/SF2: XUVENIL TEIS 0 FISIOMÁSZALAETA 3

SF2: XUVENIL TEIS 0 FISIOMÁSZALAETA 3

  Vitoria do Zalaeta no derby galego de SF2 disputado en Teis esta tarde a partir das 18:00.
  Encontro dirixido polo
colexiado Diego Soto que tivo unha duración de 01h 26m e finalizou cun
resultado de 0-3 con parciais 20-25; 24-26 e 18-25.
 
  
XUVENIL TEIS: Lucía Pérez, Noemí Araujo, Laura Martínez, Alicia González, Carolina Sabido, Rosana Conde, Natalia Fernández, Sara Urrea, Carla Figueroa, Eva Lois, Ania González, e Xulia Larrán.
Adestrador: Celso Veloso

FISIOMÁSZALAETA: Patricia Santos, Cristina G. Bermejo, Alba Quirós, Paula Otero, Andrea Rivas, Olalla G. Taibo, Sheyla Arias, Teresa  Álvarez, Tania Cobos, Susana Suarez e Nóa Sánchez.
Adestradores, Jorge Barrero e Fernando Cueto.
  O Zalaeta álzase co triunfo no último derby da tempada, no partido que pecha a liga Regular e despídese de con outra vitoria, a sexta.
  Bo partido das coruñesas que dominaron desde o comezo e impuxéronse claramente ao colista nun partido no que cometeron poucos erros e roldaron as súas mellores porcentaxes de ataque, un 32%, con soamente 9 erros de saque mellorando as estatísticas doutros partidos. Ben en K1 as xogadoras de Barrero superaron ás de Teis, as cales atoparon a súa mellor faceta de xogo no saque, con soamente 6 erros e 11 puntos directos, pero que penalizaron en ataque cunha baixa porcentaxe do 16%.  Sara Urrea foi a máxima anotadora das locais con 9 puntos, mentres que polas visitantes, Alba Quirós nun bo partido logrou 18 puntos seguida de Andrea Rivas con 10 e 3 bloqueos.
  Finaliza a competición oficial sumando tres novos puntos que en nada modifican a posición na táboa, pero que aproximan ao equipo aos postos medios, onde se atopan o EMEVE con 22 puntos e o UVa con 25. CV Torrelavega en primeira posición e Cuesta Piedra Tenerife en segunda, clasifícanse para o play off de ascenso xunto con DSV San Cugat e Motorsan Guadalaxara Voley do Grupo B.
  Para os demais equipos finaliza a competición oficial, que distribuídos en dous grupos realizan unha liga demasiado breve con escasos alicientes competitivos ao longo da tempada.

  Último partido da tempada para o equipo de Superliga 2, acabamos con vitoria e pechamos así a liga con 20 puntos, exactamente 10 na primeira volta e 10 na segunda. Tivo que chegar a última xornada para que o equipo puidese coñecer a vitoria a domicilio, ante un equipo que tamén está inmerso nun cambio xeracional. O partido puidémolo vivir máis cómodo do que foi, os dous primeiros sets resultan moi parecidos, ata o punto 8 o marcador vai igualado, ata que conseguimos manter un refacho de saque coa que máis que puntuar, obrigamos a devolvernos frees constantemente, o cal nos permite facer punto e coller unha vantaxe cómoda.
  Case todo o partido estivemos por diante no marcador, sinembargo, as xogadoras do Xuvenil, conseguen facernos dano cun saque tenso ao fondo co cal nos puntúan, co que devolven a igualdade ao marcador e obrígannos a pechar uns sets moi igualados. Aínda así, estás refachos do equipo local unidos a algúns fallos nosos, estiveron a piques de darnos un desgusto xa que no segundo set chegamos a ir 18-22 arriba, fallamos o saque nese momento e o marcador tórnase 24-22, cando un fallo dunha dos seus centrais nun balón colgado na rede dános o cambio, salvamos dúas pelotas de set para o Teis, e levámonos o set 24-26.
  O terceiro set foi o máis tranquilo de todos a pesar de que nos custou despegarnos delas, foi un set no que non empezamos finas en ataque, foi un partido con bastantes erros ofensivos nesta faceta pola nosa banda, pero aínda así as locais sufriron un bajón no seu xogo que unido a un par de fallos de saque puntuais nas locais, deixáronnos un camiño fácil para pechar o partido pola vía rápida.  

Fernando Cueto.

TAGS: