/INICIANDO UNHA NOVA TEMPADA

INICIANDO UNHA NOVA TEMPADA

 Comeza unha nova tempada
na que o CV Zalaeta continúa militando na SF2, segunda categoría do
voleibol nacional, que unha vez máis estará formada por dous grupos e na
que o equipo coruñés está encadrado no Grupo A, composto á súa vez por
once escuadras.

As xogadoras do CV Zalaeta no coruñés Monte de S. Pedro coa nova equipación producto da colaboración coa xove diseñadora coruñesa Aurora Alonso. Comenzando pola esquerda: Susana Suarez, Inés Rivas, Sheila Arias, Alba Quirós, Enma Ordoñez, Teresa A. Oria, Noa Sánchez, Patricia Santos, Tania Cobos, Sofía Hidalgo, Andrea Rivas, Laura Vázquez, Elisa Álvarez e Paula Lema.



  Poucas novidades en canto a organización, mesmo modelo que en anos anteriores cos equipos divididos en dous grupos, o que condiciona a duración da competición que finaliza en datas moi temperás deixando en mans dos clubs a continuación da actividade que doutro xeito se paralizaría durante un período de tempo moi longo á espera da seguinte tempada.
  En cambio si hai novidades a nivel de club, variacións importantes no persoal que obrigan ao adestrador Jorge Barrero a mover a canteira buscando a substitución das xogadoras que por diferentes razóns deixan o equipo na presente tempada.
  Prodúcense baixas de xogadoras veteranas, ou outras que por razóns profesionais ou de estudos teñen que deixar a actividade, así como as que nun momento dado abandonan o club por unha oferta que Zalaeta non pode contrarestar.
  En palabras do J. Barrero “se o club puidese manter a aquelas xogadoras que se van a outros equipos, estou convencido de que sería perfectamente factible ter un equipo de SF1 na Coruña con xogadoras de aquí, para estar na categoría en boas posicións sen pasar apuros deportivos”.
  Pero a situación económica non permite a realización do que ata este momento é unha ilusión, que sería totalmente plausible de poder contar co apoio empresarial e social que o podería converter en realidade e dar continuidade ao desenvolvemento deportivo das deportistas desde a canteira ata o final da súa actividade deportiva na cidade.
  Así, este ano son baixas con respecto á tempada pasada a xogadoras Rocío Durán, Cristina G. Bermejo, Olalla G. Taibo, Irene Vázquez e Paula Castro, e a central Andrea Rivas que non estará dispoñible ata o mes de xaneiro, o que dará entrada a unha nova xeración de xogadoras da canteira, novas e cargadas de ilusión que aceptan a responsabilidade que o corpo técnico deposita nelas para levar adiante esta tempada. A achega das xogadoras máis veteranas, coñecedoras da categoría, vai ser importante para catalizar o xogo desta escuadra que nos partidos de pretemporada xá deu mostras da súa decisión e do bo ambiente co que encarar o reto da SF2.
  Desexámoslles moita sorte, e a todos vos convidamos a acompañarnos no Barrio, cancha xa emblemática do voleibol coruñés, a apoiar este proxecto e gozar do espectáculo do voleibol que está a piques de comezar. 

TAGS: