/FINALIZA A LIGA REGULAR.

FINALIZA A LIGA REGULAR.

  Finaliza a Liga Regular. Este fin de semana viviremos os últimos encontros de Liga, tanto en SF2 coma na autonómica 2ª Div A coa celebración, en ambos os dous casos, da xornada n.º 22.

  O FisiomásZalaeta desprázase a terras cántabras para enfrontarse ao CV Torrelavega o sábado ás 18:00 no Pavillón Municipal La Habana Vieja.
  Ambos os dous equipos solucionaron os seus compromisos ligueiros a pasada xornada, o CV Torrelavega certificou o seu ascenso de categoría cunha rotunda vitoria ante La Curtidora en Avilés, e será o equipo que acompañe ao EMEVE en SFV. Ao mesmo tempo, a vitoria das coruñesas na mesma xornada ante o Teis, fíxoas acredoras da cuarta praza de forma matemática, polo tanto, sexa cal
sexa o resultado do enfrontamento non haberá variacións nos obxectivos
xa logrados. Non obstante, á hora de especular cos resultados, xa que o o
EMEVE se despraza á nada doada cancha do RGC Covadonga, onde todo pode suceder, o CV Torrelavega necesitaría a vitoria para proclamarse campión de liga ante un hipotético esvarón das lucenses en Gijón, o que sería un gran colofón ligueiro ante o seu público.

  «Poderá ser un partido interesante, coméntanos Jorge Barrero,
elas van celebrar o ascenso na súa casa xogando sabendo que non teñen nada que
perder, e se acaso, moito que gañar dependendo doutros resultados.
Nós non nos xogamos nada, a cuarta posición xa é nosa, e despois dunha
boa semana de adestramento con bo ambiente e moitas ganas, gustaríanos
finalizar a liga levándolle á nosa afección unha vitoria».
 
  O FisiomásZalaeta desprázase coas baixas de Noa por lesión e de Maca por motivos laborais, e a ausencia Patri Santos, pero co resto do equipo nun bo momento e moi animadas.


  O autobús de Autos Cancela que levará ao equipo a Torrelavega, realizará a súa saída, como é habitual, dende o Instituto de Zalaeta ás 09:20 de mañá sábado
  Boa viaxe e moita sorte !!
 ……………………………….

 En 2ª Div. A celebrarase o encontro correspondente entre os equipos Autos Cancela Zalaeta e Calasancias Coruña ás 12:30 do domingo 30 no Pavillón da Sagrada Familia.

 
  Será
este un partido clave para decidir os postos de cabeza da táboa, e será
esta xornada a última oportunidade para os catro primeiros. O UDC
depende de si mesmo, primeiro cunha renda de dous puntos sobre o segundo,
abondaríalle con non se complicar a vida na súa visita a Cambados. O Boiro, cuarto, recibe ao EllaEl e tería que gañar os tres puntos e estar á espera de dos que suceda no partido do domingo na Sagrada.
  O Calasancias Coruña debe de gañar o partido do domingo, ou perder pola mínima se quere continuar de segundo, e o Autos Cancela Zalaeta tería que gañar por un resultado que non fose 3-2 para conseguir a segunda posición.
  Partido, pois, de tensión, que pode decidir os postos de promoción, ao que as xogadoras de D. Hermida
chegan ao final de tempada nun bo momento de forma e moi motivadas de
cara a este encontro que xogarán de anfitrionas, a pesar de xogar na
cancha da Sagrada, escenario da vitoria
na primeira volta sobre o equipo colexial. A emoción está servida, nun
partido no que vale todo, prima o resultado, e só queda esta
oportunidade, será a vida ou morte.

  Son baixas no equipo do Instituto, as xa coñecidas, por lesión, de Elena Sardiña e Tania Cobos.