As protagonistas deste segundo Mércores con M de Madriña son Inés Ignacio e as súas afilladas, as alevíns 2014 do grupo luns-mércores, os equipos Zalaeta Negro e Zalaeta Verde que competirán na Liga Escolar baixo a dirección de Iván.
👉 A central, dorsal #5, faloulles do seu percorrido deportivo: da canteira do CV Pontevedra dende 2018 á xogar na Superliga-2 Feminina e a Selección Española de Menores no Centro de Alto Rendemento de Soria. Despois de dous anos na concentración permanente, e de coroarse Campiona de España Junior co Emevé de Lugo este verán, chegou ao noso Clube e claro, ás súas afilladas!
📚Ademais, contoulles que ela aínda está a cursar os estudos de Bacharelato, facendo segundo no propio Instituto Zalaeta (IES Ramón Menéndez Pidal). Sobre isto fíxolles moito fincapé na importancia de organizarse ben e ser responsables: estudos e deporte son máis que compatibles mentres unha cumpla e sexa consecuente co que ten que facer.
Inés destacou da visita o interese das nenas e o montón de preguntas que lle fixeron, e quixo deixarnos por aquí algúns exemplos do que foi xurdindo:
📝 “Preguntáronme se prefería a un adestrador/a que fose duro/a ou a un/ha que non. Eu díxenlles que para min, e na miña experiencia, non hai que entender duro ou estrito con medo, senón ao contrario, como constancia e aprendizaxe. Jorge para min é un exemplo do tipo de adestrador que quero ter”.
Das súas aventuras internacionais coa Selección fixéronlle a pregunta máis simpática, se algunha vez coincidira coas italianas; e despois, xa nun ton máis serio, querían saber se para chegar até onde estaba ela lle custara moito traballo.
“A resposta era sinxela: si. Chegar até onde estou agora custoume moito esforzo e dedicación, pero tiña claro que quería intentar conseguilo. Animeinas a esforzarse e intentalo: a oportunidade de ter un equipo en Superliga-2 como referente non a teñen todos os Clubes, e elas están aí, ás portas”.