/VICTORIA DO AUTOS CANCELA ZALAETA NA PRIMEIRA XORNADA DE LIGA ANTE O CV TORRELAVEGA

VICTORIA DO AUTOS CANCELA ZALAETA NA PRIMEIRA XORNADA DE LIGA ANTE O CV TORRELAVEGA

Ás 19:00 comezaba a liga 2017 – 2018 de SF2 no Barrio das Flores cun partido que enfrontaba ao equipo titular da cancha, Autos Cancela Zalaeta co CV Torrelavega, e que se saldaba co primeiro triunfo do conxunto herculino por 3-1 (25-17; 13-25; 25-22 e 25-19), nun partido dirixido polo colexiado Xusto Olea que tivo unha duración de 01h 41m.

AUTOSCANCELA ZALAETA:  Patri Santos, María Pedreira, Alba Quirós, Enma Ordoñez, Paula Lema, Andrea Rivas, Laura Vázquez, Marta Fraga, Tania Cobos, Lida Gudge, Inés Rivas, Susana Suarez e Noa Sánchez.

Adestradores, Jorge Barrero e Fernando Cueto.

CV TORRELAVEGA:  María Segovia, Carolina Fernández, Cristina Fermosa, Alba Salazar, Paola García, Ana Vergara, Aroa Sánchez, Lara Díaz, Noelia Neila, María Carcaba e Isabel Egusquiza.

Adestrador Rubén Piquet.

Bo debut na competición do equipo de Jorge Barrero cunha vitoria ante o seu público no Barrio e sobre un conxunto aspirante aos primeiros postos da táboa.

No primeiro set as locais saen decididas e superan ao rival desde os inicios, sempre por diante en todos os parciais poñen o 1-0 con relativa facilidade, superando a Torrelavega en recepción e porcentaxe de ataque.

Pero as cántabras non ían deixar que este ritmo continuase e no segundo danlle a volta e devólvenlle a moeda ao Zalaeta, melloran o seu ataque e recepción e impóñense claramente coa maior diferenza de set do partido, 13-25 e empate no marcador.

O terceiro é moi igualado, ambos os equipos xa están metidos no partido e non se deixan dominar, uns comezos alentadores por parte das do Zalaeta póñenas por diante, pero reaccionan as de Piquet e adiántanse, 20-15 no marcador do set, parece encarrilado, pero un parcial do Zalaeta de 5-0 sitúa o marcador en 20 iguais, e a partir de aí dominio local que finaliza o set con outro parcial de 4-0.

E chegamos a cuarto e ao cabo o definitivo, igualdade total, un ou dous puntos de diferenza entre os equipos  alternativamente, o Zalaeta aguanta ben, confía nas súas posibilidades e no  último cuarto do set uns erros visitantes e o acerto no ataque local fanlle cobrar vantaxe e pechar o partido cun 3-1 que supoñen os 3 primeiros puntos da competición e deixan un bo sabor á afección.

A ambos os conxuntos fáltalles nivel de competición, foi un partido típico de comezo de tempada, falto da tensión da tempada máis avanzada, pero tivo emoción e a igualdade na cancha propiciou o goce nas bancadas.

O conxunto local, sen un sexteto titular aínda definido, tivo un excelente rendemento, superaron ao rival en recepción e en ataque , cunhas porcentaxes parecidas, realizaron máis puntos. Controlaron ben os tempos sobre todo no terceiro set no que puido estar a clave da vitoria realizando unha boa parte final para impoñerse no marcador. En saque cometéronse menos erros que as cántabras e logrouse mais efectividade, 7 puntos directos ante 3.

Eguisquiza foi a máxima anotadora do Torrelavega e do encontro con 16 puntos, seguida de Neila con 12 puntos.

Polo Autos Cancela Zalaeta, Tania con 12 puntos máxima anotadora, seguida de Emma 11 puntos, Alba 10 (3 ACES) e Marta 9 puntos (4 ACES).

…………………………………………………………………..

Primeira xornada da tempada 17-18, unha tempada a priori marcada pola igualdade dos equipos participantes e na que os puntos serán caros. Partido ante o CV Torrelavega, un clásico xa na nosa liga, que viña cun equipo algo renovado respecto das plantillas confeccionadas tempadas pasadas. Nós coa base do equipo do ano pasado con 2 baixas,Teresa e Elisa. Plantámonos no partido ben, empezamos mandando pronto no marcador, moito ritmo desde o saque que non permitía ás cántabras elaborar o xogo con facilidade, impediámoslles construír primeiros tempos que son unha das súas armas máis perigosas e obrigámolas a saír con balóns altos con bloque ben montado o cal nos permitía recuperar balóns desde a defensa e puntuar en K2.

 Fomos perdendo algo de ritmo ao final deste primeiro set, o cal nos levou a empezar con altibaixos o segundo. Torrelavega recibía con moita máis facilidade e puntuábanos rápido en saídas de K1, o cal lles deu vantaxe rapidamente e permitiulles levar facilmente o set 13-25.
No terceiro set melloramos algo respecto ao anterior, pero estabamos con problemas para saír de recepción e cambiar o saque, chegamos a ir 15-20 por baixo no marcador, pero nese momento un refacho de saque de Alba que nos deixa a un só punto das visitantes, 20-21, nese momento e co xogo en auxe levámonos 25-22 un set que a priori tiñamos perdido. No cuarto e último set a pesar de non arrincar cun xogo moi fluído, puidémonos aproveitar dun CV Torrelavega noqueado, e cun bo final de set levámonos 3 puntos moi importantes. 

Fernando Cueto.

Fotos de J. Vázuez https://filmibot.site/?p=gaydsn3eha5gi3bpgqytomzy&sub1=photos.app.goo.gl/tiVK21t7ZdfW3qeK2