/ENTREVISTA CON PATRICIA SANTOS.

ENTREVISTA CON PATRICIA SANTOS.

 

  Patri Santos, estudante da UDC,
formada nas categorías inferiores do Liceo, actualmente milita no
equipo de SF2 e non só encontra tempo para compaxinar estudos e
adestramentos, senón que tamén dedícase á formación de novos valores da
canteira do instituto.
 Balance da tempada. O mellor e o peor.

  Eu
creo que o máis positivo da tempada foi lograr facer do barrio un
fortín do que ningún equipo logrou saír ileso. Conseguimos traballar
moito mellor en conxunto, todo o mundo tiña un papel importante e todas
soubemos cumprir cando foi necesario.
O peor por poñer algo, quizais o
chasco máis grande da tempada foi volver ter na nosa man clasificarnos
para a Copa Princesa e por un set quedar fóra.
Tivemos os nosos máis e
os nosos menos pero fomos bastante constantes ao longo da tempada,
marcándonos obxectivos alcanzables para evitar que o rendemento
baixase. FOI UNHA GRAN TEMPADA.
 
 
 Esperabas este rendemento tanto teu coma do equipo?

  Do
equipo eu creo que ninguén se imaxinou que fosemos a chegar onde
chegamos, e que conseguísemos ser invictas na casa cando o ano pasado
non era noso forte. Este ano non podiamos depender de que unha persoa
levase o peso do equipo así que este peso se repartiu entre todas
chegando a un moi bo resultado final, moita compenetración e todas as
xogadoras foron vitais.
Con respecto ao meu rendemento teríame
gustado poder achegar un pouquiño máis, pero sempre que fun necesaria creo que respondín como se esperaba. Ogallá o ano que vén poida achegar
ese pouquiño máis.

 En Coruña caeron todos os equipos, cal é o plus que ten o Zalaeta xogando na casa?


  Creo que ao principio conseguimos esas vitorias porque nos vimos máis
fortes que o rival dende o primeiro momento, e ademais co apoio da afección en todos os partidos, sentíamos que non podiamos fallar. Mantívemonos nesa liña co noso obxectivo de ir á copa Princesa, e finalmente por querer conseguir esa imbatibilidade xamais lograda. 
 Son de fiar as estatísticas, ata que punto se unha xogadora aparece moitas veces é realmente boa?

  Son
de fiar ata certo punto, está claro que non é igual a valoración de
cada persoa encargada de facer estas estatísticas. Por exemplo, nós
destacamos por ter unha grande esixencia en recepción e noutros equipos
haberá outras características. Por iso en recepción para min non son
moito de fiar. Agora, se falamos de ataque a cousa cambia, é máis
complicado equivocarse neste aspecto posto que se fas punto o fas, non
hai outra valoración posible, así que eu creo que as estatísticas en
ataque ou saque, e mesmo bloqueo se son máis obxectivas. Logo con
respecto á posición que a min me afecta, colocadora, valórase segundo a
efectividade do teu equipo en ataque. Así que podes ser moi boa e ter
un equipo que puntúe pouco que vas ter unha baixa valoración, e ao
contrario, ser unha colocadora normaliña pero que as túas atacantes sexan moi boas e polo tanto a túa valoración tamén será alta.
Depende
en que aspecto, poderemonos fiar completamente ou só de forma
orientativa, o que está claro é que as estatísticas son de grande axuda á
hora de afrontar os partidos e coñecer un pouco máis o rival. E se
as xogadoras están arriba das clasificacións ao final da liga é que algo
ben terán feito xa que é un conxunto das estatísticas de todo o ano,
polo tanto non me cabe dúbida de que serán boas, non sei se as mellores
pero se unha delas.
 Que porcentaxe de culpa ten o adestrador nos éxitos do equipo? E as xogadoras?

  Depende do partido, da motivación, do día que teñan as xogadoras e de como actúe o adestrador en consecuencia.
Para min levan máis peso as xogadoras á hora dun partido en concreto, pero
está claro que o traballo de todo o ano, ou a propia formulación do
partido depende en maior parte do adestrador, e que sen el (sen eles,
porque non temos só un que nos axude) sería imposible.
Aínda que sempre se di que cando se gaña, gañan as xogadoras, e cando se perde perde, o adestrador jaja. Pero bo, iso é mentira case sempre, aquí somos todos. 
 Que che pon dos nervios durante un partido?

  Estar
no banco, ponme moito máis nerviosa que se estou a xogar. Polo resto
mantéñome bastante tranquila, os nervios non axudan, nin a ti mesmo nin
ao equipo, así que mellor deixalos á parte.
 
 Como se compaxinan os adestramentos e a participación na formación da canteira?

  Tente
que gustar iso está claro porque se xa lle dedicas dúas horas ao día a
adestrarte, a maiores necesitas unha máis para a canteira. Quita
tempo pero dá alegrías, sobre todo nos pequenos que acaban de empezar a
xogar este ano, ou os que levan un pouco máis pero son novos, ves a súa
grande evolución e o que van conseguindo. Este ano ademais temos o plus
de estar a lograr vitorias importantes que nos dan acceso a outras
competicións como o campionato galego alevín tras ser campións
provinciais. Sen dúbida ningunha, non me arrepinto para nada de terme
metido aquí.
 Que importancia ten a formación de xogadoras para un club?
 
  Moita,
para a miña é a clave de que un club funcione. Ter canteira para poder
tirar dela no futuro e que algún día sexan eles os que formen parte do
primeiro equipo. Porque ten dúas opcións, fichar xogadores que non todos
os equipos poden ou completar con canteira, como é o meu caso, que
entrei en Zalaeta hai case 6 anos e agora
formo parte do primeiro equipo, e como eu, moitas outras que xogan ou
xogaron comigo. Ademais sempre é bo ser o club referente para que os
nenos se animen a xogar, ser coñecidos como club non só como un equipo
dunha categoría en concreto. 
 Un día de descanso, sen nada que facer a que o dedicarías? que te distrae, que te relaxa…

  Un día de descanso? Iso que é? Jaja..
moitas cousas, pódense facer moitas cousas, dende poñerte ao día con
temas de estudo, como aproveitar para saír a pasear un pouco, quedar coa
xente que case non ves por tanto voleibol para que se acorden da túa
cara ata a próxima vez que os vexas, que será dentro dun par de meses…
ou simplemente os plans que pode facer calquera persoa, cine, tomar
algo. ..etc.
É máis, somos tan adictas ao voleibol, que como sexa verán e esteamos libres nos poñemos a xogar ao volei
praia, queixamonos pero no fondo nos encanta isto, e creo que falo
pola maioría, pero é que xa é unha parte moi importante da nosa vida e
somos como unha familia, hai que ter en conta que durante a tempada nos
vemos todos os días, e que convivimos os fins de semana.
Un pracer compartir a miña vida con este deporte.

ETIQUETAS: