/COMENZA A SUPERLIGA FEMININA 2

COMENZA A SUPERLIGA FEMININA 2

  Este fin de semana comeza a
Liga regular de SF2, segunda categoría do Voleibol feminino, que esta
tempada retoma o seu formato de dous grupos.
  Ao ter aumentado o n.º de equipos inscritos nesta categoría, a RFEVB decide a creación de dous grupos, A e B,
que se encadran nunha división territorial con Madrid como punto de
partida ao ser a comunidade, que máis equipos achega a esta categoría. O
Grupo A abrangue o norte e noroeste con tres equipo madrileños e un dos representantes canarios; e o Grupo B, levante, centro e sur e o segundo representante das illas.
  O FisiomásZalaeta inicia de novo a súa andaina, por terceiro ano consecutivo, na categoría de prata do volei español, cun equipo renovado respecto á tempada pasada e cargado de ilusión, que se desprazará a Torrejón de Ardoz coa intención de puntuar na primeira oportunidade.
 A escuadra de Jorge Barrero sofre a baixa da importante xogadora sadense Patricia Suarez, que ficha polo Fígaro Haris Tenerife,
«é unha baixa importante, dinos o adestrador, trátase dunha xogadora
moi integrada no equipo, e cuxa capacidade anotadora seguro que
botaremos de menos».

  A baixa da oposta obriga a mover ficha, e «é con
xogadoras da canteira coas que se completa o equipo deste ano e coa
achega doutras xogadoras veteranas que agora deberán de ter máis
presenza no xogo e máis peso no marcador,
continúa Jorge Barrero, deberán de botarse enriba a responsabilidade do equipo».
  Un equipo con xogadoras da canteira galega, fundamentalmente da Coruña,
coas que afrontar unha tempada coa referencia dos bos resultados
obtidos en anteriores campañas, e co obxectivo de mellorar e tratar de
lograr un posto que dea entrada no play off polo ascenso que xogarán os catro mellores dos dous grupos.
  A
pretempada foi intensa, con suficientes partidos para estar rodado o
equipo, que alcanzou un bo nivel de xogo, e que fraguou posiblemente a
súa mellor arma, a compenetración e o espírito de equipo que caracteriza
a escuadra do Instituto.
  Son baixa esta tempada tamén a central Marga Echevarría e a colocadora Maca Corbo. Incorpóranse Patricia González, ex UDC, Teresa Álvarez, procedente de La Curtidora e soben ao primeiro equipo Tania Cobos e a xuvenil Alba Quirós. Continúan Cristina G. Bermejo, Sheila Arias, Rocío Durán, Patricia Santos, Sofía Hidalgo, Noa Sánchez, Irene Vázquez, Sara Díaz, Olalla G. Taibo e as xuvenís, Lydia Alonso e Andrea Rivas.

 

   O partido dará comezo ás 19:30 do sábado no Municipal José Antonio Paraíso de Torrejón. O desprazamento realizarase, como é habitual, no autobús de AUTOS CANCELA, que realizará a súa saída dende o Instituto de Zalaeta o sábado ás 08:15.

BOA VIAXE E MOITA SORTE!!

  En canto ás Ligas galegas, o Autos Cancela Zalaeta que milita en 2ª Div. A,
descansa na xornada 2 do próximo día 18. Momentaneamente ocupa a cuarta
posición, con 2 puntos, despois da vitoria obtida sobre o Calasancias Coruña na xornada inaugural.

  Na Liga Xuvenil enfrontaranse o 3ª e 4ª clasificado no Pavillón do Instituto Zalaeta a partir das 12:00 do sábado. O FisiomásZalaeta e o Fisioterapia Cinesia Noia encóntranse no grupo de seis equipos que despois da primeira xornada contabilizan 2 puntos.

  Como
previo a este partido celebrarase un encontro de Cadetes entre equipos
da canteira que terá como obxectivo a rodaxe das xogadoras de cara aos
compromisos da tempada. Concentración previa, ás 09:30.

  O equipo infantil de Liga Galega ten aprazado o seu partido ante o CV Ribeira Sacra de Monforte.

ETIQUETAS: