Desprazamento do equipo de SF2 a Soria para enfrontarse ao CAEP en partido correspondente á xornada nº 17, que se celebraba no Pabellón de Los Pajaritos onte sábado a partir das 17:00.
Encontro dirixido polo
colexiado David Escobar que con 01h 11m de duración finalizou cun
resultado de 3-0, con parciais 25-18; 25-20 e 25-20.
CAEP SORIA: Cristina Pérez, Anna Gima, Calíope Varela, Paola Martínez, Emma Ordoñez, Paula Carpinteiro, Raquel Lázaro, Andrea Martínez, Margalida Piza, Alejandra Olalla, Lucía Ballvé e Antía Vallecas.
Adestrador, José M. Serrato.
Adestrador, José M. Serrato.
FISIOMÁSZALAETA: Patricia Santos, Elisa Álvarez, Alba Quirós, Paula Castro, Andrea Rivas, Olalla G. Taibo, Sheila Arias, Teresa Álvarez, Paula Lema, Laura Vázquez, Susana Suarez e Noa Sánchez.
Adestradores, Jorge Barrero e Fernando Cueto.
Derrota do CV Zalaeta nun encontro de transición, ante un CAEP que forma un dos mellores equipos da categoría, non en balde trátase do equipo da concentración permanente da Selección Española Junior, que compite en SF2 para manter unha rodaxe competitiva ao longo de toda a tempada.
Nunha xornada na que o CAEP tiña opcións de avanzar na clasificación, e aínda de remontar, de meterse finalmente na segunda praza, debía de gañar nos Pajaritos ás coruñesas para apurar as súas opcións.
E así foi, o equipo de Serrato impúxose ao Zalaeta en tres sets dominando de principio a fin o marcador e controlando os tempos do partido e dando entrada a todas as súas xogadoras ao longo do encontro. Xogadoras entre as que se atopan as galegas, Emma Ordoñez de Boiro, a coruñesa Calíope Varela e a monfortina Antía Vallecas.
Poucos erros cometeron as da permanente, que lograron un 46% de eficiencia en ataque e un 55% de acerto en recepción con tan só 5 erros de saque e 4 Aces. Alejandra Olalla foi a súa máxima anotadora con 11 puntos, seguida de Paola Martínez con 8.
Os números do Zalaeta non foron malos, melloráronse outras actuacións, a pesar do resultado, 39% de eficacia en ataque, 53% en recepción e reducíronse a 10 os erros de saque. Distribución de puntos entre a xogadoras, xa que con 8 puntos están Alba, Paula Castro e Susana e con 7 Teresa e Andrea.
Nun encontro no que realmente a efectos de clasificación pouco se xogába o Zalaeta, a liña de renovación continúa, e Barrero aproveitou a ocasión para presentar na cancha dos Pajaritos un equipo en liña coa renovación xeracional que se está xestando no club, e a Soria desprazáronse co primeiro equipo por primeira vez a xogadoras Laura Vázquez, cadete, e as xuvenís Paula Lema e Elisa Álvarez, que fixeron a súa debú na categoría.
A piques de finalizar a competición de SF2, resta un desprazamento para xogar o último derby galego, en Teis ante o Xuvenil o próximo día 5.
Primeira derrrota por 3-0 no que levamos de curso. Partido sen ritmo o que vimos no pavillón dos Pajaritos de Soria, unha derrota contra o equipo da Concentración Permanente, que veu máis dada pola falta de saber como encarar o partido que polos fallos no xogo. Nun partido contra o equipo con máis envergadura da liga, logramos manter un 39% de eficacia en ataque, pero no que por momentos e por falta de experiencia esta vez non soubemos facerlle fronte.
Nos dous primeiros sets, o equipo mantívose ben no campo, sen dar moitas facilidades ao contrario pero que en momentos clave do xogo nos obnubilamos ante un rival que con pouco xogo consegue puntuar, o set que máis a favor tivemos foi o segundo, pero cun 19-19 no marcador, acumulamos 3 erros consecutivos que nos condenaron e as locais decidiron o set ao seu favor.
Cabe destacar esta vez a presenza por primeira vez co equipo de Superliga 2 de Elisa Álvarez e Paula Lema, xogadoras do equipo xuvenil e de Laura Vázquez, xogadora cadete de primeiro ano. As tres puideron debutar e mesmo Elisa logrou puntuar na única acción da que gozou. Despois desta xornada xa só nos quéda a última contra Teis en Vigo, na que tentaremos pechar cunha vitoria esta campaña e finalizar así a segunda volta cos mesmos puntos que a primeira.
Fernando Cueto.