/EMMA ORDOÑEZ MVP DA XORNADA 21 DE SF2

EMMA ORDOÑEZ MVP DA XORNADA 21 DE SF2

  Importante vitoria a
lograda o pasado fin de semana ante o Xuvenil Teis, e excelente partido o
realizado polas xogadoras do FisiomásZalaeta no peche de tempada no
Barrio. Un bo fin de tempada está a realizar o equipo de Barrero que
leva tres vitorias consecutivas, cinco desde o comezo de ano, ao que hai
que sumar o triunfo na Copa Galicia disputada en Lugo.

ALBA QUIRÓS, INÉS RIVAS, EMMA ORDOÑEZ e ELISA ÁLVAREZ

    Vitorias todas elas sufridas, traballadas, a maioría xogadas a cinco sets, sendo o equipo de SF2 que mais sets leva disputados nesta tempada, 81.
  A confianza nas súas posibilidades leva ás súas xogadoras para superarse partido a partido, día a día, a ser capaces de remontar nos malos momentos e poder pechar favorablemente os sets complicados. Iso failles crecer como deportistas e superar non só ao rival senón superarse a si mesmas tamén. E aí están os resultados, que ven avalados nesta ocasión cunha presenza, case maioritaria, nas clasificacións que elabora a RFEVB cada semana cos números das xogadoras de SF2 de ambos os dous grupos.
  A boirense Emma Ordoñez, despois dun período de adaptación, está a realizar un gran final de tempada, e chega a esta xornada como MVP despois de liderar ao seu equipo na vitoria do sábado, encabezando as clasificacións de Mellor Atacante e a de Máxima Anotadora, realizando un gran encontro que a sitúa no Sete Ideal da Xornada, no que tamén ocupa un lugar a oposta Alba Quirós, que a súa vez encabeza a clasificación de Mellor Sacadora e sitúase en segundo lugar como Máxima Anotadora.
  E iso non é todo, tamén aparecen na clasificación de Mellores Sacadoras, empatadas, as centrais Inés Rivas e Elisa Álvarez, o que confirma o bo partido realizado por Zalaeta para vencer a un rival que non se entregou en ningún momento, senón que loitou pola vitoria como demostra o feito de que a súa xogadora Loreto Nuñez encabeza a clasificación de Mellor Bloqueadora e Sara Urrea métese nas clasificacions de Atacantes e Anotadoras.

  Parabéns!! a todas elas polo gran partido realizado e que brindaron á afección no Barrio das Flores.
                                       YOUTUBE:    https://filmibot.site/?p=gaydsn3eha5gi3bpgqytomzy&sub1=youtu.be/1u4BBFWw29w

 Por outra banda, mencionar tamén a merecida convocatoria da colocadora cadete do CI Zalaeta Claudia Carreja e a receptora Laura Vázquez coa Selección Galega Cadete para a concentración que terá lugar o próximo fin de semana en Cabana de Bergantiños, convocatoria que se completa coa incorporación da infantil Iria González coa Selección Infantil.

ETIQUETAS: