Vitoria por 3-2 do Autos Cancela Zalaeta ante o EMEVE no partido de pretemporada disputado o sábado no Municipal de Lugo.
Tocaba desprazamento a Lugo para xogar este segundo partido de preparación, esta vez ante o recentemente ascendido EMEVE de Lugo á Liga Iberdrola, que servía a Jorge Barrero para realizar máis probas e combinacións no axuste do equipo. Nun encontro no que todas as xogadoras tiveron os seus minutos puidéronse ver diferentes rotacións ao longo da duración dos cinco sets que se disputaron.
Ambos os equipos empregáronse a fondo, o Zalaeta comezou moi ben o primeiro set e non deu opción ao rival ao que se impuxo por un contundente 11-25, para disputar o 2º moi apertado que se decantou ao lado local cun resultado de 25-23. En refacho as de José Valle, dominaron o 3º devolvendo a moeda ás coruñesas, e gañan por 25-13. Remontan as visitantes no cuarto logrando empatar o partido cun 23-25 e ímonos ao 5º.
EMEVE ponse por diante ao cambio de campo con 8-6 pero as do Instituto non se dan por vencidas e superan ao rival e gañan o partido cun resultado final de 12-15.
Vitoria traballada do Zalaeta que serve para animar a preparación previa ao comezo de liga, á espera da presentación do equipo ante o seu público na cancha habitual do Barrio das Flores o próximo fin de semana ante o RGC Covadonga de Xixón.
FOTOS DE JULIO VÁZQUEZ….AQUÍ