/METIDAS NAS FASES FINAIS DA COMPETICIÓN (1)

METIDAS NAS FASES FINAIS DA COMPETICIÓN (1)

  Finalizadas todas as Ligas Regulares, tanto estatais como autonómicas, a actividade deportiva continúa. Non cesou a súa actividade o Club Instituto Voleibol Zalaeta que durante a Semana Santa organizou o VII Campus de Primavera de Voleibol para categorías inferiores, onde as máis pequenas puideron gozar duns días de diversión na Pavillón do Instituto, tanto de iniciación como nalgúns casos de perfeccionamento.

   E xa estamos a esperar o Campus de Verán….

  Por outra banda os equipos que compiten en Ligas Autonómicas, continúan coas Fases Finais nas que se xogan os ascensos e descensos así como os títulos de Campións Galegos, con sorte dispar para os equipos do Instituto.

  O equipo de 1ª División Infantil a cargo de Noe e Andrea, é un equipo que sufriu un paso xeracional completo esta tempada, de modo que se atopou sen practicamente experiencia na categoría, cousa que penalizou ao longo da tempada e viuse abocado a xogar a Fase de Ascenso para defender a praza en 1ª . Enfrontouse en primeiro lugar ao San Sadurniño ante o que obtivo un resultado de 3-2 no partido de ida e un 0-3 na volta en casa, resultado que deixaba fóra ás do Instituto que a próxima tempada disputarán a 2ª División da categoría onde sen dúbida se atoparán con partidos do seu nivel e incrementarán o seu nivel competitivo despois dunha difícil tempada na que primou a confección de equipo e a de establecer unha boa relación entre as súas xogadoras, e nese sentido, obxectivo cumprido.

 

  O equipo cadete, dirixido por Cristina G. Bermejo, competía en 2ª División, categoría na que realizou unha boa tempada clasificándose en 3ª posición con 12 vitorias. O pase á seguinte fase depáralle un cruzamento co Jealsa Boiro Voleibol, conxunto que lle precede na clasificación da liga regular e co que repiten case idénticos resultados que na liga, ambos os conxuntos perden co rival na súa cancha. Na Fase de Ascenso o primeiro partido ten lugar o Pavillón de Zalaeta no que as locais encaixan un 1-3 que as deixan ao bordo do K.O., pero lonxe de amedrentarse repóñense e na Cachada o Club Instituto Voleibol Zalaeta remonta e endósalle ás de Boiro o mesmo resultado: 1-3, pero nesta ocasión a diferenza de puntos dálle o pase ás do Instituto á seguinte rolda que as enfrontará ao CV Bruxas de Ames o próximo día 21 de Abril.