/PRIMEIRO PARTIDO DA PRETEMPADA

PRIMEIRO PARTIDO DA PRETEMPADA

  Desprazamento a Xixón para estrear a pretempada nun clásico, ante o Grupo, agradecendo un ano máis a invitación e a boa acollida do Real Grupo Cultura Covadonga na celebración da súa festa anual.
Fernando Cueto, Lidia Gudge, Inés Rivas, Emma Ordoñez, Andrea Rivas, Susana Suarez, Tania Cobos, Jorge Barrero.
Elisa Álvarez, Patricia Santos, Paula Lema, Noa Sánchez, Teresa Oria e Laura Vázquez.

  Primeiro desprazamento e primeira toma de contacto coa competición na categoría para boa parte da nova plantilla do CV Zalaeta, que este ano está en plena renovación, e por tanto de adaptación de boa parte das súas xogadoras á categoría de SF2.

  Presenciamos o que cabía esperar do encontro, tanteo dun equipo a outro e fundamentalmente tanteo aos seus respectivos estados de forma. Partido por outra banda entretido, pero no que a falta de tensión era evidente en moitos momentos, e no que un dos obxectivos é o de ir tomando ritmo de competición e nun contexto no que o resultado final queda nun segundo plano.

  Xogouse un primeiro set bo por ambos os equipos, probablemente o mellor de todos, que se decidiu a favor das locais nos puntos finais. A partir de aquí, o xogo das coruñesas foi de máis a menos cedendo un claro 3-0 para as de Xixón, aínda que de acordo cos adestradores xogouse un cuarto set no que se impuxo o Zalaeta, que non estaba disposto a voltar valeiro, cun cómputo final de 3-1, con resultados parciais: 25-21; 25-19; 25-12 e 19-25.
  Primeira toma de contacto coa competición dun equipo que necesita rodaxe e que probablemente pague na cancha a súa inexperiencia, pero no que podemos destacar a continuidade do espírito de grupo que caracteriza ao Zalaeta, e que o bo ambiente reinante facilitará a compenetración e a adaptación á esixente competición da SF2.

 Mencionar que unha vez máis continuamos dispoñendo da inestimable colaboración de Fernando Cueto, segundo de Jorge Barrero, ao que agradecemos que siga poñéndonos ao día cos seus comentarios. 
  Primeiro partido de pretemporada, cun equipo moi renovado e novo, como era de esperar tratar dun partido cun ritmo baixo debido á mocidade do conxunto e a que era o debut esta categoría para moitas xogadoras. Temos que destacar que entre estas debutantes temos a unha cadete, Laura, tres xuvenís de segundo ano, Elisa, Lida e Emma, e unha xuvenil de último ano, Inés. Aínda que, salvo Lida e Inés, todas xogaran algúns puntos na SF2 da tempada pasada, este ano van ser as auténticas protagonistas polo que estes partidos de pretemporada suporanlles un adestramento fundamental, tanto para coller experiencia como para irse soltando e deixando os nervios atrás.
De feito no partido foise vendo esta tendencia, como ían aos poucos relaxándose, despois dun inicio un tanto frouxo, con imprecisións no primeiro toque. A medida que o encontro ía avanzando, o equipo foise metendo en faena  e absorbeu os cambios que se foron introducindo con fluidez, cambios que a pesar de ir en contra do ritmo do partido, son moi necesarios para ir probando a xogadoras en distintos postos e distintas formas de xogo.
  Á hora de analizar o resultado, temos que ser conscientes de que o conxunto asturiano será un dos «chamados» a estar arriba na clasificación xa que a pesar da perda dun dos seus referentes en ataque este verán, reforzouse con dúas fichaxes procedentes da AD Curtidora.
 A semana que vén poderemos gozar dun cuadrangular en modo de semifinal e final no Barrio das Flores, no cal poderemos ver a evolución do equipo, que seguramente irá a máis a medida de que as máis novas vaian  adquirindo experiencia e vaian confiando nas súas posibilidades aprendendo a xogar a pesar da súa mocidade, contra equipos máis veteranos.  
F. Cueto.
ETIQUETAS: