/CAMPIONATO GALEGO CADETE QUIROGA 2019

CAMPIONATO GALEGO CADETE QUIROGA 2019

  Finaliza a competición oficial da tempada para o Club Instituto Zalaeta Voleibol, esta fin de semana coa participación no Campionato Galego Cadete Feminino que se celebrará o vindeiro domingo en Quiroga (Lugo).

  O equipo do Instituto, que realizou unha excelente campaña, clasificouse en segunda posición na Liga Regular adxudicándose unha das prazas para disputar o play off que daba paso á final do campionato. Un play off que as enfrontaba ao CVP Pomasa, e no que as coruñesas foron superiores ás de Pontevedra nos dous encontros disputados, vencendo por 3-0 tanto na ida como na volta.

  O play off non deparou sorpresas, e os catro finalistas son os catro primeiros clasificados na liga regular, de modo que os enfrontamentos serán os seguintes: o Calasancias Coruña primeiro clasificado con 17 vitorias de 18 (perdeu o último partido diante o Zalaeta) enfrontarase na semifinal co 4º clasificado, con 13 vitorias, o EMEVE de Lugo. O Zalaeta 2ª clasificado con 15 vitorias cruzarase co anfitrión, CV Ribeira Sacra, de Monforte,  3º con 14 vitorias.

  Para Cristina, adestradora do Zalaeta, “a priori o favorito pode ser o Calasancias, foi o campión da liga Regular cunha boa diferenza de puntos sobre o noso equipo, pero nunha final como esta, pode pasar calquera cousa, e desde logo imos saír dispostas a non poñerllo fácil en primeiro lugar ao Ribeira Sacra para pasar á final”. O Zalaeta perdeu por 3-1 en Monforte, pero gañou na Coruña por 3-0, repartición de puntos, igualdade que se resolverá o domingo.

  O equipo do Instituto xogará a primeira eliminatoria o domingo ás 10:00, polo que se desprazará o sábado, con Autos Cancela, para facer noite en Quiroga e así evitar un madrugón excesivo. Á fronte da expedición estarán, como delegada de equipo Emma Ordoñez, Cristina G. Bermejo como primeira adestradora e Andrea Rivas como segunda adestradora. A lista de xogadoras convocadas é a seguinte: Lidia Mareque, Iria González, Lucía Alonso, Carlota Vilariño, Laura Alvedro, Sara Ordoñez, Sandra Castro, Icía Álvarez, Paula Torres, Alba Otero, Rebeca Moreno, Sabela Chao, Lucía Ferreiro e Sara Sui Soto.

Moita sorte e boa viaxe¡¡