/FASE DE ASCENSO: CLAUSURA DA TEMPADA CON BARRERO

FASE DE ASCENSO: CLAUSURA DA TEMPADA CON BARRERO

  A piques de finalizar o curso deportivo 2018-2019, o Club Insituto Zalaeta Voleibol confirma a súa tendencia é estabilizarse como un club de referencia no voleibol galego con intención de facelo tamén a nivel estatal.

  Pendente da disputa do Campionato Galego Cadete que terá lugar mañá domingo en Quiroga e no que participa o conxunto do Instituto, o crecemento da canteira é gradual, e tamén a participación dos diferentes equipos en destacados eventos de final de tempada como os campionatos galegos ou fases de ascenso, co obxectivo de estabilizar a situación deportiva no nivel máis alto posible.

  Con todo, este ano é o primeiro equipo o que obtivo os mellores resultados e achegou as maiores alegrías á afección. Coa súa participación por primeira vez en Copa Princesa e na Fase de Ascenso a SF1, lográronse os mellores resultados da historia do club, que milita en SF2 desde o ano 2014, cinco anos na segunda categoría do volei nacional que tratan de afianzar o proxecto dun club modesto baseado no traballo da canteira de forma discreta pero constante.

“En liñas xerais é obvio que despois dunha tempada na que conseguimos e mesmo superamos todos os obxectivos que nos marcabamos, os resultados na Fase non foron todo o bos que desexabamos, non só polas derrotas e o feito de non conseguir unha das prazas de ascenso, senón porqué estivemos lonxe de ter opcións de vitoria”.

  Jorge Barrero, secretario técnico e adestrador do primeiro equipo, resúmenos o final de tempada coa participación en Fase de Ascenso en Socuéllamos, é optimista, pero iso non implica deixar de lado a análise rigorosa da situación do equipo ao final de campaña, ” A pesar diso creo que a experiencia foi moi positiva, as xogadoras tiveron a oportunidade de competir nun nivel e unha competición na que non estiveran nunca, e estou seguro que aínda que nesta ocasión os resultados non foron bos, se volvemos ter outra oportunidade chegaremos moito mellor preparados”.

  A experiencia de competir a un nivel inédito ata o momento para o equipo, un equipo fundamentalmente xoven e procedente dos equipos de base, non soamente do Zalaeta se non do voleibol galego, abre novas vías e experiencias ás xogadoras que se transmite a través de toda a estrutura impregnando o adn do club, e isto é importante para Barrero, que nos explica desta maneira as causas do rendemento do seu equipo en Socuéllamos:

” Respecto as causas, creo que hai varios factores, o primeiro o nivel dos rivais, que obxectivamente os tres eran superiores a nós, non só en nivel de xogo, senón sobre todo nun factor moi importante nestas competicións curtas como é a experiencia. Este é o segundo aspecto que considero fundamental, en cada un dos equipos as xogadoras máis veteranas, por encima de 30 anos e que durante a competición non marcaban tantas diferenzas, chegada esta Fase de Ascenso mostraron o seu nivel e experiencia e foron determinantes nos momentos clave”.

  O nivel increméntase ano a ano, e os clubs con maiores posibilidades confeccionan os seus equipos para lograr unha praza de ascenso á máxima categoría e os corpos técnicos encárganse de lograr o rendemento adecuado a cada fase da competición. Deste xeito, continúa Barrero, ” Outro dos factores é que mentres os demais equipos, especialmente Extremadura estiveron a un nivel superior ao que mostraron durante a liga, nós tivemos que competir ao 100% desde o mes de setembro para conseguir chegar aquí, e sen chegar mal, non estabamos no noso mellor momento nin individual nin colectivamente. En resumo, notouse moito a diferenza entre equipos que desde o principio da competición tiñan como obxectivo claro esta Fase e o ascenso, e nós, que aínda tendo ilusión por facelo ben xa nos espremiamos totalmente durante a liga regular”.

  Finaliza Jorge Barrero esta entrevista deixándonos unha análise ténico dos partidos disputados en Socuéllamos:

Zalaeta-Extremadura Arroyo: É quizais o partido en que peor estivemos, e no que teño a sensación de que puidemos facer bastante máis. No primeiro set non puidemos en ningún momento coa distribución da colocadora estremeña Beatrix, con primeiros tempos rápidos que o noso bloqueo (un dos aspectos nos que máis temos que traballar) non puido frear. No segundo set estivemos mellor, igualamos o xogo e chegamos con opcións ao final, pero produciuse outra das circunstancias que se repetiron durante a Fase, nos momentos nos que tivemos oportunidade de entrar no partido e poñernos por diante erros propios non forzados impedírono. O terceiro set non tivo historia, foi o único momento na competición en que baixamos os brazos e realmente entregamos o set sen loitar.

Zalaeta – Algar: Este foi un partido que tivo en todo momento un denominador común, a defensa e o labor colectivo de Algar estivo moi por encima do noso nivel de ataque. Non fixemos un mal partido e en xeral estivemos mellor que o día anterior, pero controláronnos con facilidade, chegando a desesperar por momentos ás nosas atacantes, e no momento en que o noso nivel defensivo baixou motivado posiblemente por esa frustración no ataque, a diferenza no marcador disparouse. Cada intento o noso por subir o nivel era respondido por unha subida de nivel das rivais, que con xogadoras con ampla experiencia en ligas superiores demostraron ser mellores que nós.

Zalaeta- Socuéllamos: Tras as dúas derrotas dos días anteriores e xa sen opcións este foi quizais o partido no que conseguimos ser máis regulares. Fomos inferiores en todo momento #ante o equipo máis poderoso, especialmente en ataque, pero quizais porqué afrontamos o partido conscientes desa inferioridade, fomos capaces de xogar sen que o marcador afectásenos, e cumprir máis o plan de xogo previsto.