/FINALIZA A FASE DE XOGADE

FINALIZA A FASE DE XOGADE

  Finaliza a competición en Monte dás Moas onde se celebran os partidos correspondentes ao Xogos Galegos Deportivos en Idade Escolar (XOGADE) nos que o Club Instituto Zalaeta Voleibol participa esta tempada cos equipos Alevín A e B e Infantil B.

  O sábado tivo lugar nestas instalacións a entrega de premios aos equipos participantes coa presenza do Delegado de Deportes da Xunta de Galicia na Coruña Roberto García, Director Técnico da FGVB Jorge Barrero e representantes dos diferentes clubs participantes.

  O equipo Infantil do Instituto quedou en cuarta posición, magnífico resultado, a súa adestradora Noemí Vázquez fainos o seguinte resumo:

  “Este equipo está formado fundamentalmente por nenas que se acaban de incorporar ao mundo do Voleibol e que non están inscritas en liga galega, aínda que tamén o completan algunhas que sí participan noutras ligas, e son: Paula, Eva, Claudia, Inés, Andrea, Nerea, Alicia, Marta, Carla e Martina. Ao comezo da competición penalizamos pola falta de experiencia, o que se traduce na aparición de nervios que nos partidos fannos cometer moitos fallos propios e en resultados adversos.

  Con todo, aos poucos vanse apreciando grandes avances no seu xogo, adquiren seguridade e maior control, o que nos dá mellores resultados, que nos serven para avanzar na clasificación ata alcanzar este excelente cuarto posto final polo que temos que felicitar ás xogadoras pola proxección da tempada e a súa dedicación nos adestramentos.”

 En canto á participación na categoría Alevín é a súa adestradora Patri Santos a que nos mostra a súa satisfacción coa tempada e os avances conseguidos polas súas xogadoras:

  “O equipo Alevín A quedou quinto empatado a puntos co cuarto e a un só punto do terceiro. Está composto polas xogadoras, Inés, Noa, Sara, Lucía, Neli, Leire e Adriana, sendo todas xogadoras de último ano da categoría, excepto Adriana que é benxamín.

  Tiveron un gran progreso ao longo de todo o ano e a pesar da posición final, xa gañaran aos dous equipos que quedaran por diante delas, pero cometendo algún tropezo por falta de xogadoras esenciais nalgunha ocasión. Finalmente conseguimos que un equipo de “veteranas” queda en posicións altas da liga.

  En canto ao equipo Alevín B, que está composto por doas benxamins, catro alevíns recentemente incorporadas e unha “veterana” que serviu de profesora ás novas, as xogadoras son Lara, Xiana, Águeda, Laura, Elena, Claudia e Carla.  O progreso deste equipo foi incrible, chegando a ter continuidade nos partidos e conseguindo que as máis pequenas chegasen a un punto desexado para poder competir en futuros anos na categoría Alevín, xa que a algunhas lles quedan aínda tres anos nesta competición.

  En conclusión, houbo un gran avance por parte de todas as xogadoras, participando nun gran nº de partidos un total de 16 xogadoras. Damos por finalizada a tempada con unha boa labor por parte das xogadoras quedando o equipo A en 5ª posición e o B en 15ª.”

FOTOS DE J. VÁZQUEZ.... XOGADE