/FISIOMÁSZALAETA 3 REDPISO TORREJÓN 2

FISIOMÁSZALAETA 3 REDPISO TORREJÓN 2

  Vitoria no quinto set do CV Zalaeta ante o RedPiso Torrejón no primeiro partido de liga SF2 disputado no Barrio das Flores.

  O encontro deu comezo á hora prevista, as 19:00, dirixido polas colexiadas Aroa García e Laura Lago, e finalizou despois de de 02h 06m cun resultado de 3-2 con parciais:  21-25; 32-34; 25-15; 25-23 e 15-9.

CV ZALAETA: Patri Santos, Lidia Gudge, Sofía Hidalgo, Alba Quirós, Emma Ordoñez, Paula Lema, Laura Vázquez, Tere A. Oria, Tania Cobos, Elisa Álvarez, Inés Rivas, Susana Suarez e Noa Sánchez.
Adestradores, Jorge Barrero, Fernando Cueto.

REDPISO TORREjÓN: Virumbrales Cuenca, Sonia García, Sageras, Benito Fenández, Irueste López, del Rosario Moreno, Hernández García, Delgada del Pico, Bravo Culebras e Maestri Gozalo.
Adestradores, Canales de la Hoz e Óscar Martín.
  Cinco sets necesitou o Zalaeta para dobregar ao Torrejón nun longo partido  correspondente á segunda xornada, e obter así a primeira vitoria coa que se suman dous puntos para situarse no medio da táboa.
  Tiveron un frouxo comezo as coruñesas, un parcial de 1-6 no primeiro set marcou o devir da primeira parte do partido e serviulle ao Torrejón para poñer o 1-0 no marcador despois de que na parte final do set as locais puidesen maquillar o resultado tentando unha remontada imposible.
  No segundo mellorouse o xogo aínda que se cometeron moitos erros ante un equipo que fixo o que se esperaba, xogar sen dar un balón por perdido, cometer os menos erros posibles e aproveitar a vantaxe que lle daba o rival, 17 erros do Zalaeta neste parcial que finalizou cun marcador de 32-34.
  A mellora era palpable, e tiña que materializarse inmediatamente para ter opcións no partido, e o terceiro foi o mellor das xogadoras de Barrero, con decisión foi o set que menos erros cometeron e o de mellor porcentaxe de ataque e en 21 minutos puxeron ao rival no seu sitio e obtiveron a maior diferenza do partido. As coruñesas tomaron osíxeno ante as visitantes que acusaron o cansazo dun set tan longo e intenso como o segundo, e comezaron mandando no marcador para volver ter dúbidas na metade de set (11-16) no que o RedPisos Torrejón acelerou para finalizar o encontro, pero de novo a remontada na parte final deu o triunfo ao CV Zalaeta que logrou o empate no encontro.
  No tie-break as locais xa estaban embaladas e non ían deixar que se lles escapase o partido e dominaron desde o principio sen dar oportunidade ao rival nin de achegarse no marcador.
  Cometeron moitos erros as de Barrero, en saque 26 (case 1 de cada 4) xustamente o dobre que o Torrejón, e moitas imprecisións produto dos nervios e a falta de concentración, pero a pesar diso mostraron bos momentos de xogo e aumentaron a porcentaxe de ataque respecto ao partido anterior o que lles valeu a vitoria final.
  Alba Quirós de novo a máxima anotadora do equipo e ademais do encontro con nada menos que 33 puntos, 3 de saque, 1 bloqueo e 29 ataques. Ademais outras catro xogadoras superaron a barreira dos 10 puntos: Susana 13, Inés e Tania 12 e Emma 11. Por parte do Torrejón de novo Sonia García a súa máxima anotadora con 16 puntos seguida de del Rosario con 14.

 Primeiro partido esta tempada no Barrio das Flores e primeira vitoria, pero non sen sufrimento, debido á elevada cantidade de fallos que cometemos, sobre todo desde o saque, que a punto estivo de darlle 3 puntos a Torrejón no momento que peor estaba a xogar o equipo madrileño, aínda que finalmente só levou 1.
 Entramos mal o primeiro set, moi agarrotadas e presionadas, enfrontabámonos a un equipo máis veterano que souberon facer valer esa experiencia ao comezo do encontro sendo moi agresivas en saque ante un equipo que se mostraba sen ideas. No segundo set melloramos pero 7 erros de saque neste set foron un lastre moi grande para un marcador que acabou 32-34.
 No terceiro set volvemos a unha boa versión e levámonolo con facilidade apoiándonos nun 56% de eficacia en ataque;  o cuarto set estivo a piques de custarnos, xa que no 7-7, Torrejón fixera todos os puntos que levaba por erros de saque do noso equipo. Este mal inicio noso xunto a un refacho de saque delas chegou a poñer ás visitantes 11-16 arriba, pero finalmente levámonos o set por unha diferenza mínima que non reflectía a superioridade en xogo polo noso lado.
 No quinto set, Torrexón inicia con imprecisións, que nos permite poñernos 4-0 con erros delas, algo que nos achandou moito o camiño e xogamos sempre con polo menos 4 puntos de vantaxe, o que sumado a un bo facer no noso saque deixounos 2 puntos en casa.
 Destacar que por segundo partido consecutivo estamos encima dun 35% en ataque, algo que nos custaba moito o ano pasado.  

 
F. Cueto.


 

ETIQUETAS: