/FALAMOS CO ADESTRADOR JORGE BARRERO

FALAMOS CO ADESTRADOR JORGE BARRERO

   «A SEGUNDA FASE SERÁ MOI DURA, E POR ISO, MOI INTERESANTE».

   Finalizou a primeira fase da SF2 coa súa xornada nº 14 deixando definidos os grupos tanto de ascenso como de permanencia. Rematou esta fase o FisiomásZalaeta sen problemas para clasificarse en terceira posición no Grupo A cuxo primeiro clasificado foi o Extremadura Arroyo, ambos equipos, xunto co RGC Covadonga de Xixón e o EMEVE de Lugo, logo de realizar un excelente final, mediranse aos equipos do Grupo B que ocupan as catro primeiras prazas, encabezados polo CV Vall D´Hebrón, séguenlle CV San Cugat, Feel Voley Alcobendas e CV Alzira. A Segunda Fase comezará para o FisiomásZalaeta recibindo ao CV Vall D´Hebrón no Barrio das Flores nun encontro que se presenta complicado.
   Con Jorge Barrero falamos acerca da tempada realizada polo seu equipo e do que nos espera na parte final de Liga.
   Comezou a tempada coa vitoria na Copa Galicia, e finalizamos esta fase regular con outra emocionante vitoria sobre un rival directo, parece que o Zalaeta realizou unha tempada bastante regular…
  
En liñas xerais creo que fomos de menos a máis, cun pequeno baixón no rendemento no mes de decembro, no que gañamos a Cantabria pero xogando mal, e despois fixemos o peor partido da tempada en Avilés. Neste sentido o parón veunos ben para poder traballar algo máis desde o punto de vista físico e técnico.
 
   Cal é a xuízo de Jorge Barrero a principal característica do seu equipo? 

Indudablemente en canto a características de xogo nosa mellor arma é o bloqueo, pero só con iso non se gañan partidos, sobre todo si non o acompañamos cun bo saque e defensa de segunda liña, que son os aspectos que máis nos fallaron nos partidos que perdemos. En canto ao k1 debemos mellorar o % de recepción para poder xogar máis rápido en ataque.
En canto a características como grupo, somos un equipo con mestura de xogadoras veteranas e novas, complementarias neste sentido, pero á vez con grandes diferenzas entre elas en canto a situación persoal, experiencias, motivacions, etc, e iso, malia que a relación persoal entre elas creo que é moi boa, fai máis difícil conseguir un alto grado de cohesión grupal, que sempre facilita a consecución dos obxectivos. 
 
      Que parte de culpa ten o adestrador no bo funcionamento do conxunto?

Na miña opinión o adestrador é unha peza máis no equipo, con máis importancia no proceso de preparación competitiva, e moita menos na competición na que as principais protagonistas son as xogadoras. Tamén indudablemente en segundo a idade  do equipo a función do adestrador varía, nun equipo moi novo asume máis protagonismo, non só en adestramentos, senón tamén en competición, comportamentos, etc, mentres que cun equipo máis veterano a capacidade de influencia do adestrador, aínda que sempre existe, é menor. 
 
   A oposta internacional Patricia Suarez é unha xogadora que está realizando unha excelente tempada, a RFEVB a incluíu varias veces no septeto ideal e é mencionada prácticamente todas as semanas nas estatísticas da categoría ademais a súa achega anotadora é realmente importante,
   É ela a pedra angular do equipo?

Indudablemente é o noso referente desde o punto de vista ofensivo, como non pode ser doutro xeito, e determinante en moitos partidos desta liga, pero ela sabe que ten moitas cousas que mellorar, tanto desde o punto de vista físico como técnico. Tamén é indubidable que a situación de non ser un equipo profesional e de non dedicarse como actividade principal a adestrar é nova para ela. Non é o mesmo adestrar ás 9 da noite tras unha xornada de traballo ou estudos, que chegar ao adestramento descansado e que este supoña para ti a principal actividade do día. Require un maior esforzo mental render nestas condicións, e neste sentido ela estase adaptando á nova situación.
De todas as maneiras, sen dúbida a súa mellor calidade e na que máis axuda ao equipo é a súa capacidade competitiva, tanto en partidos como en adestramentos, sempre quere gañar, e  ese carácter competitivo é importante para o equipo, especialmente para as xogadoras máis novas.
 
   Parécenos ver ao longo da tempada un equipo que non tiña fisuras, boas actuacións da veteranas xogadoras Rocío, Sheila, Laura, a rede perfectamente cuberta cunhas centrais de luxo  como Nancy, Olalla e as colocadoras Marta e Cristina  pero tamén a achega das mozas como Sofía, gran parte da tempada sen substitución por lesión de Noa, de Sara Díaz adaptándose ao equipo e á cidade logo da súa estancia no CAEP Soria, que finalizaron realizando grandes actuacións como as da receptora Marta Fraga e a central cadete Lydia Alonso no partido contra o RGC Covadonga que as levaron ao septeto ideal da xornada…

Eu non diría que o equipo non ten fisuras, senón que fomos mellorando para intentar reducir as moitas fisuras coas que empezamos a adestrar en agosto. O que si é verdade é que ao longo destes meses varias xogadoras que nalgunhas fases ou partidos tiveron pouca participación, si foron importantes noutros momentos, e este é un dos obxectivos que nos marcamos ao principio do ano, o intentar que aínda que en todos os equipos hai xogadoras con máis e outras con menos participación, todas se síntan útiles ao equipo e en condicións de render no momento que eu considero que son necesarias. Aínda nos queda case a metade da tempada e estamos nese camiño, e estou seguro de que ao final todas terán os seus momentos importantes.  

  Minimiza as lesións o feito de ter substitucións de garantía?

As lesións son sempre o aspecto máis negativo de calquera tempada, e neste sentido é verdade que o ter unha plantilla bastante ampla fixo que o equipo non se resinta excesivamente dos diversos problemas que van xurdindo,  Rocío e sobre todo Noa son as que máis partidos se perdéron, pero foron sempre ben substituídas polas súas compañeiras.
Mención separadamente é a lesión que sufriu recientemente Nancy. Non só porque estaba sendo unha xogadora fundamental para nós, e moi querida polas súas compañeiras e corpo técnico, senón porque lle fará perderse o que queda de tempada, e falamos dun problema nas costas, de máis difícil solución que os habituais esguinces e roturas musculares. Neste sentido só espero en primeiro lugar que se recupere ben, e despois veremos si é posible que se reincorpore a próxima tempada  connosco.
  
   A clasificación como terceiros de grupo é inapelable e tamén a consiguiente clasificación, con iso, obxectivo cumprido?

É certo que a principio de tempada, vendo o nivel dos rivais e malia ser un equipo novo na categoría, marcámosnos un primeiro obxectivo de entrar entre os catro primeiros, e poder medirnos cos mellores do outro grupo, e tamén é verdade que non é o noso obxectivo o ascenso xa que malia que o nivel baixou moito con respecto a outras tempadas, a Superliga esixe un desembolso económico e sobre todo unha estrutura de club desgraciadamente inalcanzable para nós actualmente.
No entanto cometeremos un gran erro si dentro do equipo consideramos que o obxectivo está cumprido, xa que a nivel estrictamente deportivo, o máis duro está por chegar, e de nada valerá o feito ata agora si non competimos ao 100% nos oito partidos que nos quedan, porqué ademais o nivel dos rivais así nolo vai a esixir.
Neste sentido o obxectivo agora é xogar ao máximo cada partido, crendo sempre na vitoria, pero conscientes de que van ser moi duros.
 
   Na recén finalizada Copa da Raiña, a presencia de xogadoras galegas foi destacada, ¿o voleibol feminino en Galicia está a bo nivel, representado tamén polos clubs de SF2?

Creo que o nivel do volei feminino en Galicia, aínda que todo, é mellorable, é bastante bo si o relacionamos con outras autonomías dun tamaño similar á nosa. Os bos resultados nos últimos anos das seleccións galegas de infantís e cadetes así nolo indican, e en canto á categoría senior acabamos de ver como unha coruñesa, Helia González, acaba de ser proclamada MVP da Copa da Raíña, e dúas galegas máis (Noelia Sánchez e Pepo Garrido) gañaron co Haro a competición.  
 
   Como se presenta a seguinte fase, Vall d´Hebrón, San Cugat, Alzira, Alcobendas…

Será sen dúbida unha fase moi dura pola entidade dos rivais, pero á vez e por este mesmo motivo moi interesante, e un reto para o equipo. Ademais, a clasificación do Emeve, da que me alegro polos anos que levan traballando, réstanos 4 puntos na clasificación, pois contra elas só sumamos 2 e contra Cantabria tiñamos os 6.  Empezamos contra Vall d´Hebrón, que demostrou ata agora ser o equipo máis forte da competición, con todos os partidos gañados, e campión da Cópa Princesa. Creo que é o único equipo con alternativas en ataque para facer dano en calquera punto débil do rival, bo bloqueo, e ademais cun bo banquiño.
En canto a Alcobendas, trátase dun equipo moi novo, case todas as súas xogadoras son internacionais junior, pero con gran calidade, moi boa colocadora, forte polo centro, e co apoio fundamental da experiencia e saber estar que lle aporta a ex internacional Esther Rodríguez.
San Cugat e Alzira son dous equipos que de momento coñezo menos, xa que son os dous últimos contra os que nos enfrontaremos.
ETIQUETAS: