/PREPARANDO A COPA PRINCESA 2019

PREPARANDO A COPA PRINCESA 2019

 O Club Instituto Zalaeta Voleibol comeza o ano coa histórica clasificación para disputar Copa Princesa, que este ano se celebra en Palma de Mallorca a próxima fin de semana. Despois de finalizar a primeira volta da competición oficial como primeiras do Grupo A de SF2, a preparación céntrase neste torneo, xa que o Zalaeta comeza o primeiro partido da segunda volta descansando, polo que o ritmo de competición vese reducido.

  A participación na Copa Galicia celebradanas Pontes o pasado día 4, achegou ritmo á preparación do equipo. O segundo adestrador Fernando Cueto, explícanos que “se trataba de competir e xogar se é posible dous encontros, o primeiro contra o Xuvenil e gañar, como así foi, para poder xogar un segundo na final ante o EMEVE. Sabiamos de antemán que sería difícil renovar o título do ano pasado xa que as lucenses viñan moi reforzadas e con ritmo da primeira competición, a liga Iberdrola, categoría na que defenden a permanencia”.

  As coruñesas caeron ante o EMEVE, que se proclama Campión de Copa Galicia, pero cumpriron o seu obxectivo, disputar minutos ao máximo nivel posible para non perder ritmo nin forma neste parón do Nadal.

  Esta vacacións tamén desprazaron ao técnico Jorge Barrero como segundo da selección española senior feminina, deixando a cargo do equipo aos adestradores F. Cueto e Cristina G. Bermejo.

  Finalizada a fase de clasificación para o Campionato de Europa con éxito, primeiras do Grupo F, que supón o billete para o Europeo, Barrero regresa a casa sen descanso para ultimar o torneo de Copa nos días previos á súa celebración, cun partido de adestramento co EMEVE esta tarde no Barrio.

   Sen tempo para desfacer a maleta e sacando conclusións da xornada de hoxe para a charla técnica de mañá, na mente o partido ante o Kiele Socuéllamos, difícil rival líder do Grupo B do que diriamos que é un equipo nado para ascender. Barrero veas “como favoritas a priori, con plantilla de xogadoras con experiencia en SL1 como é Diana Sánchez e que dispón de 4 xogadoras estranxeiras e ademais á coruñesa Alba Quirós, que realizou unha gran tempada o ano pasado co Zalaeta e foi fichada polo Socuéllamos”.

  O Autos Cancela Zalaeta viaxa o sábado para estar ao mediodía en Palma, o partido será pola tarde ás 19:00 no P. Germans Escalas, por tanto non está todo dito, os partidos hai que xogalos, e unha cousa é a liga regular e outra moi distinta o torneo do K.O.

  “Se nós conseguimos xogar no noso máximo nivel, continúa J. Barrero, poderemos competir e teremos opcións de levarnos a vitoria. O reto está en saber se despois do parón do Nadal somos capaces de xogar, colectivamente, co ritmo necesario para superar a un rival superior desde o punto de vista individual. Estou seguro de que teremos a nosa oportunidade”.