Despois da competición regular os seis primeiros equipos clasificados pasaron á segunda fase divididos en dous grupos de tres dos que os dous primeiros de cada grupo acceden ao play off que decidirá o Campión Galego e dará paso ao Campionato de España de clubs.
O Autos Cancela Zalaeta, cuarto na liga con 11 vitorias e 7 derrotas, realizou unha competición irregular, propia dun equipo en construción no que o cambio xeracional fíxose notar e tivo necesidade de adaptar e adaptarse ás novas incorporacións ao persoal. Para iso necesitou practicamente o transcurso da liga regular co obxectivo de meterse na segunda fase que daba opción a xogar por título.
As 11 vitorias facíanlle acredor da cuarta praza, e a evolución do grupo de xogadoras a cargo da adestradora Tania Cobos poñía de manifesto as intencións de alcanzar o nivel máis alto posible para disputar o triunfo en todos os partidos. Así, a segunda fase realizada polo equipo do Instituto coincidiu co mellor xogo despregado ao longo da tempada, nunha progresión positiva cuxo punto máis alto correspóndese co final da competición, de modo que se mediu co EMEVE, campión da liga regular, repartindo os puntos e logrando un empate no que soamente lles separa un set o que supón a segunda praza do grupo que lle leva a enfrontarse na primeira semifinal co organizador VoleyOurense.
“Para nós a clave, di Tania, está en manter o noso nivel de xogo, a un ritmo alto de ataque, sen baixons nin perder a concentración ante un equipo eminentemente defensivo e que conta cunha boa distribución de xogo. O nivel de xogo do Zalaeta foi de menos a máis ao longo da tempada, e na fase final logramos momentos brillantes de xogo e tamén callado bos partidos, non perder os nervios será fundamental”.
O favorito, probablemente EMEVE de Lugo, campión da fase regular e reforzado coas xogadoras da Concentración Permanente Paula Martínez e Alejandra Olalla, sen esquecernos de Lucía Prol, xoven promesa da canteira lucense, pero nunha fase final como esta calquera cousa pode suceder, e as lucenses mídense na semifinal ao Xuvenil Teis, que coas xóvenes xogadoras Sara Urrea e Alicia González, habituais nas convocatorias de SF2 do seu equipo, e a inspiración da colocadora Larrán pode converterse nun rival moi serio.
En canto á outra semifinal, mídense dous bloques antagónicos, un, o VoleyOurense, eminentemente defensivo, que o soporta todo e non dá nada por perdido que ten na súa colocadora Patricia a xogadora que pode ser clave no xogo do seu equipo, e que se medirá a un Autos Cancela Zalaeta no seu mellor momento da tempada, que se baseará no seu xogo de ataque e na súa consistencia na rede, que contará coa xogadora Paula Castro habitual de SF2 e a receptora Laura Vázquez cadete compoñente da Selección Galega bronce no CESA 2016.
Nada está escrito, todo é posible, a solución mañá a partir das 10:00 no Paco Paz.