/RESULTADOS DA XORNADA DO 16 E 17 DE MARZO

RESULTADOS DA XORNADA DO 16 E 17 DE MARZO

     CV Sant Cugat  3        FisiomásZalaeta  0

  
   Vitoria do Sant Cugat no cuarto partido da Fase de Ascenso de SF2, que significa a segunda derrota consecutiva do FisiomásZalaeta fóra de casa, coa que queda relegado aos últimos postos da clasificación que pecha o EMEVE.  O encontro saldouse cun 3-0, con parciais 25-14; 25 20 e 25-23.
   O equipo coruñés realizou o desprazamento no día de hoxe, tanto o de ida como a volta, xa que algunhas das súas xogadoras xuvenís disputaron onte o partido correspondente de Liga Galega, e iso puido motivar que no primeiro set o xogo das galegas carecese de intensidade, custoulles entrar no partido, e iso motivou que o CV Sant Cugat leváse o set coa maior diferenza do encontro. En cambio a segunda manga xa foi outra cousa, o FisiomasZalaeta mostrou outra cara, púxose por diante no marcador, que dominou ata o punto 18 no que as locais comezaron a remontada que lles levou ao 2-0.  No terceiro set, o control do xogo por parte das herculinas durou ata o punto 10,  a partir do que recibiron un parcial de 7 puntos co que se lles foi o set, aínda que de xeito axustado: 25-23. 
   Para Jorge Barrero, “este non foi un mal partido, xogamos ben, en particular en defensa, Sofía realizou un bo encontro en recepción, e estivemos ben en bloqueo, e en ataque, malia non facelo mal, por momentos custábanos facer puntos. E a verdade, é que o Sant Cugat xogou moi ben, non nos deu facilidades, xogando en casa foi a por os puntos para non descolgarse dos postos de cabeza”.
   Continúan as viaxes, e a próxima xornada, enfrontamento co Vall d´Hebrón a domicilio.
 
 
   En Teis xogáronse, na mañá do sábado, dous partidos de Liga Galega, o primeiro, de xuvenís  comezou ás 10:00 no Municipal de Teis que sendo dirixido polo colegiado F.C. Cordeiro, tivo unha duración de 02h, e finalizou cun resultado de 2-3, con parciais 25-20; 25-21; 19-25; 19-25 e 13-15. Adestradores, local, R. Lago e visitante, J. Barrero.
   Xuvenil Teis: 18 Rodriguez, 8 Covelo, 9 Fernández, 12 Lois, 3 Carrete, 15 González, 5 Varela, 2 Clemente, 13 Dominguez, 4 Larrán (c), 1 Rodriguez (c) e 17 Fontes (c).
   FisiomásZalaeta: 8 Maca ©, 18 Paula M., 1 Marta, 2 Alba, 3 Sofía, 17 Susana, 6 Patri, 9 Sara, 15 Andrea, 14 Carla (c), 12 Inés (c) e 10 Paula L. (c).

   No primeiro set o FisiomásZalaeta non é capaz de meterse no partido que é dominado desde o principio polo Xuvenil  que se impón claramente cun xogo máis efectivo e sacando rendemento dos erros das visitantes. No segundo set parece que as coruñesas reaccionan, adiántanse no marcador aínda que con escasa diferencia pero de novo os erros fanlles perder as diferenzas e as de Teis non perdoan no último parcial e fanse co marcador.
   Esta era a tónica do encontro, moi axustados os resultados, todo daba a entender que o Xuvenil tiña encarrilado o encontro na terceira manga, que comezou dominando con diferenza importante ante a apatía das visitantes, pero estas, foron capaces de remontar no terceiro parcial no que cunha boa racha superan ás locais e fanse co set dándose así unha oportunidade, nun parcial no que o Xuvenil Teis sofre a baixa por lesión da súa xogadora nº8, Covelo. Co 2-1 no marcador o FisiomásZalaeta trata de aproveitar as súas posibilidades e vai cobrando pequenas diferenzas desde o principio do cuarto set, e cunha mejoría no seu xogo logra forzar o Tie-Break, que ten dúas fases, a primeira é do Xuvenil e a segunda das herculinas, que se impoñen 13-15 e fanse co partido.
   Do equipo local podemos destacar que estivo ben no saque e acertadas en defensa, realizou o seu xogo e sacou proveito dos erros do rival, e o visitante cometeu moitos erros de saque e en recepción, e ata que non lograron un ataque eficiente, non puideron facer valer a súa condición de favoritas.
   Coa celebración deste encontro aprazado, finaliza a Liga Regular cun meritorio segundo posto para o FisiomásZalaeta, detrás do EMEVE de Lugo, quedando á espera da celebración dos Campionatos Galegos da categoría.

+ FOTOS

  A continuación enfrontáronse os equipos de cadetes nun encontro dirixido por F.C.  Cordeiro cunha duración de 01h 46m e que finalizou 3-1 con parciais 25-18; 25-11; 23-25 e 25-12. Adestradores, local, R. Lago e visitante, D. Hermida.

   Xuvenil Teis: 4 Larrán ©, 10 Fontes, 8 González, 7 Gómez, 5 Veiga, 3 Dafauce, 15 Fernández (I), 9 branco, 12 González (I), 17 Urria (I) e 6 Martinez.
   CV Zalaeta: 11 Paula L. ©, 7 Alba, 3 Ana Mª, 9 Raquel, 13 Nerea, 10 Carla e 5 Inés.

   Partido marcado polas incidencias para o equipo visitante no que por diversas razóns extradeportivas non puido presentar o seu persoal completo, viaxando un equipo reducido para facer fronte ao Xuvenil Teis co que se xogaban a posición na táboa: segundo e terceiro posto, neste partido aprazado.
   Comezou o partido con manifesta superioridade local, que dominaron o marcador desde o principio e impuxéronse claramente, nun set marcado para as visitantes pola lesión de Carla, a nosa colocadora, co que se quedaron en número xustas para continuar o partido e tocadas anímicamente, co que no segundo set as de Teis superaron, con maior diferenza, ás coruñesas: 25-11.
   A reacción das coruñesas ten lugar no terceiro set, no que realizando un bo xogo, tanto en defensa, como en ataque, e sobre todo cunha gran decisión, logran superar ás locais e alargar o encontro coa posibilidade de obter a vitoria. De novo no cuarto set a mala sorte volve cebarse no CV Zalaeta cunha nova lesión , neste caso de Nerea, o que lastra a recuperación do equipo e o Xuvenil de Teis imponse no set e no partido.
   Bo encontro das locais en todas as facetas do xogo, partido moi completo en defensa, que lles permitía trenzar un efectivo ataque co que se impuxeron claramente, e no que tamén sufriron a lesión no terceiro set da súa xogadora nº3 Dafauce.
   Pola súa banda o CV Zalaeta realizou un  partido de circunstancias, no que foron de menos a máis, e no que o seu xogo soamente se viu lastrado pola mala sorte das lesións das súas xogadoras. O mellor do encontro o pundonor demostrado e as ganas de xogar para gañar malia as circunstancias, o terceiro set levárono porque creron nas súas posibilidades e na súa capacidade para enfrontarse a calquera rival. Destacar a decisión de Nerea de continuar na cancha malia a lesión para poder concluír o encontro, que arrastrou ao equipo, malia a derrota, a mostrar o seu orgullo e plantar cara ás dificultades.
   A todas as lesionadas nesta xornada aciaga, desexámoslles unha boa recuperación.
   Finaliza a Liga Regular, en terceira posición, co Voley Ourense de líder, e empatado a puntos co Xuvenil Teis, quedando a espera do Campionato Galego.

   

+ FOTOS

  
   Pola tarde no P. Rosalía de Castro de Vigo, xogouse o encontro correspondente á xornada 22 de Segunda División A entre  os equipos ELLAEL Vigo Voley e o CV Zalaeta. Comezou ás 17:00, e dirixido polo colegiado FC Cordeiro, tivo unha duración de 01h 45m e finalizou cun resultado 1-3, con parciais 25-18; 18-25; 19-25 e 19-25.Adestradores, local, Graña e visitante A. García de Dios.

   ELLALEL Vigo Voley: 5 Alcántara, 18 Gallidoiro, 3 Graña, 7 Parraes, 11 Abelleira, 1 Diego, 13 López e 9 Fandiño.
   CV Zalaeta: 7 Susana N., 18 Paula M., 5 Maca, 4 Alba, 8 Patri, 3 Sara, 15 Andrea, 10 Susana S., 11 Inés e 6 Paula L.

   Partido entretido o disputado entre estes equipos que serve para finalizar a presente tempada, e no que no primeiro set o ELLAEL impúxose claramente ao CV Zalaeta dominando o marcador desde o comezo. O segundo set foi diferente, tras un comezo frouxo das de Vigo, as visitantes foron obtendo unha considerable vantaxe que soamente ao final do set puideron maquillar as rivais para deixar un marcador 18-25. Na seguinte manga a coruñesas non deron opción ás rivais,  xa desde o principio puxéronse por diante e non permitiron que as inquietasen. No cuarto set o ELLAEL intentou prolongar o partido, dominaron o marcador o primeiro e segundo parcial, pero acabaron cedendo ante o empuxe do CV Zalaeta.
   O equipo de Vigo, de novo realizou un bo partido, cun bo ataque sobre todo polas ás e unha boa recepción, son un grupo veterano que ten moitos recursos, non se vén abaixo e saben estar na cancha, pero á contra, penalizan no xogo en rede en particular no centro, e poden perder empuxe a medida que avanza o partido.
   O equipo de Asier García tardou en entrar no partido, pero cando o fixo, centrouse e xogou ben ao ataque por todas as zonas, bloqueou e defendeu ben. Con este resultado o equipo do Instituto alcanza o subcampeonato da categoría na presente Fase Regular despois de que o CVP Comercial Durán, co que estaba empatado na segunda posición, perdese o seu partido co líder o Autos Rico UDC ante o que vendeu cara a súa derrota o sábado en Pontevedra.

TAGS: