/RESULTADO DA DERRADEIRA XORNADA DE LIGA SF2.

RESULTADO DA DERRADEIRA XORNADA DE LIGA SF2.

  FISIOMÁSZALAETA  2  CV SANT CUGAT   3

+ FOTOS

   Ás 18:00 comezou o partido correspondente á 8ª e última xornada da SF2, que cunha duración de 01h 47m, finalizou cun resultado de 2-3 con parciais 19-25; 25-18; 8-25; 25-23 e 9-15. Adestradores, local J. Barrero e JM Sánchez, e visitante, L. Passerine e A. Piñol.


   FisiomásZalaeta: 1 Marta Fraga, 2 Cristina García, 3 Sofía Hidalgo (L), 5 Marta Esperanza, 6 Andrea Rivas, 7 Laura Lago, 9 Olalla García, 10 sheyla Arias, 11 Patricia Suarez, 13 Lydia alonso, 14 Sara Díaz e 15 Rocío Durán.
   CV Sant Cugat: 1 Neus Sánchez, 3 Marta Galcerán, 5 Paula Osorio, 6 Iris López, 8 Mónica Martínez, 9 Beatriz Jimenez, 10 Carla Santamaría, 12 Julia Rodriguez (L), 14 Sara Julián e 16 Mireia Orozco.

   O FisiomásZalaeta comeza o partido un pouco nervioso tratando de centrarse ante un Sant Cugat  que viña decidido a todo, pois soamente lle servía a vitoria para os seus intereses, e ponse por diante xa desde o primeiro parcial e domina o set, que finaliza 19-25.
   No segundo set prodúcese a reacción das coruñesas, que superan aos seus rivais, con moi poucos erros, bo ataque e eficacia no bloqueo, realizan o mellor set do partido e impóñense 25-18, para chegar ao terceiro no que as locais desaparecen da cancha, e nesta ocasión parecen capaces do peor, cometen moitos erros e prácticamente ningún acerto, ceden a manga cunha gran diferenza no marcador.
   Chegado o cuarto set aparece de novo o FisiomásZalaeta e xa desde o primeiro parcial adiántase no marcador, cede uns puntos no segundo parcial para máis tarde remontar e lograr un 25-23 co que empata o partido grazas a un fenomenal ataque que neste set proporciónalle 17 puntos. Xa no Tie-Break, o xogo continúa igualado, pero as catalás, ás que só lles vale a vitoria, gañan o set e o partido sen cometer erros e aproveitando os do adversario.
   Bo partido o despedida da presente tempada entre dous equipos que buscaban a vitoria, o Sant Cugat, cun equipo sobrio e conxuntado, aspirante ao ascenso, realizou o seu partido e levouse os puntos, non sen esforzo, pois en fronte tivo un FisiomásZalaeta que llo puxo difícil , que aínda que intermitentemente, deu mostras da calidade que atesoura e ofreceunos momentos vibrantes que lle deron emoción ao encontro. Unha vez máis, a referencia das coruñesas, Patricia Suarez, máxima anotadora do encontro, esta vez con 27 puntos, á que lle segue nun gran final de tempada Marta Fraga con 18. 
O xogo local, con altibaixos, foi para Jorge Barrero, “un reflexo do que foi a tempada, xogamos intermitentemente, por momentos brillamos a gran nivel, como no segundo set e parte do cuarto, e de súpeto perdémonos. Ao final podemos dicir que cumprimos, o noso obxectivo inicial era clasificarnos para a segunda fase da Liga no grupo dos mellores para xogar ao máis alto nivel posible e aí estivemos. Malia realizar un bo encontro, foi unha mágoa non despedir a tempada cunha vitoria que tivemos ao alcance da man”.
   Efectivamente, a pesar do bo partido celebrado no Barrio das Flores, ambos equipos quédanse sen cumprir as súas expectativas, pois o CV Sant Cugat quédase en cuarta posición e sen ascender debido á vitoria obtida, na tarde de hoxe, polo Extremadura Arroyo sobre o Vall d´Hebrón: 3-0.

  FISIOMÁSZALAETA  0  BESTLA FINANCE ALZIRA   3

 

 

  Derrota do CV Zalaeta no Barrio das Flores ante o CV Alzira no partido aprazado xogado onte correspondente a xornada nº 7.

+ FOTOS

  O encontro deu comezo ás 20:00 dirixido polos colegiados I. Alcarez e Fl Barrallo, e cunha duración de 01h 23m finalizou cun resultado de 0-3 con parciais 25-27; 19-25 e 18-25. Adestradores, local, J. Barrero e JM Sánchez, e visitante, F. Weil e E. Martínez.


   FisiomásZalaeta: 1 Marta Fraga, 2 Cristina García, 3 Sofía Hidalgo (L), 5 Marta Esperanza, 7 Laura Lago, 9 Olalla García, 10 Sheyla Arias, 11 Patricia Suarez, 12 Macarena Corbo, 13 Lydia Alonso, 14 Sara Díaz e 15 Rocío Durán.
   Bestla Finance Alzira: 1 M. Gramuntell, 2 Beatriz Duaso, 6 Silvia Chanza, 8 Noelia Juan, 9 Mª. José Blas, 10 Esther Sanz, 11 Alba Cardona, 13 Patricia Rius (L), 16 Ainhoa Moliner e 17 Lucía Aniorte.

   Comeza o partido con ambos conxuntos á expectativa, moi igualados, sen obter ningún diferenzas importantes, parecía que se observaban para ver que era capaz de facer o contrario, no segundo parcial cobra vantaxe o equipo local para perdela no terceiro, lograr o empate e alargar o set que perde cun apertado 25-27.
   A vitoria no primeiro parece que anima ás alzireñas e no comezo do segundo set póñense por diante no marcador cunha vantaxe que van incrementando a medida que avanza o xogo ante un equipo local que non é capaz de reaccionar e cede tamén esta manga.
   O terceiro set é parecido ao segundo, desde o comezo o Bestla Finance Alzira cobra vantaxe que vai ampliando aos poucos ata facerse coa vitoria no set, 18-25, e no partido.
   Foi este un partido con pouca historia, cun primeiro set de tanteo, no que ambos equipos estiveron moi igualados sen que ningún se decidíse a definir,  ata que o conxunto visitante, atopouse que nun axustado final púidose facer co set e entón creuse que podería gañar o partido ante un equipo coruñés que non atopou o seu sitio na cancha e que non estivo á altura das súas posibilidades, e que con numerosos erros cedeu uns puntos, que a priori, e polo visto no Barrio das Flores, poderían ser seus. Destacamos os 17 puntos de Patri, de novo máxima anotadora do encontro, e a achega de Marta Fraga, 12 puntos, con moita decisión ao longo de todo o partido.
  Esta tarde, interesante partido, ás 18:00, no Barrio das Flores ante o CV Sant Cugat, que se despraza á nosa cidade na derradeira xornada de Liga en busca do ansiado ascenso de categoría, para o que necesita unha vitoria e que lle acompañen outros resultados.

TAGS: