Continúa a pretempada do Voleibol Zalaeta con adestramentos diarios que aumentan a intensidade de modo programado polo corpo técnico que deseña sesións alternativas de mañá e tarde para lograr os obxectivos, mellor forma física e maior coordinación entre as xogadoras con adaptación das incorporacións desta xa actual tempada 18-19.
Os partidos forman unha parte esencial da preparación, e este fin de semana corresponde un desprazamento a Lugo. Na cidade da Muralla o equipo do Instituto enfrontarase ao equipo local, o EMEVE, vello coñecido do club e da afección ao voleibol, que despois dunha magnífica tempada pasada logrou o ascenso de categoría, sendo xa unha realidade da Liga Iberdrola, a primeira categoría do Voleibol nacional.
Partido de pretempada importante que tratará de medir o momento de preparación de ambos os equipos, pero que ao mesmo tempo pretende dar espectáculo, no que sen dúbida as xogadoras de ambos os equipos entregaranse como nun partido de competición ligueira.
O encontro, mañá sábado ás 18:00 no Municipal de Lugo.