 18 o set escápaselles, non son capaces de corrixir os seus erros e a rivais recupéranse e son capaces do esforzo final para levar o set e un partido no que os erros locais, en particular ao saque, foron a clave.
  Polo Autos Cancela Zalaeta xogaron: Sara Amarelle, Paula Lema, Noemí Vázquez, Susana Suarez, Raquel Rei, Inés Rivas, Ana Verao, Laura Vázquez, Elisa Álvarez, Ana Calvo, Valentina Dorta e Nerea Tabeayo. Adestradora Tania Cobos.

  Mentres tanto, o equipo de 1ª Div Infantil CV Zalaeta, xogaba o seu partido cun rival directo, o Fisioterapia Cinesia Noia. Partido longo, disputado a 5 sets e con emoción e alternacia no marcador que finalizou cun resultado de 3-2 con parciais. 17-25; 25-11; 25-21; 19-25 e 15-11.

Traballada vitoria das pupilas de Cristina que se enfrontaban a un rival directo e ante o que necesitaban a vitoria ao prezo que fose para sumar na clasificación e ter opcións nunha parte baixa da táboa na que as diferenzas son escasas e na que 4 equipos móvense na diferenza dun só punto.
  De todos os xeitos, vimos un partido completo por parte dos dous equipos, ningún daba nada por perdido, ambos querían os puntos pero sen renunciar ao bo xogo. Elaborábanse as xogadas e buscábase finalizar en tres toques. Non se cometeron máis erros que os necesarios, e as boas direccións desde os bancos nos dous contendentes facilitaron a concentración e o desenvolvemento dun partido longo e emocionante.
  Polo CV Zalaeta xogaron Claudia, Alma, Sara, Marga, Icía, Alba, Paula, Andrea, Icía, Lucía e Iria.
  Resultado favorable para as do Instituto que suman uns puntos necesarios xa que na xornada do venres xogábase un partido que fora aprazado no seu día ante o Fontán Álvarez de Teis e que se perdeu cun resultado de 3-1 (25-14; 25-15; 24-26 e 25-21). Realizouse un bo partido, cun comezo irregular cedeuse o primeiro set e a pesar de recuperar e de pelexar pola remontada non puido ser e quedaron os puntos en Teis.
  Mencionar a baixa da xogadora do Zalaeta, Lidia que sufriu unha lesión nunha desafortunada xogada. Desexámoslle unha boa recuperación.
 

TAGS: