/DOBRE XORNADA DO FISIOMÁSZALAETA

DOBRE XORNADA DO FISIOMÁSZALAETA

  O FisiomásZalaeta enfróntase ao fin de semana máis intenso da súa preparación de pretempada, e ao mesmo tempo ao máis esixente deportivamente, toda vez que, en dobre xornada de sábado e domingo se lles verá con equipos de nivel de Superliga.
  Dobre desprazamento para o equipo de Jorge Barrero, que o sábado se despraza a Asturias para xogar o Torneo Villa de Avilés que organiza o equipo local, La Curtidora, rival das coruñesas en SF2.
  O Polideportivo de Los Canapés acollerá este clásico torneo, na súa oitava edición, que con formato de cuadrangular, disputarán o equipo organizador, La Curtidora, AULE de León, CV Torrelavega e o FisiomásZalaeta.
 
  En xornada de mañá mediranse ás 10:30 La Curtidora co AULE, equipo de Primeiro Nacional, e ás 12:30 o FisiomásZalaeta co subcampión da pasada tempada de SF2, as cántabras do CV Torrelavega.
Os perdedores xogarán polo terceiro e cuarto posto a partir das 17:30,
mentres que a final do Torneo a disputarán os vencedores ás 19:30.
 Xornada esixente para o equipo
do Instituto que xogarán dous partidos completos, ao mellor de cinco
sets, con equipos cos que se verán as caras na Liga Regular de SF2 que
comezará o próximo día 18.

  Formato diferente ao da Copa Galicia que
se está a disputar nestas últimas xornadas, partidos de tres sets, e que
se retomará de novo, sen descanso, cun novo desprazamento a Lugo o domingo para xogar a final do Torneo da FGVB no Municipal de Lugo.
  A partir das 17:00 da tarde decidirase esta competición, cos seguintes cruzamentos:

                             17:00    Xuvenil Teis – EMEVE
                                   18:15    FisiomásZalaeta – Xuvenil Teis
                                   19:00    EMEVE – FisiomásZalaeta
 
  Pouco
lugar para a sorpresa nesta xornada final da Copa Galicia, na que o
equipo lucense, que partía como favorito para reeditar o triunfo logrado
o ano pasado, se mostra disposto a cumprir os prognósticos, e despois
de gañar todos os seus partidos nas xornadas anteriores, parece que só
deixa por dilucidar a quen ocupará o segundo posto, a disputar entre as
coruñesas e as de Teis.
  O Zalaeta ocupa a segunda praza por unha pequena diferenza de puntos a favor, nun empate global co Xuvenil,
e no aire, ver se algún destes equipos é capaz de inflixirlle unha
derrota ao equipo local na súa cancha para poñerlle as cousas difíciles
ao equipo de José Valle.

 

O Autobús de Autos Cancela que levará ao equipo no seu desprazamento a Avilés, realizará a súa saída dende o Instituto, o sábado ás 08:15.

 E o domingo, tamén con Autos Cancela, saída ás 15:45 dende o Instituto con rumbo a final da Copa Galicia no Municipal de Lugo.

   BOA VIAXE E MOITA SORTE!!

 

ETIQUETAS: