/CEJF2018: SEGUNDA FASE

CEJF2018: SEGUNDA FASE

 

Hoxe xoves disputábanse os encontros correspondentes á 2ª Fase do Campionato de España na que ao Club Instituto Zalaeta Voleibol tocáballe medirse á primeira hora da mañá co C. Dentales L´ Aigüera Benidorm.

  As galegas impuxéronse con claridade por 0-3 con parciais 12-25; 17-25 e 11-25. O partido comezou cun primeiro set igualado nos primeiros puntos, con alternancia no marcador, pero aos poucos o Zalaeta vaise distanciando e a partir do 10-12 despéganse e finalizan cunha ampla diferenza o primeiro set.

 No segundo o Benidorm ofrece unha maior resistencia, pero cede na parte final do set e as de Tania Cobos poñen o 0-2 no marcador para chegar ao 3º e último no que se impoñen coa maior diferenza do partido.

“Este foi un partido xogado moi serio, dinos David Hermida, no que realmente xogamos ao nivel que cabería esperar, moi regular no que apenas cometemos erros, realmente os puntos do rival fixéronos elas xa que non lles regalamos nada. Xogamos cun bo saque, profundo, facendo dano á recepción de Benidorm que non podían poñer bos balóns á súa colocadora e non conseguían construír o que deu lugar a moitas transicións que nos facilitaban elaborar o noso xogo de ataque no que estivemos moi acertadas e sen erros practicamente. Fixemos un partido moi completo, o mellor ata o momento.”

  Con este resultado o Zalaeta pasa á seguinte rolda, a xogar polos postos de 1º ao 8º, na que se enfrontaria ao Pérez e Aparicio Haris,de Tenerife, equipo que deu a primeira sorpresa do campionato ao deixar fora ao Professional Answer Alcobendas, o campión en exercicio, vencedor da pasada edición disputada na Coruña.

  Descanso e recuperación, esa era consigna das coruñesas, que pola tarde entrarían na disputa polos postos de cabeza. O partido correspondente a 3º Fase xogábase ás 16:30, hora local, ante o equipo tinerfeño e a vitoria sería a antesala das semifinais.

  As do Instituto realizaran un gran partido pola mañá, pero o Haris estaba en racha, demostraranno eliminando ás campioas do ano pasado e volveron demostralo ante o Zalaeta gañando por 3-0 con parciais 25-22; 27-25 e 25-22.

  No comezo do partido unhas decisións arbitrais puideron restar concentración ao Zalaeta cuxa ausencia da cancha neses momentos deulle vantaxe ao Haris que puxo o marcador nun 17-8 moi difícil de remontar. A pesar diso as galegas recuperaron o seu xogo e apertaron ao rival pero non lograron finalizar o set favorablemente.

  Co xogo normalizado no 2º set as do Instituto plantaron cara ás de Tenerife e adiantáronse no marcador pero non souberon manter a diferenza e uns erros finalizando o set danlle a vantaxe ao rival que non o dubida e adiántase no partido 2-0.  O terceiro foi moi igualado pero unha vez máis, o final de set estivo nas mans do Haris que non perdoou e levou a vitoria e o pase a semifinales.

  O partido foi visto así por D. Hermida“Comezamos o partido faltas de concentración e o Haris colleunos unha diferenza importante, melloramos pero non fomos capaces de remontar o marcador. O partido realmente perdémolo por erros puntuais na finalización dos sets, no segundo co marcador ao noso favor 20-22, dous erros infantís botaron a perder a vantaxe. De todos os xeitos xogouse ben, pero enfronte tiñamos un equipo de mais potencial que o dá a mañá e que ademais se mantivo nos momentos decisivos.”   

  Primeira derrota no campionato do Zalaeta que o afasta dos primeiros postos e colócao na loita do 5º ao 8º. O seguinte enfrontamento será no Juan Beltrán ante o Omniprint Ciutat Cide mañá venres ás 11:00, hora local.

FOTOS DE J. VÁZQUEZ:          PÉREZ Y APARICIO HARIS Vs CLUB INSTITUTO ZALAETA VOLEIBOL