/SF2: C.V. TORRELAVEGA 1 AUTOS CANCELA ZALAETA 3

SF2: C.V. TORRELAVEGA 1 AUTOS CANCELA ZALAETA 3

  Desprazamento a Torrelavega para xogar o primeiro partido da segunda volta ante o equipo co que se comezou a tempada con vitoria no Barrio das Flores. Ás 18:00 comezaba o partido sendo dirixido polo colexiado Pedro Pidal Otero e cunha duración de 01h. 44m. finalizaba cun resultado de 1-3 con parciais: 21-25; 21-25; 25-20 e 18-25.

C.V. TORRELAVEGA: María Segovia, Cristina Hermosa, Alba Salazar Paola García, Ana Vergara, Aroa Sánchez, Lara Díaz, Noelia Neila, María Carcaba e Isabel Egusquiza. Adestrador Rubén Piquet.

AUTOS CANCELA ZALAETA: Patricia Santos, María Pedreira, Alba Quirós, Paula Lema, Andrea Rivas, Laura Vázquez, Marta Fraga, Lida Gudge, Inés Rivas, Susana Suarez e Noa Sánchez.

Adestradores Jorge Barrero e Fernando Cueto.

  Bo comezo de partido do Autos Cancela Zalaeta que logra o 0-1 minimizando os erros propios e aproveitando os do rival, 12 neste primeiro set, que en saque tivo unha mala actuación e permitiu inaugurar o marcador ás visitantes.

  Imos ao segundo set, alternancia no marcador ata o empate no punto 21, un parcial de 0-4 decanta o set para as de Barrero. O CV Torrelavega insiste nos erros, 10 no set, e as coruñesas melloran en saque e reducen aínda máis os erros propios, o que as leva a facerse cun punto ao gañar este segundo set.

  E chegamos ao terceiro, a oportunidade que as locais non poden desaproveitar se queren sacar algo positivo do partido. Cun comezo igualado, un parcial de 5-0 deixa o marcador en 8-4 e a partir de aquí as de Piquet non ceden sabedoras de que é a súa oportunidade, sempre por diante, non deixan que se lles achegue o rival a pesar de que o tentan a herculinas, pero nesta ocasión os erros vólvenselles en contra, e son elas as que entregan o set con 10 erros cando as rivais son mais comedidas e comenten soamente 6.

Chegamos ao cuarto e definitivo, no que os nervios traban ao equipo local e cometen o maior nº de erros do encontro, 14, suficiente para que as do Instituto despois dun comezo con alternancia no marcador, a partir do 9-9 poñan terra polo medio para lograr a maior diferenza do encontro: 18-25.

  Poucos puntos de ataque por ambos os equipos nun set no que os erros marcaron o resultado. O Zalaeta soubo rendibilizar o seu xogo, 40 puntos de ataque, 5 bloqueos e 8 ACES e bos números en recepción foron suficientes para impoñerse ao Torrelavega, que cometeu excesivos erros. Súmanse 3 puntos que non permiten avanzar ningún posto na clasificación, comprímea un pouco por arriba, e abre oco coa outra metade da táboa.

  Alba Quirós, máxima anotadora do encontro con 15 puntos, seguida de Andrea Rivas, Inés Rivas e Marta Fraga con 8 puntos cada unha. Por parte das cántabras, María Segovia con 14 puntos máxima anotadora seguida de Noelia Neila con 13. O próximo partido, en casa recibiremos o sábado 16 ao Cuesta Piedra S. Cruz de Tenerife ás 19:00 no Barrio.