/CAMPIONATO DE ESPAÑA XUVENIL DE ARRIONDAS

CAMPIONATO DE ESPAÑA XUVENIL DE ARRIONDAS

Último día de Campionato para o Zalaeta. A derrota do día anterior ante o Barça, coloca o equipo do Instituto na loita polos postos do 9 ao 12, para o que nos toca medirnos en primeiro lugar co ADECOR de Córdoba, partido que comeza ás 11:30 na pista 1 de Cangas.
  Ao Zalaeta parece que non lle sentara ben o partido co Barça,
as xogadoras continúan espesas e non son capaces de centrarse no
partido e ceden o primeiro set: 21-25. Erros e falta de concentración
son o combinado preciso para perder un partido, e nesas andan as
coruñesas. No segundo tratan de arrepor ao rival, que se ve forte e non
cede un set longo no que o Zalaeta mellora
pero perde un 24-26 que pon o 0-2 no marcador e as cousas moi difíciles.
Pero a melloría vai en aumento, e o terceiro set é o dá a recuperación.
Remontando, o Zalaeta xoga para gañar o
set e ter vida no partido, e nesta ocasión poden coas cordobesas e
métenlle o primeiro, 25-22, do que sería unha serie de tres seguidos
para gañar o partido. No cuarto, xa convencidas das súas posibilidades,
endósanlle ao Adecor a maior diferenza, 25-10, para gañar o tie-break 15-8.
  Victoria por 3-2, in extremis, cunha grande remontada, que dan paso ao partido co Elche para disputar o 9º e o 10º posto.

……………………………..

  Levabamos dous días de
campionato con sorte desigual, dúas vitorias e dúas derrotas. Despois
dun fulgurante comezo, chegou o día malo no que se perderon dous
partidos que trastornaron os plans. A primeira derrota deixounos en
segundo lugar do grupo co que os cruzamentos esperados a priori non se
produciron. Tocounos cruzarnos co Torrelavega, segunda e inesperada derrota, que nos leva a xogar o partido co Barça
apurando ao máximo as nosas posibilidades para unha mellor
clasificación. Non gañar un partido nesta fase, pode facernos perder
catro postos na clasificación.
  Na pista 1 de Cangas
comezaba ás 12:00 do terceiro día de campionato o partido ante as
catalás, que xa coñeciamos da pasada Superliga Júnior, e que presentan
un equipo potente, difícil de bater, con xogadoras que veñen de xogar o
preeuropeo e da Permanente. O Zalaeta salta
á cancha con decisión, e nun set moi duro, complicado, logra impoñerse
no límite por 25-27. Primeiro set gañado, é o rival o que ten que
remontar, hai esperanza, o xogo é moi igualado, pero a reacción do Barça
non se fai esperar e dominan o segundo poñendo o empate no marcador
cunha vantaxe importante, 25-16. Lonxe de desmotivarse as do Instituto
recóbranse e cun marcador de 23-25 poñen o 2-1 e adiántanse de novo para
que sexan as catalás as que, unha vez mais, teñan que remontar, e así
fano, e cando todo parecía favorable ao equipo galego, que podería decidir e
facerse co triunfo, non son capaces de pechar un set que parecían ter
dominado e nos últimos puntos cédese un 26-24 que nos leva ao tie-break.
Non ter sabido rematar o anterior pasa factura, o que unido ao acerto
no saque das rivais, fai que cóbren un vantaxe importante no comezo do
quinto que se fai insuperable, e se cede un avultado 15-4 que lle dá o
pase o Barça, mentres o Zalaeta se ve na loita do 9º ao 12º.
  Mellorouse
notablemente o xogo neste encontro, a un nivel que non se alcanzou nos
partidos anteriores, pero non foi o suficiente para gañar. Un rival nun
bo momento, medalla de Bronce ao cabo,
marcou as diferenzas sabendo superarse a si mesmo nos momentos clave do
partido, e o seu alto nivel de competición levouno a solucionar cando
tiñan que facelo e gañar un partido no que o Zalaeta púxollo moi difícil.

…………………………………………

ETIQUETAS: