Comezaba esta mañá o Campionato de España co debú do Club Instituto Zalaeta Voleibol ante o Voleibol Rivas ás 09:00 e que se saldaba coa primeira vitoria das coruñesas por 1-3 con parciais 28-26; 20-25; 27-29 e 14-25.
Nun partido no que os nervios do comezo do campionato deixáronse sentir, as do Instituto perderon o primeiro set no que se deixaron remontar un avantaxe de 15-21 sen atoparse a gusto na cancha. No segundo recuperáronse e dominaron o marcador para pasar apretos no terceiro, a oportunidade do Rivas de remontar o partido, no cuarto final do set apertaron pero que non puido ser, as de Tania souberon pechar favorablemente o set .
No cuarto set e ao cabo o último, o Club Instituto Zalaeta Voleibol non deixou escapar a ocasión e impúxose claramente coa maior diferenza do partido sumando os 2 puntos en xogo e a tranquilidade da primeira vitoria.
“Custounos entrar no partido, cóntanos David Hermida, os nervios do primeiro encontro permitíronlle ao Rivas remontarnos un set que deberiamos de gañar sen problemas. A continuación no resto do partido xogamos mellor as nosas bazas e soubemos impoñernos con claridade para lograr unha vitoria crave“.
Paralelamente o outro duelo do grupo F, Guadalajara Vs Xátiva resolvíase cun 2-3 con parciais 25-19;15-25; 25-22; 20-25 e 8-15.
E era co gañador deste encontro co que xogaba o Zalaeta na segunda xornada do día de hoxe , coas valencianas do Xátiva. Partido complicado que as do Instituto lograron finalmente resolver favorablemente cun 2-3, con parciais 23-25; 11-25; 25-20; 26-24 e 10-15.
Empezou moi entoado o Zalaeta que lle endosou un 0-2 ao Xátiva, pero as valencianas non se rendía e no terceiro remontan gañando claramente o que as leva ao cuarto set crecidas, para impoñerse novamente de forma axustada nun set de infarto con empate a 23 e 24 puntos, e logran ir ao desempate.
No tie break as coruñesas adiántanse no marcador e non deixan achegarse ao rival logrando a segunda vitoria do día e a tranquilidade de verse xa en calquera caso, na 2ª fase, no grupo que vai xogarse os postos do 1º ao 17º.
En opinión de Julio Vázquez foi máis difícil o partido o partido ante o Rivas “a pesar do resultado creo que foi máis complicado o partido de pola mañá, mais decisorio. Pola tarde deixámonos ir, ao vernos cun 2-0 baixamos o ritmo e non xogamos no noso nivel, mal agoiro o 2º set, 25-11, moita diferenza que nos fixo perder ritmo e concentración aínda que no quinto recuperamos e fomos capaces de poñer as cousas no seu sitio. Mañá ante o Guadalajara penso que temos posibilidades de clasificarnos primeiras de grupo”.
O outro partido do grupo Voleibol Rivas Vs Motorsan Guadalajara, as madrileñas facíanse co triunfo por 3-0 con parciais 25-17; 25-15 e 25-19.
Resta a xornada de mañá para finalizar a primeira volta e coñecer as clasificación do grupo da que sairán os cruces para a seguinte rolda. Neste sentido é importante o partido ante o Guadalajara que xogará o Zalaeta ás 11:00 na 2ª pista do Pabellón El Batán.
Unha vitoria daría a primeira posición ás coruñesas o cal significaría un cruzamento co 2º do Grupo C, de momento sin decidir: Arona, Benidorm ou Albacete, o cal evitaría un cruzamento co Barça uns dos favoritos para facerse co título.
Xornada completa para as xogadoras de Tania Cobos despois de disputar 9 sets, realizar 214 puntos e encaixar 184. O gasto físico é importante nunha xornada así e a recuperación fundamental para poder competir a un nivel cada vez mais alto.
FOTOS DE J. VÁZQUEZ: VOLEIBOL RIVAS Vs CLUB INSTITUTO ZALAETA VOLEIBOL