Segunda xornada de Liga Regular de SF2, primeiro partido da tempada 2019 – 2020 en casa, primeiro triunfo no Barrio do equipo do Instituto que se impón ao Grupo por 3-1 e que serve para sumar os 3 primeiros puntos da competición.
O encontro comezaba ás 19:00 dirixido polo colexiado Cordeiro Fervenza e cunha duración de 01 h 37 m finalizou cun resultado de 3-1 con parciais: 25-21; 25-22; 17-25 e 25-13 (92-81).
AUTOS CANCELA ZALAETA: Patri Santos, Cristina G. Bermejo, Claudia Gómez, Emma Ordoñez, Paula Lema, Andrea Rivas, Eleonora Guzzi, Laura Vázquez, Carla Figueroa, Alba Quirós, Noa Sánchez e Carlota Vilariño. Adestradores Jorge Barrero e Fernando Cueto.
RGC COVADONGA: Miriam Diéguez, Ariana Morán, Ana Martín, Paula Sánchez, Covadonga Noguero, Ángela Rodríguez, Paula Lorenzana, Marta F. Secades, Sara García, Ángela González, Marina Rubiera, Lucía Montes, Paula Blanco e Covadonga Mitre. Adestradores Saúl Pérez e Daniel Suarez.
O primeiro set comeza adiantándose o Grupo pero as locais van meténdose no encontro aos poucos e cun parcial de 6-0 poñen o 10-5 no marcador, distancia que lles serve para dominar o set, e aínda que no último cuarto as asturianas aproximáronse, as de Barrero finalizaron co 1-0 ao seu favor. Mais puntos en ataque para as de Saúl Pérez, 13-11, pero o maior número de erros cometidos pola súa banda e a eficacia no saque local, 6 ACES, marcan a diferenza.
O segundo, un calco do anterior, as visitantes resisten ata o punto 13, do que pasamos ao 19-13, e nos últimos puntos, presión do Grupo que non consegue facerse co set.
Con este 2-0 no marcador, o partido parecía encarrilado a favor das locais, pero o rival non estaba polo labor e a súa reacción lévalle a xogar un set no que supera claramente ás do Instituto, dominan o marcador de principio a fin logrando unha máxima diferenza de 12-21 que as coruñesas non son capaces de recortar. Ambos os conxuntos comenten o maior número de erros do partido, 9 cada un, pero as asturianas superan en todas as facetas do xogo ao Zalaeta.
No cuarto, as locais deben de reaccionar se non queren chegar ao tie- break, e fano dominando o xogo, logrando unha máxima diferenza de 19-6 que deixa claro de quen é o partido e que os 3 puntos en xogo quedan en casa.
Partido irregular do Autos Cancela Zalaeta, que aínda que mellora a súa actuación en xornada pasada, segue necesitando de mais competición para alcanzar o seu nivel de xogo. Moi ben en saque, 14 ACES e 5 bloqueos e un 36 % de efectividade en ataque con 43 puntos son os seus números. Non se cometeron demasiados erros, pero poderíanse conter algo máis.
Emma Ordoñez foi a mellor do partido polo Autos Cancela Zalaeta con 20 puntos, 7 ACES e 13 ataques, seguida de Laura Vázquez con 16 puntos, 1 ACE e 15 ataques. Polo RGC Covadonga, a mellor Miriam Diéguez con 20 puntos, 19 ataques e 1 bloqueo, seguida de Ana Martín con 11 puntos de ataque.
A próxima xornada, de novo no Barrio, recíbese ao cvleganes. com, que ata o momento leva dúas derrotas, esta xornada ante o EMEVE que se impuxo a domicilio por 1-3 ao conxunto de Marta Ballesteros.