/COMEZA O CAMPIONATO DE ESPAÑA XUVENIL FEMININO

COMEZA O CAMPIONATO DE ESPAÑA XUVENIL FEMININO

  Onte martes partía a expedición do CV Zalaeta con Autos Cancela, rumbo a Alcobendas, para chegar ás 22:00 á localidade madrileña onde se celebra o CEJF 2016 que hoxe mércores comezaba a competición.


  O equipo do Instituto con Pepe Díaz á fronte como delegado, está formado polas colocadoras Valentina Dorta, María Romero e Claudia Carreja; receptoras Ana Verao, Laura Vázquez, Raquel Rey, Paula Rey; opostas Ana Calvo e Paula Castro; centrais Nerea Tabeayo, Elisa Álvarez e Inés Rivas e líbero Paula Lema. Como primeira adestradora Tania Cobos que contará coa inestimable axuda de María Martínez e Noemí Vázquez.
  Esta mañá primeiro partido, toma de contacto coa competición enfrontándonos en primeira instancia co equipo organizador, Professional Answer Alcobendas, un dos conxuntos favoritos para facerse co título en xogo.
  Primeira derrota das coruñesas nun partido no que o rival non deu oportunidades, xogou mostrando o potencial das súas xogadoras, moitas delas formadas na competición de SF2, e impúxose por un 3-0 con parciais: 25-16; 25-22 e 25-10.
  A pesar de realizar un bo xogo no primeiro set, o Zalaeta caeu cunha diferenza importante para recuperarse no segundo e poñer en dúbida o xogo local, pero sen lograr pechar o set ao seu favor, o que influíu no resultado do terceiro no que as do Instituto xa non puideron manter a concentración e cederon a maior diferenza do partido.
  Simultaneamente, os outros equipos do grupo, Nou Gran Sol Manacor e CD Salesianos Guadalajara, resolvían o seu enfrontamento con un 3-0, con parciais 25-19; 25-14 e 25-17 favorable ás manacorís.

  Ás 18:00 comezaba a segunda xornada, cos enfrontamentos entre Alcobendas e Manacor e CV Zalaeta que se enfrontaba a CD Salesianos de Guadalajara.
Partido complicado, non cabían erros se se querían ter opcións na segunda fase de pasar á rolda dos mellores, había que facerse coa vitoria.
  Comezaba o partido con nervios, tratando de centrarse, o equipo de T. Cobos non atopaba o seu sitio na cancha, custáballes superar ás de Guadalaxara que tamén quería gañar o encontro e dominaban o marcador. O Zalaeta vai por detrás e vese obrigado a remontar un marcador adverso 19-23, consegue o empate e alóngase o set no que finalmente acaban impoñéndose 28-26.       Comezan a crer nas súas posibilidades  e o segundo set domínano vencendo claramente, pero a tensión e o cansazo, pasan factura no terceiro, as de Guadalaxara apertan e non se deixan dominar para poñer o 2-1 no luminoso e poder albiscar o empate que as levaría ao tie break.
 Con todo as coruñesas tíñano claro, non deixarían escapar a súa oportunidade e no cuarto impuxéronse claramente coa maior diferenza do partido logrando unha vitoria que as pon en xogo dentro do grupo A no que se xogarán o pase no partido de mañá ante as das Baleares.

CV ZALAETA 3  CD SALESIANOS GUADALAXARA  1  (28-26; 25-19; 20-25 e 25-8).
 
PROFESSIONAL ANSWER ALCOBENDAS  3  NOU GRAN SOL MANACOR  1   (25-23; 25-27; 25-17 e 25-19).

 Con estes resultados, o Alcobendas ponse con dúas vitorias e encabeza o Grupo A, seguido do Manacor,  en terceira posición o Zalaeta  e en cuarto lugar o Guadalaxara.
  Mañá ás 11:00 Alcobendas Guadalaxara no Luís Buñuel e Zalaeta Manacor no Valdemoro 1. Alcobendas practicamente clasificado, mentres que as coruñesas e as manacorís xóganse o pase nese partido, e quen o gañe ocupará a segunda praza.

ETIQUETAS: