/PARTIDOS DO FIN DE SEMANA

PARTIDOS DO FIN DE SEMANA

  Fin de semana de derbis, tanto nas Ligas Galegas como en SF2. Os equipos do Instituto enfróntanse ao Calasancias Coruña en todas as categorías en que compiten esta fin de semana.

  Comezando polas xuvenís, que son as máis madrugadoras, xogan o partido correspondente á 8ª xornada mañá mércores a partir da 19:30 no Pavillón do Instituto. As de Tania Cobos ocupan a 2ª posición con 18 puntos e 6 vitorias, e as colexiais ocupan a 4ª praza con 16 puntos. unha nova vitoria permitiría ao Zalaeta continuar na mesma posición dependendo de si mesmo.

  O resto de partidos terán lugar o domingo tamén na cancha do Instituto, ás 12:00 as cadetes de 1ª división medirán as súas forzas, ambos os conxuntos ocupan a 1ª e 2ª posición coa diferenza dun punto a favor do Zalaeta, polo que a vitoria das xogadoras de Cristina pode supoñer abrir oco cos perseguidores e seguir ocupando a cabeza da táboa comodamente. Previamente, ás 10:00, enfrontaranse os equipos infantís de 2ª división, co Calasancias B en 6ª posición e CV Zalaeta en 4º lugar.  As xogadoras de D. Hermida deberán aproveitar a súa condición de locais para impoñerse ao rival e manter a posición na clasificación.

  En SF2 temos derbi rexional, o Autos Cancela Zalaeta enfróntase ao Xuvenil Teis nun encontro crucial para ambos os conxuntos.

  Para J. Barrero, “trátase dun partido complicado, como son todos os derbis, levamos moitas tempadas xogando co Xuvenil, e independentemente da posición na táboa, estes partidos hai que resolvelos na cancha. Nós debemos de realizar o noso xogo, conscientes de que no Barrio é difícil baternos, e como temos a mente na Copa, habemos de estar centradas no noso xogo pensando en superar ao rival para non depender de ninguén na clasificación.”

  Coa vitoria ante o Aguere, o Zalaeta alcanzouse á 2ª posición do Grupo A que lle dá paso a disputar Copa Princesa, para iso depende de si mesmo, e o derbi do sábado é o primeiro paso para conservar a prezada praza na clasificación.

  Seis xornadas invictas, son as súas credenciais, coa moral alta e no horizonte a clasificación que dá paso a xogar a Copa, antóxase complicado para calquera equipo sacar algo positivo do Barrio.

  De todos os xeitos, o partido disputarase o sábado a partir das 19:00, onde citamos á afección coruñesa do voleibol para animar ao seu equipo e levalo ao máis alto.