/ENTREVISTA CON TANIA

ENTREVISTA CON TANIA

Tania Cobos
  
  Coa Copa Federación en marcha,
o próximo fin de semana celébrase a segunda rolda, a pretempada
convértese nunha competición na que os equipos se disputan o cobizado
trofeo, nun torneo no que o principal aliciente é que se trata de
escuadras de parecido nivel, co que haberá oportunidades para todos, ao
tempo que se prepara un campionato ligueiro que promete competencia
dende o principio.
  Tania Cobos, adestradora das categorías inferiores do CV Zalaeta que ao mesmo tempo forma parte do equipo de SF2, coñecedora dos equipos de 2ª e xuvenís nos que compartiu banco co adestrador David Hermida a anterior tempada, dános a súa opinión e cóntanos como ve o equipo nestes momentos.

   Recén
comezada a pretempada, podiamos dicir que entramos de cheo na
competición coa saída na Copa Federación que comezou o pasado fin de
semana?

 
  Quizais eu non diría exactamente entrar de cheo en
competición, diría mellor recta final da pretempada, é certo que case
nos queda un mes para empezar a liga, pero é hora de ir pulindo cousas
de forma máis específica. Os adestramentos xa son menos físicos e moito
máis técnicos e este último mes terán tamén moito de táctica. Pero sí
podemos dicir que é unha primeira toma de contacto co aspecto
competitivo xa que non disputamos ningún amigable e probablemente non
teremos posibilidade de facelo.
 
  Trátase dun novo formato de competición que abrangue outros equipo e outras categorías, que opinión tes deste novo modelo?
 Paréceme unha grande idea a de
separala en tres Copas. Favorece á competición, iguala máis o nivel dos
equipos e podes sacar máis cousas en positivo/negativo e a traballar de
cada partido. Por poñerche un exemplo, se enfrontásemos ao noso equipo
da Copa Federación co da Copa Galicia, podería darse a sorpresa porque
iso nunca se sabe, pero en condicións normais non serviría de moito a
ningún dos dous equipos, existe unha diferenza importante entre ambos os
dous. E iso era o que acontecía en primeiras fases das anteriores Copa
Galicia
Aínda así, fáltame algo máis. Son consciente das dificultades
económicas polas que pasamos todos, os deportes como o noso máis, e
neste caso a Federación e o noso propio Club. Pero aínda que fose pouco,
unha recompensa económica daría máis xogo, habería máis espectáculo, e
esa é a forma de enganchar afeccionados, aos equipos para que compitan
nestas competicións novas que propón a Federación, e a cada Club por ter
a posibilidade de ter un «ingresillo extra». Tería máis valor a competición en si.
 
  Os equipos destas categorías poden dar un xiro dunha tempada para outra, Hai cambios importantes no Zalaeta de cara á tempada que vai comezar? 
  Si e non.
  A suba a sénior da colocadora Patricia é unha baixa importante, está claro. Patricia
leva uns 4-5 anos no equipo e mesmo no Liceo xa xogaba con algunhas das
que pertencen aínda ao equipo xuvenil, a simbiose que crea entre o
resto dos xogadores e o colocador para o meu é fundamental, ademais de
que era a capitá. E por se iso non fose pouco, a segunda colocadora do
equipo, Elena, que achegou moita confianza e
seguridade ao equipo no seu primeiro ano no Club, tamén subiu de
categoría, polo tanto aí hai un oco importante. Para ese oco contamos
coa incorporación de Noe, procedente do AD A Pinguela,
xogadora moi loitadora e de gran carácter que estamos seguros que
traballará moi duro para crear no pouco tempo que ten, esa
compenetración necesaria co resto, de momento se está a adaptar moi ben e
nos achegará grandes cousas.
Por outra parte, dúas das receptoras tamén soben de categoría, Alba Fernández, a cal fixo, espero, unha pausa na súa traxectoria deportiva. E Sara Rivera, xogadora importante non só dentro, se non tamén fóra do campo.
Isto, unido a que durante gran parte da liga non poderemos contar coas centrais Andrea Rivas e Lydia Alonso nin coa oposta Alba Quiros
porque son parte activa do equipo de Super liga-2, fan que o equipo dun
xiro importante, un xiro no que xogadoras que tiveron menos
protagonismo o ano pasado, este ano van ter que botarse o equipo ás
costas e tirar do en competición xuvenil e en segunda división tamén.
Polo tanto é un ano no que deberán adquirir madureza, deberán pelexar
partidos como nunca, uns os gañaremos e outros os perderemos, é parte do
xogo.
A final de ano encontrarémonos, espero, cun equipo maduro xa a
pesar da xuventude, e coas incorporacións das xuvenís que xa non
estarán a disposición de Super liga-2, teremos un grupo «majete».
  Os resultados da tempada pasada, de que xeito condicionan o traballo e os obxectivos da presente?
 
  Son
partidaria de que non se pode vivir do que conseguiches, nin sequera ao
día seguinte de facelo. O discurso cando fomos ao Campionato de España
como Campioas Galegas era ese, ao de en fronte vaille dar igual que
sexamos campioas ou ultimas, non nos van ter medo por iso, polo tanto é
como empezar de cero.
Está claro que gañar o Campionato Galego foi
unha inxección de moral, o bo papel na Superliga Júnior (onde
probablemente alcanzamos o mellor nivel da temporada)… pero co
Campionato de España nos quedou un sabor agridoce.
De modo que,
condiciona, si, pero para traballar máis e mellor. Hai que ir paso a
paso, o primeiro ao que nos enfrontaremos é a liga, e a pesar de que
sempre está a figura da Fase Final presente, onde podes salvar algunha
«cagada» cometida durante a liga, gustaríame que cada partido fose
determinante, se podemos gañar, gañar, se pode ser 3-0, mellor que 3-1
ou 3-2. Creo que todos debemos cambiar a mentalidade. O primeiro
obxectivo é ser os máis regulares da liga e quedar 1º, seguro que iso
nos posiciona nun mellor nivel para afrontar logo o final de tempada.
 
  En
que situación se encontran os equipos para afrontar a Copa? 
 
  Bo
a este nivel e contando con (a maioría) estudantes,  podería
dicirse que o equipo está pechado xa, e supoño que noutros equipos pasará igual.
Logo sempre pode haber algún cambio, pero eu creo que son
circunstanciais.
  O nivel ao que se chega obviamente non é o mellor,
algúns chegasen moi xustos fisicamente porque terán empezado hai unha
semana, outros, como nós, fisicamente igual nos encontramos ben pero
seguro que no campo estamos un pouco perdidas porque non traballamos
aspectos tácticos… máis que nada, é unha toma de contacto, aínda que
formules «partidillos» nos adestramentos, está claro que é máis motivante xogar contra outro equipo e máis sendo equipos que nos coñecemos de varios anos atrás, ou sexa que imos en busca de sensacións.
ETIQUETAS: