Continúa a preparación de pretemporada do FisiomásZalaeta, cada vez con maior intensidade, coa participación na terceira edición do Torneo VallaVoley que organiza a Universidad de Valladolid. Un torneo nesta edición que se xogaba en categoría masculina e feminina.
Compartían cartel co Zalaeta, o EMEVE de Lugo, o Universidad de Valladolid, esta tempada tamén rival en SF2 e o vallisoletano CD Cervantes.
Os adestradores Jorge Barrero e Fernando Cueto contaban con toda a plantilla para unha xornada que se presentaba intensa, viaxe de ida e volta e tres partidos a disputar ao longo do sábado. Desprazáronse as seguintes xogadoras: Cristina G. Bermejo, Sheila Arias, Rocío Durán, Sofía Hidalgo, Noa Sánchez, Olalla G. Taibo, Andrea Rivas, Alba Quirós, Tania Cobos, Patricia Santos, Irene Vázquez e Paula Castro, e ausencia de Susana Suarez e Teresa Álvarez.
O desprazamento comezaba ás 04:30 do sábado, como sempre a bordo do autobús de AUTOS CANCELA, que nesta ocasión compartía viaxe cos equipos do EMEVE, para chegar á cidade do Pisuerga ás 10:30 da mañá, a tempo de realizar o quecemento para o primeiro encontro.
O torneo entre catro equipos xogábase en formato de todos contra todos en partidos a tres sets, contabilizando cada set gañado, un punto, dando a suma de sets o gañador do torneo.
Boa actuación das coruñesas que se fixeron co título desta edición sen perder ningún partido, e cedendo soamente dous sets, o que lles outorga 7 puntos e a primeira posición.
Houbo minutos para todas as xogadoras, que van mostrando o avance da preparación, e aínda que o xogo despregado denota falta de ritmo de competición, a conxunción do equipo faise patente e manifesta unha das máis importantes características do equipo do Instituto, no que o conxunto é unha clave.
Aquí podedes ver os resultados do III TORNEO VALLAVOLEY SENIOR FEMININO 2015.
Segunda xornada de pretemporada, torneo organizado coa Universidade de Valladolid que este ano disputará a SF2. Torneo en formato de concentración que nos permitiu acumular 9 sets nunha xornada. Para nós foi unha interesante xornada, xa que nos vimos enfrontados a 3 equipos con diferentes armas que che fan ver diferentes aspectos do teu xogo. O resultado, que foi positivo, a estas alturas de pretemporada non é o máis importante pero a pesar de estar rotando o banco constantemente na procura dunha boa repartición de minutos entre as xogadoras púidose ver un xogo ordenado e coordinado, unha nota moi positiva a estas alturas da tempada.
Tamén tivemos algun problema de xogo, que teremos que ser capaces de corrixir, xa que este ano podemos acusar moito esos erros nos partidos, ao ser un equipo que vai necesitar ritmo e constancia para sacar os partidos adiante.
Resumo F. Cueto.