/ENTREVISTA CON SOFÍA HIDALGO

ENTREVISTA CON SOFÍA HIDALGO

 
  Sofía Hidalgo, estudante da UDC, outro valor contrastado da canteira coruñesa, xogadora polivalente que finalmente se define como libero. Xunto a Noa forma a parella de liberos a disposición de Jorge Barrero sen outro obxecto que dificultarlle a elección ao adestrador, decisión complicada. Dinos o que pensa da tempada.
 Balance da tempada. O mellor e o peor.

  Creo
que o balance da tempada é un tanto agridoce… estivemos preto de
logralo todo pero non alcanzamos nada. Quedamos ás portas da Copa
Princesa e da Fase de Ascenso e iso é algo que marcou bastante a
tempada. Por outro lado, o rendemento do equipo foi moi bo, o ambiente
foi incrible dentro do vestiario e a afección non defraudou. Malia todo
foi unha moi boa tempada que superou as expectativas iniciais.
 
 Esperabas este rendemento tanto teu coma do equipo?

  Persoalmente
sempre se pode dar máis, son bastante inconformista nese aspecto e
nunca estou contenta co rendemento dado. A nivel de equipo, como dixen
antes, creo que superamos de sobra as expectativas. O rendemento foi moi
bo, con moita constancia e moito traballo durante toda a liga. Hei de
confesar que  nalgúns momentos o rendemento baixou un pouco pero xa estaba Jorge para espertarnos e darnos caña.
 En Coruña caeron todos os equipos, cal é o plus que ten o Zalaeta xogando na casa?

  Xogar
na casa era un privilexio para nós e parece que un inferno para o resto
dos equipos. A afección fixo moito, creo sen dúbida que foi noso plus.
Este ano o Barrio era un fortín, a xente animaba moito e iso dábanos
moita forza e motivación. Ademais, ao adestrar todos os días nesa pista, e
estar tan descansada por non viaxar axudaba bastante á hora de afrontar
os partidos.
 
 Son de fiar as estatísticas, ata que punto se unha xogadora aparece moitas veces é realmente boa?

  Ben,
creo que o tema estatísticas tería que estar máis controlado por parte
da federación. Os criterios deberían estar máis xeneralizados e ser máis
homoxéneos e así poderíanse facer máis obxectivas. Chisco, por exemplo, metíanos moita caña coas estatísticas e logo xogabamos fóra e parecía que estabamos na selección italiana jajaja! Pero ben, sen dúbida se unha xogadora sae semana tras semana no septeto ideal é que algo está a facer ben.
 Que porcentaxe de culpa ten o adestrador nos éxitos do equipo? E as xogadoras?

  As
xogadoras temos bastante culpa nos éxitos do equipo xa que, a fin de
contas, somos as que estamos na pista xogando. Nós somos a parte
operativa pero todo o resto é culpa dos adestradores. Eles son os que
planifican e controlan adestramentos e partidos e os que nos axudan a
mellorar e a afrontar a liga.
  Que che pon dos nervios durante un partido?

  Tantas cousas… jajajaja!
o partido en sí xa me pon dos nervios. Quizais cando o dou todo e vexo
que non é suficiente para remontar un partido. Máis que nervios
chamaríao frustración.
  O posto de Líbero é un posto especializado dentro do equipo que ao público lle custa entender… como se chega a xogar nesta posición?
  A xente que non ve vólei
normalmente queda moi sorprendida da miña posición. Non entenden por
que vou cunha camiseta diferente e por que non paro de entrar e saír do
campo pero nunca chego á rede. Creo que sempre souben que cando fose
máis maior sería libero. Cando ves que o que te gusta é varrer o chan co
teu corpo e que che empeza a custar pasar o balón por enriba da rede… o
teu momento como libero está a caer jajaja!
 
 Que tal se leva a competencia por xogar nun equipo como Zalaeta, se pelexa unha máis co adestrador ou coas compañeiras?

  Obviamente,
cando xogas nun equipo de Superliga2 sabes que vas ter competencia pero
iso, polo menos persoalmente, motívate aínda máis a adestrar. Pelexar
non pelexas con ninguén, hai certa rivalidade entre compañeiras pero
rivalidade sa. Esa rivalidade que che axuda a mellorar xa que despois
todas somos amigas e hai moi bo ambiente durante os adestramentos. Co
adestrador se que te cabreas máis con algunhas decisións que igual non
compartes, pero é algo normal e non quere dicir que non te alegres pola
túa compañeira. Somos un equipo.
  Un día de descanso, sen nada que facer a que o dedicarías? que te distrae, que te relaxa…

  Benditos
días de descanso. Cando nos daba un día de descanso fóra do normal non
sabías nin que facer con todo o tempo libre que tiñas. Eu dedicábao a
descansar, a ir ao cine ou  tomar algo cos meus amigos. A verdade é
que os poucos que tiñamos agradeciámolos moito.