Sorte dispar nas Ligas Galegas para os equipos do Instituto na 5ª xornada, na que todos os equipos xogaban fóra de casa.
Na mañá do sábado o equipo cadete CV Zalaeta desprazábase a Oleiros para xogar no Valle Inclán ante o Kinesiss Fisioterapia Oleiros, nun partido no que as do Instituto derrotaban ás de Oleiros por un resultado de 0-3, con parciais: 16-25; 17-25 e 6-25. Nova vitoria do equipo de Cristina, 5 de 5, que continúa na 2ª posición nun dobre empate co Ribeira Sacra que tamén gañou o seu partido ante o Liceo.
Pola tarde o equipo infantil xogaba no Municipal de Bembibre, ante o Xuventude Dubresa, onde caía derrotado por 3-0 con parciais 25-11; 25-8 e 25-11. Este resultado faille caer dous posiciónes na táboa ao CV Zalaeta, que agora ocupa a 6ª praza.
O domingo tocaba desprazamento a Bertamirans para xogar co Vitaldent Santiago Bruxas na categoría xuvenil e senior, tamén con sorte dispar nos esultados. Comezaban ás 10:30 as senior o seu partido ante o Bruxas, no que despois dun primeiro set igualado, as coruñesas cederon o segundo cunha avultada diferenza, para recuperarse no 3º. Recuperación que non foi suficiente e no cuarto as locais tomaron de novo as rendas do encontro para poñer o 3-1 no marcador, con parciais: 25-20; 25-12; 19-25 e 25-19.
A continuación enfrontábanse os equipos xuvenís, e agora o Zalaeta non deixou escapar a súa oportunidade e impúxose ás de Bertamirans nun apertado partido por 1-3, con parciais 19-25; 16-25; 25-22 e 21-25. Terceira posición para o CV Zalaeta, a 2 puntos da cabeza, e cuarta para o Bruxas.
A próxima xornada, partidos en casa, recibiremos a visita do Riberia Sacra de Monforte cos equipos de infantís, cadetes e xuvenís, e ao Korbis, tamén de Monforte, en seniors.