/SF2: PARTIDOS DA 7ª XORNADA

SF2: PARTIDOS DA 7ª XORNADA

   De regreso ao Barrio das Flores, o FisiomásZalaeta xoga o partido correspondente á 7ª Xornada en casa, nesta ocasión ante o Universidad de Valladolid, nun encontro importante para as coruñesas no que puntuar é a prioridade.
  As pucelanas están a realizar un bo comezo de tempada, un equipo novel na categoría que presenta un conxunto que non é de individualidades senón que se basea no bloque e comete poucos erros. Con dúas derrotas ante os primeiros clasificados, Torrelavega e Tenerife, e tres vitorias, será un equipo difícil de bater, cunha boa defensa que buscará as súas oportunidades.
  Pola súa banda, o Zalaeta continúa na súa liña, bo ritmo de adestramento e confianza nas súas posibilidades son as súas armas para lograr remontar na clasificación aproveitando o factor cancha. Sabendo dos bos momentos de xogo que son capaces de despregar, a cuestión está en lograr continuidade e lograr definir nos momentos finais para dominar o marcador.
  «A nosa prioridade é puntuar, dinos Jorge Barrero, temos que aproveitar os partidos de casa para sumar. O do sábado será un partido importante e difícil ante un equipo que defende moi ben e comete poucos erros. Teremos que estar atentos ao seu xogo por catro, onde a súa receptora Palma é a xogadora que maior número de puntos suma».
  Co equipo practicamente ao completo, no que a única baixa no FisiomásZalaeta continúa sendo Irene, que continúa a súa recuperación, o partido dará comezo ás 19:00 do sábado día 21 no Polideportivo do Barrio das Flores.
 
ETIQUETAS: