/O FISIOMÁSZALAETA VENCE AO EMEVE: 3-2

O FISIOMÁSZALAETA VENCE AO EMEVE: 3-2


  O Zalaeta impúxose no derbi galego de SF2 nun difícil e longo partido ao EMEVE de Lugo e supera ao Torrejón na clasificación.
 
   Ás 19:00 comezaba no Barrio o encontro dirixido polos colexiados P. Pidal e JF Bouza, e finalizaba en 1h 37m cun resultado de 3-2 con parciais 25-12; 25-22; 16-25; 16-25 e 15-9 (97-93).

FISIOMÁSZALAETA: Patri Santos, Lida Gudge, Alba Quirós, Emma Ordoñez, Paula Lema, Laura Vázquez, Tere A. Oria, Tania Cobos, Elisa Álvarez, Inés Rivas, Susana Suarez e Noa Sánchez.
Adestradores Jorge Barrero e Fernando Cueto.

EMEVESara Vázquez, Julia Paradela, Paula Lorenzo, Irene Yañez, Laura Villasante, Mª Fe Pena, Uxía López, Eliana González, Aitana Fernández,Lucía Prol e Carmen Saa.
Adestradores José Valle e Fátima Valle.
  Comeza o partido coas locais decidas a gañar o partido e dominan o marcador durante todo o set, e sen dar opción ao rival poñen o 1-0 superando en todo ao EMEVE e coa mellor porcentaxe de ataque do partido, 55%, 16 puntos de 29.
  O equipo estaba a xogar ben, a eficacia no ataque era facilitada por unha boa recepción, e arrincan o segundo cun parcial de 5-1, e non é ata o punto 10 que as lucenses logran a súa primeira vantaxe do partido, pero nada máis, outra vez o Zalaeta distánciase e aos poucos gañan o set superando de novo o ataque do opoñente e cunha gran eficacia no saque, 5 ACES.
  O Zalaeta atopábase ben na pista, o ataque funcionaba e parecía que se resolvían as situacións complicadas con solvencia. Neste momento xa se puntúa, dous sets, 1 punto, o pechar o partido cun 3-0 non era unha quimera, pero isto é un derbi, impredicible e a reacción do equipo de J. Valle non se fixo esperar. O terceiro era a oportunidade que tiñan de recuperarse, agora ou nunca, con 6 ACES e un 58% de eficacia en ataque tomban ás do Instituto que ceden o 2-1.
  E ímonos ao cuarto, o EMEVE domina todo o set e devolve a moeda ao Zalaeta, soamente lle permíte un 3-3, e con eficacia no saque e un bo ataque pon contra as cordas ás locais ao forzar o desempate gañando o set.
  No quinto de novo prodúcese un cambio de ciclo no partido e esta vez tócalle ao Zalaeta que comeza por diante e logra unha maior diferenza no 12-5 para pechar o set e o partido ao seu favor volvendo aos seus mellores números do encontro.
  Bo partido do equipo de J. Barrero que deu a cara en todo momento e resolveu un difícil encontro realizando un xogo moi serio confiando sempre nas súas posibilidades para vencer. Moi ben en ataque, das mellores porcentaxes da liga, un 44% de eficacia, 52 puntos e superando en recepción ao rival. Eficiencia no saque aínda que se comenten moitos erros, o cómputo total de erros é de 31, que superan os cometidos no partido de final de Copa Galicia.
  Máxima anotadora do encontro Emma Ordoñez con 22 puntos, 5 ACES, seguida de Alba Quirós con 20 puntos, 19 de ataque. Por parte do EMEVE, Lucía Prol con 18 puntos seguida de Irene Yañez (6 bloqueos) e Eliana González con 14 puntos cada unha.
…………………………………

Importantísima vitoria a lograda ante o EMEVÉ do Lugo, un dos partidos cruciais na loita pola permanencia que se saldou cun resultado positivo. Vitoria 3-2 reeditando a final da Copa Galicia de principios de mes. 
Partido moi serio pola nosa banda, no scouting previo falaramos da importancia do traballo de saque para evitar que puidesen xogar coas centrais que gozan de moita efectividade cando entran en xogo e así foi.
Empezamos o primeiro set moi centradas e atopámonos contra un rival que lle custaba reaccionar, non eran capaces de construír o ataque e estabamos a facer moito dano desde a linea de 9 metros, isto permitiunos que a pesar de recibir a metade de veces que elas, tiñamos máis volume de ataque, o que unido a unha gran efectividade permitiunos levarnos o set moi cómodamente.
No segundo set viuse algo máis como sería o resto do partido, seguiamos facendo moito dano desde o saque pero Lugo deu un paso á fronte e empezou a arriscar tamén desde o saque, unha situación que lles custou estabilizar, xa que empezaron cometendo bastantes erros pero permitiulles ir entrando no partido. Pola nosa banda realizaramos un bo inicio, o  que nos deu unha vantaxe moi clara para decidir un set moi disputado.
 No terceiro Lugo seguiu nesa liña e entramos nunha fase de xogo na que nos custaban máis as saídas de K1 debido sobre todo á presión que Lugo estaba a realizar desde o saque, a pesar de que os nosos cambios, sobre todo nas receptoras deron resultados positivos, foron logrando unha vantaxe moi importante para levar o set. O cuarto sería unha réplica do terceiro, Lugo logra poñerse rapidamente por diante no marcador e xoga con esa vantaxe psicolóxica de poder ir máis tranquilo nas súas accións sen estar a expensas do marcador, esta situación unida a unha melloría na súa recepción permítelles ter neste set o maior acerto en ataque de todo o partido.
O desempate empezou con moita intensidade por ambos os lados, constantes intercambios con rallies entre ambos os conxuntos, un par de intercambios longos que acaban a maioría das veces da nosa parte, dannos unha vantaxe crucial ao comezo do set, o que unido a un gran acerto nesta parte do xogo de Alba Quirós no saque, permítenos facer o cambio cunha vantaxe de 8-3 ao noso favor, esta vantaxe permítenos traballar moito en K2 e levarnos o quinto set 15-9 final. 

F. Cueto.

YOUTUBE      https://filmibot.site/?p=gaydsn3eha5gi3bpgqytomzy&sub1=youtu.be/KNYrKc34jVg